“Cultivar millo forraxeiro e ter pradeiras é unha vantaxe competitiva para os gandeiros galegos”

Un grupo de 55 gandeiros de vacún de leite de Irlanda do Norte visitou Galicia a finais de setembro para coñecer como funciona o noso sector lácteo. Cóntanos como son as súas granxas e cales son as súas impresións da viaxe

“Cultivar millo forraxeiro e ter pradeiras é unha vantaxe competitiva para os gandeiros galegos”

Grupo de gandeiros norilandeses na súa visita ao Centro Experimental do Marco da Curra (CIAM)

Un grupo de 55 gandeiros de vacún de leite de Irlanda do Norte, no Reino Unido, visitaron Galicia os pasados 25, 26 e 27 de setembro para coñecer o sector lácteo galego.

A visita, organizada polo DAERA, o Departamento de Agricultura, Medioambiente a Asuntos Rurais de Irlanda do Norte, contou coa colaboración da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL).

Durante a súa estadía visitaron granxas de vacún de leite na Pastoriza (Lugo), o Centro Experimental do CIAM no Marco da Curra (Xermade), o complexo de fertilizantes da cooperativa DELAGRO nas Pontes ou a fábrica de pensos de PROGANDO en Muimenta (Cospeito).

3.000 granxas de leite que están moi preocupadas polo BREXIT

O grupo destes 55 gandeiros do condado de Antrim leva traballando dende hai 25 anos como unha central de compras en común de subministros para as granxas (abonos, pensos…etc) . Contan cunha media de 140 vacas en muxido e 8.000 litros por vaca, cun 4,2% de graxa e un 3,3% de proteína. Porén, dentro do grupo a tipoloxía de explotacions é moi variada: partindo da base de que case todas practican pastoreo, hainas cunha media de 6500 litros por vaca, para as que teñen unha alimentación baseada case exclusivamente no pasto, a outras con 11.000 litros de produción por vaca, para as de estabulación intensiva.

En canto ás súas inquedanzas, e ao igual que case a totalidade das 3.000 granxas de vacún de leite de Irlanda do Norte -un territorio cunha extensión de 14.000 km cadrados, case a metade que Galicia- a súa preocupación fundamental é o Brexit.

E é que algo máis do 80% dos 2 millóns de toneladas de leite que produce actualmente esta provincia destínase á exportación, e máis 30% do seu leite véndeno a industrias lácteas da República de Irlanda, un comercio diario que de confirmarse un Brexit duro co restablecemento de fronteiras e aranceis viríase claramente perxudicado.

Neste sentido, as previsións do Dairy Council Northern Ireland (DCNI) son de que de confirmase un Brexit polas bravas os gandeiros de vacún de leite de Irlanda do Norte de Irlanda perderían de media uns 12 céntimos de euro por litro, que neste momento rolda os 29 céntimos por litro máis calidades.

A continuación falamos con algúns dos gandeiros norirlandeses que visitaron Galicia, e que coinciden en destacar o alto nivel técnico e xenético das gandeiras galegas, o seu elevado investimento en establos -moito máis sinxelos en Irlanda do Norte- e a vantaxe competitiva que supón para os galegos poder cultivar millo forraxeiro en rotación con herba.

Brian Henry: “O cultivo do millo permítevos ser moito máis competitivos”

Brian Henry é propietario dunha pequena gandería con 40 vacas en muxido, e que non conta con relevo xeneracional.

A súa é a típica granxa irlandesa ata hai uns anos: vacas que pastorean de marzo a novembro e que no inverno se alimentan básicamente con silo de herba. En canto á raza, fai un cruce programado alternando a Holstein, coa Jersey e coa Roxa Sueca, unha tendencia á alza nesta provincia do Reino Unido.

A media de produción é de 6000 litros cun 4,2% de graxa e 3,7% proteína. Vende o leite a Lakeland Dairies, unha cooperativa da República de Irlanda, e percibe un prezo medio de 0,28 euros o litro máis calidades. Non en van, sitúa o Brexit como a súa principal preocupación neste momento.

Da súa visita a ganderías galegas amósase sorprendido en positivo: “Estou impresionado polo nivel técnico que teñen. O cultivo do millo permite aos gandeiros seren máis competitivos na produción”. “En determinados aspectos os gandeiros galegos están máis adiantados que en Irlanda do Norte”, conclúe.

