“Dando máis leite e xuntando as becerras medran máis e serán vacas máis produtivas”

Entrevista a Iván Ansia Vázquez, investigador galego da Universidade de Illinois, en Estados Unidos. Impartiu nas últimas xornadas de SERAGRO unha ponencia sobre a socialización das becerras e a súa alimentación. Explícanos nesta entrevista como facer unha mellor recría

“Dando máis leite e xuntando as becerras medran máis e serán vacas máis produtivas”

Iván Ansia Vázquez

Iván Ansia Vázquez é veterinario e actualmente traballa como asistente de investigación na Universidade de Illinois (EE. UU.). Participou o mes pasado nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de SERAGRO cunha ponencia sobre nutrición e socialización da recría para lograr unha lactación máis produtiva.

O seu campo de traballo neste momento dentro do doutorado en Nutrición Animal céntrase nunha serie de experimentos para comparar a dixestibilidade intestinal de diversos ingredientes para lactoreemplazantes e pensos de iniciación para becerras.

¿Como xurdiu o teu interese pola gandería de vacún e, en concreto, pola recría?
Pois xurdiu grazas ao meu avó quen me transmitiu a súa paixón polo gando e que fixo que pasar os veráns axudándolle na súa pequena granxa en Dozón, fose unha auténtica diversión cada día.

O meu interese pola recría foi recente, polo meu afán de aprender cousas que non sei, pois xurdiume a oportunidade de levar a cabo en Estados Unidos unha serie de proxectos de investigación con becerras lactantes e non dubidei en aceptar.

¿Cales son as principais carencias que segues detectando á hora de facer a recría?
En termos xerais, a principal carencia que observo tanto no noso país coma en calquera outra parte do mundo, é a falta dun método de cría e obxectivos claros e “estandarizados”. É dicir, a pesar de que todo o mundo ten clara a importancia de realizar unha excelente recría, como conseguir ese obxectivo aínda non está tan claro (número de tomas, cantidade de leite, oferta de forraxe, duración da lactancia, tipo de destete…).

Sen embargo, nestes últimos anos a investigación avanzou moito ao respecto e cada vez achegámonos máis a atopar o mellor sistema.

“Nas primeiras 2 semanas de vida debemos darlle á becerra entre 6 e 8 litros de leite”

No teu relatorio falaches de dúas claves da crianza das xatas: a alimentación e o proceso de socialización. En canto ao primeiro, ata hai poucos anos recomendábase limitar o leite durante as primeiras semanas e intentábase que a becerra empezase a consumir penso canto antes. ¿Cales son as últimas recomendacións en canto a alimentación das becerras e en que se xustifican? As máis recentes publicacións amosan que debemos facer exactamente ao revés do que no pasado se estaba a recomendar. É dicir, debemos maximizar a inxesta de leite nas primeiras semanas de vida. Tan só por incrementar a inxesta de leite nas primeiras 2 semanas de 4-5 a 6-8 litros de leite ao día podemos conseguir 1.74 kg máis de peso, con 110 gramos por día máis de ganancia ás 3 semanas de vida.

A clave está en que a pesar de que restrinxamos o consumo de leite durante as primeiras 3-4 semanas, as xatas non van incrementar nunca o consumo de penso pois o seu sistema dixestivo e o metabolismo non está preparado para elo. O leite é o único alimento para sustentar o crecemento durante esas primeiras semanas de vida.

Por iso, o sistema denominado “step-down” está gañando popularidade. Este consiste en ofrecer leite ao 20% do peso vivo (8-9 litros por día) nos primeiros 30 días de vida, e despois baixar ao 10% (6-7 l/d) ata o destete. Desta maneira conseguimos maximizar o crecemento nas primeiras semanas de vida e posteriormente fomentar a inxesta de alimento sólido no segundo mes.

Este método consigue reducir o estrés fisiolóxico do destete e logra maximizar a inxesta de proteína e enerxía a través do leite e o penso durante a lactancia, conseguindo maiores velocidades de crecemento, o cal está positivamente correlacionado cunha maior produción de leite na primeira lactación.

