As claves de Rogelio Grille para lograr unha boa recría

Resumo da ponencia de Rogelio Grille, veterinario de Seragro e director de Recría Castro, sobre preparación da vaca antes do parto na Xornada Técnica de Produción de Leite organizada por Africor Lugo.

As claves de Rogelio Grille para lograr unha boa recría

Rogelio Grille durante a súa ponencia

Que é facer unha boa recría? “É facer un animal san, cun bo sistema inmune que lle permita evitar e superar enfermidades e infeccións, ben desenvolto e cunha estrutura corporal que lle permita explotar todo o seu potencial produtivo”. O que responde é Rogelio Grille, director do novo centro de recría público de Castro de Rei, que en poucos días comezará a súa actividade.

Na Xornada Técnica sobre Produción de Leite, que xuntou este mes no auditorio da facultade de Veterinaria de Lugo a máis dun cento de gandeiros, centrada, nesta edición número 11, na recría, deu algúns consellos para mellorar o reemprazo nas explotacións de leite, fundamental para asegurar o seu crecemento e rendibilidade.

Secado 5 semanas antes do parto

A primeira idea na que insistiu Rogelio Grille foi que o traballo de recría comeza moito antes do nacemento da becerra, no momento mesmo do secado da nai. “A vaca comeza a producir costro e a realizar a transferencia de anticorpos desde o torrente sanguíneo ao costro 5 semanas antes do parto, aínda que a máxima produción dáse nas dúas semanas anteriores de parir, polo que se facemos secados de 5 semanas xa estamos axudando no proceso de recría porque estamos favorecendo a produción de costro, que ten un papel fundamental na recría”, destacou Rogelio Grille.

En todo caso, non recomendou menos dun mes de secado porque “para que o costro teña un mínimo de calidade precísase un mínimo de 4 semanas de período seco”, dixo. Sobre o período mínimo de secado, tamén recomendou amplialo no verán, xa que o estrés por calor pode reducir a calidade e produción de costro, especialmente nas primeirizas, e tamén adiantar o secado nos casos de xestacións xemelares.

“Precísase un mínimo de 4 semanas de período seco, que debe ser maior no verán”

En relación á ración das vacas secas e preparto, este veterinario de Seragro explicou que son diversos os estudos que indican que as racións diarias ricas en enerxía axudan á produción de costro. “Pero hai que ter coidado con que isto non supoña un engraxamento da vaca xestante, que sería contraproducente”, dixo. Sobre a alimentación tamén explicou que “nos ensilados hai potentes inmunosupresores, igual que na auga, que prexudican a presenza de inmunoglobulinas (IgG) no costro”.

Do mesmo xeito, durante a xestación o sistema inmune da nai ten que relaxarse para que a cría saia adiante e non sexa rexeitada polo propio organismo da súa proxenitora, polo que virus como o BVD ou parasitos como o neospora poden afectar á becerra a través do ambiente uterino fetal. “A solución neste caso é non ter circulación destes virus na explotación”, indicou, porque as consecuencias, dixo, poden ser graves: “unha becerra que se infeste durante a xestación será portadora de neospora toda a súa vida, co risco de abortos e fallos reprodutivos, así como a transmisión a súa descendencia”.

Durante a vida fetal uterina vanse conformando os órganos defensivos da xovenca, polo que as posibles alteracións no ambiente materno acaban provocando patoloxías na cría. Un órgano no que se aprecian con frecuencia é o timo, mesmo con ausencia do mesmo ou falta de desenvolvemento con hipofuncionalidade. Estas xovencas arrastrarán unha falta de resposta fronte a patóxenos e o conseguinte atraso no crecemento.

Minimizar o estrés das vacas secas

Pero, ¿que máis podemos facer coas vacas secas para favorecer a recría? Outro dos consellos é evitar o estrés das vacas durante as semanas previas ao parto. “Temos que ter moito coidado con iso porque minimizar o estrés da nai axuda á creación do sistema inmune da becerra durante a etapa fetal, ademais de favorecermos a calostroxénese da vaca, co obxectivo de que a nai produza a maior cantidade de costro posible e da mellor calidade posible, con anticorpos, para despois pasarllos á xata a través da inxesta dese costro”, dixo.