Jhon M´Conaghy: Media de 7.000 litros en pastoreo e de 6 partos por vaca

Jhon M´Conaghy posúe xunto co seu fillo e coa súa dona unha granxa de 100 vacas en muxido baseada no pastoreo. “As vacas van ao pasto dende comezos de marzo a novembro e fano día e noite durante o verán e primavera. Tentamos cultivar a mellor herba posible e ensilar o que nos sobra para o inverno”, explica.

Ao igual que o resto de granxas, toda a base territorial está ao redor da explotación, o que favorece o pastoreo e reduce os custos de produción.

No seu caso as razas que empregan para os cruces son a Holstein, a Fleckvieh e Ayshire, unha raza británica caracterizada polas súas altas calidades. Conseguen que as vacas cheguen de promedio aos 6 partos, cunha lactación anual de 7.000 litros ao 4,3 de graxa e 3,3 de proteína.

O leite véndenllo a DALE Farms, unha cooperativa da que son socios e que é propiedade de 1250 gandeiros de Irlanda do Norte e de Gran Bretaña. Ao igual que os seus compañeiros o prezo neste momento rolda os 0,28 euros o litro máis calidades.

Este gandeiro, fillo tamén de gandeiros, e cuxo fillo tomará en breve o temón da granxa, móstrase orgulloso da súa profesión: “É un traballo duro pero é unha vida bonita, que che permite traballar con animais e en plena natureza, tomando ti as súas propias decisións”.

De Galicia chámalle a atención que se invista tanto diñeiro nos establos: “Os nosos son moito máis sinxelos, aquí invístese moito diñeiro”, ademais da vantaxe que supón o cultivo do millo.

Roy Irwin: Unha granxa en intensivo con 10.000 litros de media por vaca

Roy Irwin é un gandeiro activo, membro da directiva do  Northern Ireland’s Dairy Council.

A súa explotación, na que xa tomou o relevo o seu fillo, é das poucas pero cada vez máis granxas en intensivo.

Contan con 200 vacas en muxido e unha base territorial -milk platform- de 120 hectáreas arredor da granxa. As súas vacas producen unha media de 10.000 litros por animal, cunha media de 4,5% de graxa e 3,7% de proteína. A media de partos é de 3,5, inferior á media.

O rabaño está estabulado pero saen ao pasto un mínimo de 90 días ao ano, pois así llelo esixe Marks & Spencer, a cadea de supermercados na que se vende o seu leite envasado.

En canto a raza, hai anos que se cambiaron da British Frisian para a Holstein, debido á súa maior produción.

Preguntado polas claves da rendibilidade dunha gandería,Roy Irwin destaca que “é moi importante coidar a saúde do rabaño e iso empeza pola recría, pois é aí onde se determina a produción da vaca adulta”. Ademais, destaca a importancia de non realizar investimentos non rendibles en maquinaria. De feito, no seu caso subcontrata todos os traballos agrícolas e de sacar o xurro.

En canto ás súas preocupacións como gandeiro, sitúa como número 1 o Brexit:
“Sentímonos bastante vulnerables a consecuencia do Brexit, porque as cooperativas irlandesas mércannos arredor do 50% do noso leite e non sabemos que vai pasar se empeza a haber aranceis”.

David Kwasnieswski: “O penso non debe pasar dos 350 gramos por litro de leite”

David Kwasnieswski é asesor nutricional en ganderías de vacún de leite do Norte de Irlanda. Explica que a ración normal para as vacas de vacún de leite nesa parte da illa está baseada nun 70% na herba, tanto pasto como silo de herba, e entre 25 e 35% en cereais, soia e polpa de remolacha. “Como máximo os gandeiros empregan 350 gramos de concentrado por litro de leite producido”, engade.

Explica tamén que os silos de herba teñen de media entre un 12 e un 15% de proteína e que a proteína do concentrado varía do 15 ao 21%, dependendo da calidade proteica da herba.

En canto ás tendencias no sector en Irlanda do Norte, conta que “cada vez hais máis granxas con estabulación intensiva, e estase apostando polos robots de muxido, amamantadoras automáticas…etc”. Sobre as tendencias en xenética, asegura que “estase indo a vacas de raza Holstein, cruzadas con Montbelier ou Fleckvieh, e cada vez hai menos British Frisian”.

Por último, da súa primeira visita a ganderías galegas destaca “a alta calidade xenética e a atención que se lles presta ao benestar das vacas”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información