Pero tan importante como a cantidade de leite é como se lle dá. ¿Que pautas debemos seguir?
A temperatura do leite ou lacto-reemplazante debería estar entre 39 e 42 °C á hora de ser ofrecido. Este parámetro é importante por varios motivos: cada fabricante de lacto-reemplazante terá as súas específicas recomendacións en canto a temperatura de mestura para o seu produto e debemos seguilas pois do contrario, os nutrientes (graxa e proteína) non serán disoltos adecuadamente e a súa absorción verase afectada negativamente.

Por outro lado, unha correcta temperatura do leite evitará gastos de enerxía innecesarios por parte do metabolismo da becerra para axustar a temperatura unha vez inxerida; estimulará o consumo de leite e mesmo fomentará o cerrado da goteira exofáxica, o que evitará que o leite entre no rume provocando trastornos dixestivos.

En canto á altura, unha altura tanto do teto coma do caldeiro que provoque unha colocación natural (nin moi alta nin moi baixa) da cabeza, será a axeitada.

“Unha alta inxesta de leite non provoca diarrea na becerra, todo o contrario”

¿Pode provocar diarrea esta alimentación das becerras intensiva en leite? Definitivamente non. De feito, todo o contrario, pois altas inxestas de leite nas primeiras semanas de vida melloran a resposta do sistema inmunitario e incrementan a resistencia a patóxenos infecciosos.

Un erro común á hora de alimentar con altos volumes de leite (20% do peso vivo), é a “sobre-diagnose” de diarrea. Cunha maior inxesta de auga a través do leite, haberá máis auga nos excrementos, o que nos levara a pensar que o leite esta causando diarrea pero a realidade é que simplemente son excrementos máis soltos/líquidos. As diarreas que si poden causar problemas teñen unha orixe infecciosa e outros factores de manexo (encalostrado, hixiene, programa de vacinación.., etc) son os responsables da súa alta ou baixa incidencia.

O destete é unha fase de estrés. ¿Que consellos lles darías aos gandeiros para que as becerras superen ben esta etapa?
As últimas investigacións indican que facer un destete gradual, durante 7-10 días, resulta o máis beneficioso en termos de confort e ganancia de peso. Tamén é importante non realizar outras accións causantes de estrés (descornamento, agrupamento, cambio de penso, etc.) ao mesmo tempo que o destete.

“É moi recomendable que as becerras teñan acceso a heno de herba ou avea picada”

¿Desde cando se lle pode dar forraxe ás becerras e que características deben ter?
A pesar de que as becerras non van inxerir alimento sólido ata as 2 ou 3 semanas de vida, é importante que teñan acceso á forraxe dende os primeiros días de vida para que se afagan.

O acceso a forraxes das becerras lactantes estivo sempre en debate, sen embargo os estudios realizados nos últimos anos indican que o consumo de forraxe incrementa o consumo de penso e o peso vivo ao destete. Pero non vale calquera forraxe: se é moi palatable como heno de alfalfa vai reducir o consumo de penso e, pola contra, unha forraxe baixa en nutrientes dixestibles, como a palla de trigo, vai ocupar moito espazo no rume sen aportar nutrientes para o crecemento. Por tanto, as forraxes que parecen conseguir mellores resultados serán un heno de herba ou de avea picado a entre 2 e 4 cm e cunha moi boa calidade.

¿Nas primeiras semanas é suficiente o leite para a hidratación da becerra ou tamén debe ter auga fresca a libre disposición?
As becerras deben ter auga a libre disposición dende o primeiro dia de vida. Iso axudara á súa hidratación e tamén estimulará o consumo de alimento sólido. No caso dunha diarrea severa, a auga inxerida voluntariamente non será suficiente e deberemos continuar ofrecendo leite máis solucións de electrolitos a maiores para compensar as perdas de auga.

