Decreto de xurros: En Galicia a Xunta pide tranquilidade mentres que en Asturias maniféstanse os gandeiros

Decreto de xurros: En Galicia a Xunta pide tranquilidade mentres que en Asturias maniféstanse os gandeiros

Manifestación esta mañá en Ovieu

“Tranquilidade, non fagades ningún investimento en equipo de xurros ata que a Consellería do Medio Rural publique en breve no Diario Oficial de Galicia unha resolución coas excepcións que vai haber na nosa comunidade ao Real Decreto do Ministerio”. Con estas declaracións a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, quixo transmitir calma ao sector ante o Real Decreto do Ministerio que penaliza o esparexido de xurro como se viña facendo de forma maioritaria ata agora, mediante cisterna con prato ou abano, ou con canón.

Ante varios centos de gandeiros que participaban no foro Top-Gan celebrado en Vilalba, a conselleira lembrou que “o sector vacún de leite é o que menos amoníaco emite en España”, tal e como confirman varios informes da Comisión Europea. E é que o exceso de emisións de amoníaco de orixe gandeiro -fundamentalmente debido ao aumento da cabana porcina- foi o levou ao Ministerio de Agricultura a aprobar este Real Decreto cuxo sector máis negativamente afectado é, sen embargo, o vacún de leite.

A Consellería xa enviou ao Ministerio de Agricultura as excepcións que vai pedir para Galicia, unhas excepcións que no caso de Asturias deixan libre de cumprir a norma ao 91% das parcelas. Neste sentido, Ángeles Vázquez adiantou algunhas das excepcións que ten previsto aprobar Galicia: a pendente dos terreos agrarios, o seu tamaño ou as condicións meteorolóxicas de aplicación destes produtos. “O xurro que se bota nos prados ou nas fincas en días con temperatura de menos de 12 graos non emite amoníaco”, precisou.

Ademais, precisou que as axudas que anunciou o Ministerio de Agricultura “van ser para reconverter e adaptar á normativa a actual maquinaria de esparcido de xurros, non para comprar maquinaria nova”.

Uns 1.500 gandeiros maniféstanse en Asturias contra o Decreto de Xurros

A Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros de Asturias (UCA-UPA) mobilizou a máis de 1.500 gandeiros esta mañá en Oviedo para reclamar ao Goberno que retire o novo decreto sobre xurros. A organización dixo que se trata dunha norma “imposible de cumprir para os pequenos produtores polo seu alto custo” e que “penalízaos cando, precisamente, os pequenos e medianos gandeiros son os máis respectuosos co medioambiente”.

“Trátase dunha norma imposible de cumprir para os pequenos e medianos gandeiros”, asegurou o secretario xeral de UCA-UPA, José Ramón “Pachón” García Alba, e calcularon que preto do 85% deles poderían pechar se o Goberno non retira esta iniciativa.

A organización agraria critica a falta de consulta e diálogo previo á publicación do decreto por parte do Ministerio. “Non se escoitou aos gandeiros nin aos Gobernos autonómicos, pero agora terán que escoitarnos a todos xuntos”, asegurou o secretario de Gandaría de UPA, o lalinense Román Santalla, presente na marcha desta mañá en Oviedo.

Desde a Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros afirmaron que esta primeira manifestación en contra do decreto celebrouse en Asturias polo seu simbolismo, “xa que precisamente Asturias é a rexión cuxa gandaría produce menos amoníaco de toda a Unión Europea”. Así mesmo, UPA promete que “haberá máis mobilizacións mentres non solucionen o problema” e non descarta que os gandeiros “caian sobre Madrid” se non son escoitados.

Por último, o Boletín Oficial do Principado de Asturias publica este venres as excepcións do goberno rexional á normativa de xurros e que permitirá eximir da aplicación ao 91% das parcelas.

O goberno municipal de Lalín pide solucións

O malestar creado no sector gandeiro, especialmente no de vacún de leite, pola normativa do Ministerio sobre os xurros tamén está a ser trasladado aos concellos máis gandeiros de Galicia, como o de Lalín.

Así, o tenente de alcalde e concelleiro de Actividade Agraria, Nicolás González Casares, adiantou que o Goberno municipal presentará unha moción no pleno ordinario deste mes na que se solicitará a posta en marcha de diferentes medidas en aras de paliar os efectos negativos que a nova normativa de aplicación de xurros pode carrexarlles ás explotacións lalinenses e do resto de Galicia.

O tenente de alcalde sostén que “loxicamente o Goberno non é contrario á aplicación desta lexislación inevitable dentro dun novo panorama global que camiña cara unha maior sostibilidade nas producións agrarias”, pero afirma que “a súa posta en marcha tal e como está plantexado o decreto, é totalmente inviable tendo en conta a realidade das explotacións galegas e afectaría moi gravemente ao sector, que leva anos nunha situación económica moi difícil”.

Entre as medidas que proporá o Goberno local para a súa aprobación en pleno están a solicitude ao Ministerio de Industria da reactivación das primas á produción de enerxías renovables a partir de xurros de gando, que se fixe un período transitorio imprescindible para aplicar a directiva do modo menos traumático posible ou que a Xunta convoque axudas de ata o 75% para a adquisición de maquinaria que permita cambiar a maneira de aplicar os xurros.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información