A Deputación da Coruña destina 150.000 euros para axudas a organizacións de produtores lácteos

A Deputación da Coruña destina 150.000 euros para axudas a organizacións de produtores lácteos

Establo de Gandería Sar, en Touro (A Coruña)

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña vén de publicar este mércores unha convocatoria de axudas destinadas ás organizacións de produtores do sector lácteo da provincia para diversas actividades.

Trátase dunha iniciativa pioneira pola cal a Deputación financiará con 150.000 euros accións de apoio ás sociedades de produtores lácteos que contemplan a orientación e formación práctica para a realización de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica, gastos de persoal das entidades beneficiarias, de funcionamento da propia entidade ou gastos derivados do asesoramento técnico para acadar obxectivos referentes á venda e estabilidade dos prezos do leite derivados da normativa vixente.

Poderán concorrer a esta convocatoria as organizacións de produtores lácteos inscritas no Rexistro Nacional de organizacións e as Asociacións de Produtores de Leite que consten no Rexistro Autonómico de Produtores de Leite de Galicia implantadas na provincia da Coruña.

Ademais do requirimento da inscrición nos diferentes rexistros, as sociedades produtoras deberán realizar unha breve descrición da actividade a desenvolver, un calendario programático, a declaración do número de persoas beneficiadas directa ou indirectamente, unha memoria detallada da súa organización e da súa implantación na provincia, sendas declaracións do número de produtores da sociedade e do persoal contratado e un orzamento de gastos e ingresos relacionado coa actividade a realizar, entre outras necesidades.

A través desta convocatoria de axudas, a Deputación ten como finalidade estimular as actividades gandeiras na provincia impulsando economicamente ao sector lácteo, obtendo así un impacto no tecido empresarial da provincia, coa creación de novos postos de traballo.

“Unha iniciativa que amosa un claro compromiso do ente provincial cos produtores para que poidan financiar distintos proxectos innovadores que permitan unha maior eficiencia no proceso industrial de produción de leite e acaden unha maior competitividade no sector lácteo en Galicia”, salientan dende o ente provincial.

Proximamente publicarase a convocatoria de axudas e o prazo para solicitalas no Sistema Nacional de Publicidade de Subvencións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información