“As becerras que se crían xuntas comen e medran máis e adáptanse mellor ao robot ou á amamantadora”

Becerras en Granja San José

Becerras en Granja San José

A segunda parte da túa ponencia centrouse na importancia da socialización na becerras ¿Que beneficios lle aportan ás becerras o feito de criarse xuntas? Becerras que se crían en parellas ou grupos mostran múltiples beneficios en relación ao seu comportamento.

Así, estes animais mostran en xeral unha mellor adaptación aos cambios e polo tanto teñen menor tensión ante situacións de estrés como cando son destetadas, mezcladas con novos individuos ou cando se lles cambia a ración.

Ademais, becerras criadas en parella ou grupo comezan antes a inxerir alimento sólido e polo tanto conseguen ser destetadas cunha maior inxesta e un maior peso vivo, o cal repercutirá positivamente na súa futura vida produtiva, pois a maior consumo de alimento sólido ao destete maior será a produción na primeira lactación.

Un dos estudos que amosaches durante a túa ponencia nas xornadas de Seragro, concluía que as becerras que foron criadas en grupo adáptanse mellor á amamantadora e tamén ao robot de muxido. ¿Podes detallar os resultados? De momento non existen estudios que analizaran o efecto a longo prazo da cría en parella ou grupo. Pero de manterse na etapa adulta os efectos sobre a adaptabilidade do comportamento e a redución do estrés, obteríamos animais cunha maior facilidade para ser manexados no día a día dunha granxa, e a interacción cos distintos tipos de dispositivos robotizados coma os robots de muxido ou as amamantadoras son un claro exemplo deles.

¿Dende cando se poden xuntar e cal debe ser o número máximo de becerras por grupo?
Os estudios mostran que becerras emparelladas dende os primeiros días de vida obteñen máis beneficios en termos de comportamento, mellora da memoria e resposta ao estrés, que animais emparellados ou agrupados máis tarde (15-40 días de vida).

Ata aproximadamente 30 días despois de nacer, certas áreas do cerebro implicadas no procesamento e reacción ao contacto social, aínda están en desenvolvemento e podemos polo tanto influír nelas a través de proporcionar as becerras contacto con outros individuos. Estes cambios afectarán á composición e á fisioloxía do cerebro e do sistema nervioso, alterando permanentemente o comportamento destes animais na súa vida adulta.

De aí que ao igual que ocorre co efecto da inxesta de nutrientes nas primeiras semanas de vida sobre a produción de leite na primeira lactación, os efectos na etapa adulta vense magnificados canto maior e máis cedo ocorre ese contacto.

En canto ao tamaño do grupo, grupos excesivamente grandes (de máis de 7-8 animais) van demandar moito máis traballo para manter unhas condicións óptimas. O máis interesante é que incluso sendo criadas en parellas, obtemos os mesmos resultados en termos de comportamento e de inxesta de alimento. A clave está en eliminar o illamento social máis que no contacto con grandes grupos de animais.

¿Que criterios deberíamos seguir á hora de facer os lotes de becerras?
A cría en grupos ou parellas de becerras require as mesmas condicións xerais de confort e nutrición que animais criados individualmente. Debemos manter a mesma superficie por animal e para facilitar o manexo, animais na mesma parella ou grupo deberían ser o máis próximos posible en idade.

Sen embargo ¿xuntar as becerras non pode supor un maior risco de contaxio de enfermidades?
Si, o risco de contaxio de determinadas enfermidades é maior por existir contacto físico entre un animal e os patóxenos infecciosos provenientes dun animal enfermo.

“Os grupos non deberían ter máis de 8 becerras”

Sen embargo, este contaxio non se elimina ao crialas individualmente, tan só se reduce. Debemos traballar cara a prevención de aparición de enfermidades a través do manexo (encalostrado, hixiene, ventilación, vacunación, etc) e a alimentación, non cara a prevención do contaxio pois eso levaranos a perder os beneficios económicos da cría en grupos ou parellas.

