Decreto de xurros: A OPL pide que as limitacións sexan por especie gandeira e por superficie dispoñible

Decreto de xurros: A OPL pide que as limitacións sexan por especie gandeira e por superficie dispoñible

Enterrado do xurro, o sistema que establece o Ministerio.

A Organización de Productores de Leche (OPL) critica a limitación ao esparexido de xurros establecida polo Ministerio de Agricultura que penaliza a utilización de cisternas con prato ou abanico -o sistema máis utilizado- á hora de cobrar as axudas da PAC.

Neste sentido, e en referencia á carta remitida polo secretario xeral de Agricultura e Gandaría, Carlos Cabanas, ao presidente de Cooperativas de España, e da que se fixo eco Campo Galego, desde a OPL denuncian a “falta de profesionalidade e de capacidade de xestión dos responsables do Goberno (…) que no canto de resolver os problemas, pretenden enfrontar aos sectores gandeiros entre eles”.

Na misiva remitida por Carlos Cabanas ao presidente de Cooperativas de España o representante do Ministerio de Agricultura explicaba que o principal motivo das restricións ao esparexido de xurros débese a que España se excedeu nos límites acordados de emisións de amoníaco -un 34% máis en 2015- fundamentalmente debido ao forte incremento da cabana porcina. Con todo o decreto sobre xurros afecta a toda a cabana gandeira, cunha importante repercusión nas granxas de vacún.

“Débese ter en conta a superficie real de vertedura que teña cada gandeiro”

Ante esta situación, desde a Organización de Productores de Leche defenden que o decreto “debería diferenciar a procedencia dos citados xurros, baseando dita diferenza nos niveis de contaminación de cada un, non sendo a mesma dependendo da especie do animal e da alimentación do mesmo”. “Ademais -engaden- debería de terse en conta, así mesmo, a superficie real de vertedura que teña cada gandeiro”.

Por iso, a OPL solicitará unha reunión urxente cos responsables do Ministerio para tratar un problema que din “afectará gravemente os gandeiros de vacún de leite, supondo un encarecemento maior dos custos de produción, especialmente en zonas onde é practicamente imposible abonar pradarías con pendente, aplicando as técnicas novas que se establecen co decreto, mediante as cales habería que inxectar o xurro no solo, estragando as pradarías de cultivo permanente”.

Ademais, advirten de que, ante a aplicación do novo decreto, necesitaríanse tractores de maior potencia, “é dicir, veriámonos obrigados a renovar parte da maquinaria, a renovar as cubas do xurro, para adaptalas aos equipos, con investimentos medios de 15.000 euros, máis outros 30.000 de cisterna”. No Ministerio non se prevén de momento axudas específicas para adaptar a maquinaria agrícola á nova normativa.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información