Como frear o descenso do consumo de leite?

A baixada do consumo de leite líquido en España foi do 6,35% no periodo 2012-2017, en tanto os derivados lácteos perderon un 0,72%. A Interprofesional Láctea aumenta os seus investimentos en promoción, que centrará nos lácteos de orixe español

Publicidade
Como frear o descenso do consumo de leite?

Sección de produtos lácteos nun supermercado. / Arquivo.

O consumo de leite continúa un progresivo declive en España. Son varios os factores que explican o descenso do consumo, que foi do 6,35% en leite líquido no periodo 2012-2017. A evolución da poboación cara unha pirámide demográfica máis avellentada e o cambio dos hábitos de consumo, coa entrada das bebidas vexetais e a perda de peso dos almorzos, explican os cambios. Para o sector lácteo, constitúe unha preocupación fundamental frear a tendencia de caída do consumo.

A baixada da inxesta de lácteos nótase sobre todo no leite líquido, en tanto os derivados aguantan mellor, cunha baixada de só un 0,72% no último lustro. A Interprofesional Láctea (Inlac), un órgano no que participan industrias, organizacións agrarias e cooperativas, acordou este verán aumentar os esforzos en promoción do consumo de lácteos de cara ós próximos anos.

A Fruga oponse a que se dobre a aportación das granxas á Inlac

Aportacións das granxas
Co obxectivo fundamental de adicar máis fondos a promoción, a Inlac decidiu aumentar as aportacións á Interprofesional tanto das industrias como das propias explotacións, algo que non contenta a todo o sector. Desde a Federación Rural Galega (Fruga) cuestionan que a Inlac dobre a cota que recada das ganderías galegas e considera que este organismo é inútil, pois “a súa actuación respeito ós prezos do leite é nefasta”.

A cota que a Inlac recada das granxas era no 2015 de 0,15 euros por cada 1.000 litros e pasará no 2019 a ser de 0,30 euros por 1.000 litros. Para unha explotación media de 300.000 litros, iso supón pasar de pagar 45 a 90 euros ó ano.

Desde as organizacións que participan na Inlac, caso de Unións Agrarias-Upa, consideran que paga a pena o esforzo. “Son cartos que van para promoción en máis dun 70%. Que hai cartos, faise promoción do consumo dos lácteos, implícase a nutricionistas e médicos e trátase de mellorar o consumo. Que non hai cartos, non se fai” -explica Román Santalla, de Unións Agrarias-Upa.- “A Inlac é un instrumento para promover o consumo do leite, non lle deamos máis voltas. Outra cousa é que os prezos do leite no campo deberan subir en España, que está claro que si”, conclúe Santalla.

Promoción da orixe
A Interprofesional destinará un total de 11,7 millóns de euros a promover o consumo de leite no periodo 2019-2022. Unha das novidades das súas campañas a partir do ano que vén é que se centrarán en exclusiva no consumo de lácteos españois. A publicación do decreto que obrigará ó etiquetado da orixe dos produtos lácteos é “inminente”, segundo Santalla, que destaca que de xeito paralelo, “logramos un compromiso na Interprofesional para dirixir a promoción ós lácteos españois”.

“Cómpre lembrar tamén que a demanda para identificar a orixe dos lácteos xurdiu nas mobilizacións que protagonizamos ante a distribución en decembro do 2015. Daquela semellaba unha cuestión difícil de lograr, pero o decreto sairá publicado estes días”, conclúe Santalla.

A maiores da orixe, outro elemento que a Interprofesional está a tratar de introducir nos etiquetados é o lema ‘3 lácteos al día’, co que se lembra a recomendación de nutricionistas de consumir alomenos tres racións de leite ou equivalentes en derivados cada día.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información