O mais lóxico e rendible sería separar os animais enfermos para evitar o contaxio no caso de ter animais enfermos, en lugar de mantelos todos separados por si “ao mellor” algún se enferma. Ao igual que mencionei anteriormente, grupos moi grandes (de máis de 7-8 animais) van dificultar o manexo e polo tanto as probabilidades de aparición e contaxio de enfermidades, especialmente respiratorias debido á acumulación de gases. Traballar con pequenos grupos ou parellas parece a opción máis económica, doada e segura.

Lambeteo dos becerros: Uns sinxelos cambios para suprimilo

Algúns gandeiros son reacios a xuntar as becerras polo lambeteo. ¿É realmente prexudicial? ¿Como podemos suprimilo?
Cando as becerras se maman nos tetos do que sería o futuro ubre, si resulta prexudicial pois están eliminando o sellado interno que protexe os condutos do teto de patóxenos externos.

A acción “compulsiva” de mamar ven principalmente motivada pola inxesta de leite, e debemos intentar satisfacer esa necesidade. Algunhas das medidas que podemos aplicar son: alimentar con teto en lugar de con caldeiro, proporcionar acceso a leite mais de dúas veces ao dia, acceso continuo a un “teto seco” (teto sen aporte de leite), ofrecer altos volumes de leite (20% do peso vivo ao dia) e destetar as becerras gradualmente (durante un período de 7-10 días).

“Para ser competitivos en Galicia non nos queda outra que producir moito leite a baixo custo”

¿En que campos che gustaría continuar a túa labor investigadora e profesional? Pois a día de hoxe o que máis me apaixona é a recría e o comportamento e benestar tanto dos animais novos coma adultos. O único que me motiva é aprender, polo que espero nun futuro chegar a conseguir un traballo no que poda aportar un servizo, pero ao mesmo tempo seguir aprendendo sobre a produción de leite na súa totalidade.

Coa túa perspectiva de coñecer o sector de vacún de leite en Estados Unidos. ¿Cales son as súas principais fortalezas e como cres que poden ser competitivos os gandeiros galegos nun mercado globalizado?
A diferencia dos EEUU e doutros países, en Galicia non temos unha óptimas condicións para producir leite: temos baixos prezos do leite e altísimos custos (forraxes, concentrados, mao de obra, terra, enerxía, etc.), pouca superficie agraria por explotación, etc.

Polo que, como levamos facendo satisfactoriamente nos últimos anos, tócanos especializarnos en producir moito leite a baixo custo, independentemente do sistema que escollamos (intensivo ou extensivo).

O obxectivo sempre debe ser conseguir cada posible litro extra de leite e de sólidos a través dalgunhas das medidas de manexo que mencionei aquí sobre a recría, e moitísimas outras (xenética, benestar, forraxes, reprodución, etc) antes que simplemente incrementar os custos de alimentación.

¿Algo máis que queiras engadir?
Estes dous aspectos sobre os que fixen a miña presentación (incremento da oferta do leite e favorecer unha socialización dende cedo) poden resultar bastante “chamativos” e parece que van en contra do que se nos leva ensinando desde fai moitos anos.

“En Canadá é tendencia alimentar as becerras con leites acidificados, con acceso as 24 horas e sen necesidade de amamantadora”

Pero exactamente asi funciona a ciencia e a industria, adaptándose e aprendendo continuamente. As investigacións sobre estes aspectos do manexo cada vez son de maior calidade e máis numerosas. Debemos manter unha mente aberta aos cambios e cuestionar sempre as novas recomendacións pero nunca negalas.

En Norteamérica, especialmente en Canada, estanse a tomar en serio estas novas tendencias e estanse perfeccionando algúns métodos coma o emprego de leites acidificados que permiten o acceso ao leite as 24 horas do día sen a necesidade dunha amamantadora, e á vez permiten a cría en grupos ou parellas. Nos vindeiros anos sairá máis información ao respecto con maior detalle sobre como levar a cabo estas medidas e conseguir aínda mellores resultados.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información