Detectado o xenotipo 2 de BVD nunha vaca en Galicia

As análises de presenza desta cepa de BVD nas explotacións próximas deron resultado negativo, polo que se considera un caso illado. Esta variante da enfermidade está presente en países como Francia ou Alemaña, pero ata agora non fora detectada en Galicia.

Detectado o xenotipo 2 de BVD nunha vaca en Galicia

O BVD é coñecido como "a enfermidade das mil caras" pola dificultade para diagnosticala

Dentro do programa de control da Diarrea Vírica Bovina (BVD) que se leva a cabo nas Agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia, desenvolvido pola Consellería de Medio Rural e do Mar, detectouse a presenza do xenotipo 2 de BVD nun animal de raza Frisona de 30 meses de idade.

O programa de control de BVD nas explotacións de ADSG ten como obxectivo principal a detección de explotacións con posible circulación vírica, o que obriga á realización de analíticas periódicas en leite de tanque e ao control anual de animais menores de 24 meses para a detección de anticorpos fronte ao BVD.

A presenza de altos niveis de anticorpos en leite de tanque e a existencia de animais novos seropositivos indicaría a recente circulación do virus e polo tanto a sospeita da presenza dun animal con infección persistente (PI), principal fonte de difusión da enfermidade. Ante esta sospeita deben realizarse na explotación as probas necesarias para a detección do animal PI e a súa posterior eliminación con destino a matadoiro.

Un caso illado e o primeiro en Galicia

Neste caso o animal infectado pertencía a unha explotación que se incorporou no ano 2014 ao programa de ADSG o que xustifica que o animal se detectase cunha idade tan avanzada xa que nacera o 15/12/2012. Tras a realización das analíticas no Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia que indicaban a sospeita da presenza dun PI, a veterinaria da ADSG procedeu á realización de probas de antíxeno de BVD nas que foi detectado o animal.

Dende o ano 2014 realízase a tipificación dos animais positivos a antíxeno co fin de detectar as diferentes cepas do xenotipo 1 circulantes así como a posible presenza do xenotipo 2 en Galicia. Esta tipificación nace froito dun convenio de colaboración con Boehringer-Ingelheim España S.A. polo cal a Consellería de Medio Rural e do Mar cede as mostras para a súa tipificación nos laboratorios Neiker.

Durante os anos 2015, 2016 e 2017, a tipificación realizarase por parte da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela co fin de establecer un programa de vixilancia epidemiolóxica destinado a controlar as cepas de virus de BVD que circula en Galicia.

Non se detectaron novos casos nas explotacións próximas

Tras a detección deste caso realizouse un estudo de todos os animais da explotación (33 animais) así como dos familiares do animal presentes tanto nesta coma en diferentes explotacións, non aparecendo ningún outro animal positivo a antíxeno. É necesario mencionar que todos os machos do rabaño e da familia foron sacrificados novos con destino a matadoiro polo que non se ten información destes. O animal foi sacrificado poucos días despois da súa detección como PI cando aínda non se coñecía o xenotipo causante.

A sintomatoloxía descrita na explotación pola veterinaria encargada da ADSG, non evidencia que a cepa causante tivese alta virulencia xa que non existiron os signos clínicos descritos noutros países europeos onde si houbo casos clínicos severos. A tipificación posterior da cepa realizada na Universidade de Santiago de Compostela confirmou o resultado de Neiker de que se trataba do xenotipo 2 do virus da BVD.

Posteriormente realizouse un estudo en 29 explotacións lindantes co fin de investigar a posible presenza desta cepa de BVD, con resultados negativos, polo que se considera un caso illado.

Non obstante, a súa detección nun animal de máis de dous anos nacido en Galicia indicaría a circulación desta cepa de virus dende hai tempo, polo que non se descarta a súa presenza noutras explotacións. Ata agora realizáronse 284 tipificacións de animais PI nas que o xenotipo encontrado foi o 1, polo que en todo caso a presenza do tipo 2 en Galicia sería reducida.

Posible orixe en animais procedentes de Francia, Holanda ou Alemaña

De momento descoñécese a orixe desta infección pero estanse a realizar estudos nas explotacións próximas nas que hai unha alta taxa de reposición con animais de Holanda, Francia e Alemaña, países nos que é evidente a presenza do xenotipo 2 dende hai anos.

Como apoio ao programa de BVD implementar en Galicia, creouse un grupo de traballo integrado por técnicos da Subdirección xeralde Gandería, Laboratorios de Sanidade Animal, Universidade de Santiago de Compostela, Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e veterinarios de ADSG co fin de avanzar no control da enfermidade e implantar un programa de certificación que cualifique explotacións libres de BVD.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información