Dairylac apostará polo queixo do país curado para exportación

A compañía, liderada pola cooperativa Aira, consolida a presenza da súa gama Arzúa-Ulloa e Tetilla nos liñais galegos e está a deseñar os produtos que lanzará para o resto do Estado e para o estranxeiro

Dairylac apostará polo queixo do país curado para exportación

O director xeral de Dairylac, Iago Quintana, á dereita, na súa intervención no seminario AgroSmartcoop.

Dairylac continúa a avanzar no seu proxecto de transformación do leite. A compañía, liderada polas cooperativas Aira, Icos, Agris e Codeira, presentou o pasado setembro a súa gama de queixos Arzúa-Ulloa e Tetilla, coa que xa ten presenza nos liñais galegos, e prepara o lanzamento de novos produtos para o resto de España e para o estranxeiro.

O director xeral de Dairylac, Iago Quintana, que participou onte nunha xornada de Agaca sobre innovación (Proxecto AgroSmartcoop), confirma que Dairylac está a deseñar os queixos que dirixirá ó resto de España e ó estranxeiro. “A nosa gama actual de Arzúa-Ulloa e Tetilla si pode ter distribución a nivel estatal, pero son queixos que, polas súas características, son de complicada exportación ó estranxeiro”, valora Quintana.

De cara ó mercado internacional, Dairylac traballa en varias liñas, unha delas é a produción de queixo do país curado baixo a denominación Arzúa-Ulloa, o coñecido como ‘queixo da nabiza’, duro, seco e de sabor intenso, que ata agora tiña unha presenza residual nas queixerías da denominación, se ben xa era considerado como un produto con potencial para a exportación.

Outra opción que non descarta Dairylac é a produción de queixo de San Simón e traballa tamén noutras liñas, que a compañía polo de agora non quere desvelar.

Queixos Tres Viajeros, de Dairylac.

Queixos Tres Viajeros, de Dairylac.

Proxecto
Para o lanzamento da súa gama inicial de queixos, que xa ten presenza en Gadis e nuns días estará tamén en Vegalsa-Eroski, Dairylac traballou en colaboración cunha queixería de Arzúa-Ulloa, se ben de cara ó futuro está a pechar decisións estratéxicas que poñan fin á actual situación de provisionalidade.

De xeito paralelo ó proxecto queixeiro, a compañía continúa co traballo que vén desenvolvendo na súa planta de Melide, na que elabora leite pasteurizado, manteca e nata para hostelería e supermercados, así como produtos para outras industrias. Este ano prevé rematar con 38 millóns de litros de leite procesados e 14 millóns de euros facturados, polos 7,7 millóns de euros e 24 millóns de litros facturados no 2016.

Ao lado da planta de Melide, Dairylac ten en construcción unha torre de secado de leite e soro que prevé poñer en marcha no 2018.

A compañía, liderada polas cooperativas galegas e con participación da Xunta, experimentará a partir do 1 de xaneiro un cambio formal no seu accionariado, pois Icos e Agris pasarán a integrarse -xunto con outras cooperativas- en Aira, que quedará como accionista de referencia de Dairylac.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información