En canto ás instalacións, as vacas secas requiren metros cadrados suficientes e ambiente seco e limpo. “A superprodución nas vacas secas é moi contraproducente porque xera estrés e aumenta a circulación de patóxenos”, asegurou Grille.

“O secado é un bo momento para desparasitar”

Tamén considerou o momento do secado “un bo momento para desparasitar porque iso contribúe a reducir o estrés da vaca antes do parto”. Do mesmo xeito, hai que evitar mover as vacas e facer cambios de lotes para minimizar a tensión e o nerviosismo das xestantes. Por iso propuxo facer un lote preparto onde os animais pasen de 21 a 28 días, é dicir, as tres ou catro semanas previas a parir.

Recomendou asemade usar a vacina do rota-corona-coli nas vacas xestantes para deste xeito e a través do costro inmunizar ás becerras. “Xa que temos esta posibilidade temos que aproveitala porque o rotavirus, o coronavirus e o escherichia coli son tres dos peores virus nas primeiras semanas de vida das xatas”, afirmou.

Propuxo vacinar ás nais entre 6 e 3 semanas antes do parto para incrementar deste xeito a cantidade de anticorpos en costro fronte a estes tres perigosos axentes que están presentes habitualmente no medio no que se vai desenvolver a becerra. “A vacina é unha ferramenta que temos que usar; nas explotacións grandes sen ela é moi difícil loitar contra o rota-corona-coli”, insistiu.

Ambiente seco nas parideiras

A cama seca é clave para as becerras

A cama seca é clave para as becerras

A medida que aumentan os rabaños aumentan tamén os problemas de xestión de partos e prepartos nas granxas, con espazo insuficiente na maioría delas. Malia estes problemas habituais, é moi importante manter a limpeza e a calidade do espazo preparto, facendo fincapé en lograr na medida do posible un ambiente seco e parideiras limpas, para evitar deste xeito o contacto da becerra, acabada de nacer, con xermes e patóxenos.

“No momento do nacemento a becerra, que ven dun medio idílico a 38ºC, atópase nun medio diferente ao que se enfronta sen defensas, polo que a carga vírica e bacteriana do medio cando nace condiciona toda a súa existencia”, asegurou. “As explotacións medran e canto máis grandes son maior é a probabilidade de infección e quen máis sofre ese medio hostil son os animais que acaban de nacer”, engadiu.

 “Hai que extremar a limpeza nas parideiras e dos boxes das becerras”

Pero non só hai que extremar a limpeza nas parideiras, senón tamén no espazo ocupado polas becerras nas vindeiras semanas. “Nas primeiras 5 semanas de vida o seu sistema inmune non está desenvolvido, polo que o ambiente no que naza esa xata e estea durante ese primeiro mes vai ser fundamental”, insistiu Rogelio Grille, que engadiu que “mesmo até a semana 15 o sistema inmune propio é bastante primitivo, polo que temos que manter un ambiente moi bo para evitar problemas porque nesas primeiras 15 semanas é cando se dan a maioría das infeccións e pneumonías, polo que se pasamos ese proceso temos moito feito, pero saír desa fase con éxito non é só que a xata saia viva, é tamén saír indemne e sen danos”, argumentou.

O costro: cantidade, calidade e canto antes

Os ruminantes, a diferenza dos humanos, nacen sen defensas, xa que estas non pasan da nai á filla a través da placenta, como acontece no noso caso. “Nas vacas as inmunoglobulinas son unhas proteínas moi grandes que non son capaces de atravesar a placenta, polo que hai que pasarllas á cría a través do costro”, indicou Rogelio Grille. É o que se chama “transferencia pasiva” das defensas.

O responsable de Recría Castro centrouse na súa ponencia no papel fundamental do costro en relación á saúde das becerras, sen afondar noutra das funcións relevantes do costro, o de acelerador do crecemento.
Grille insistiu na regra das tres cés para a utilización e obtención do máximo rendemento ao costro: dar á becerra a maior cantidade posible de costro da mellor calidade e no menor tempo posible desde o nacemento da xata.

“Penso que é mellor dalo con biberón”

“Hai que muxir á nai canto antes despois de parir, porque canto máis tempo pasa o costro é de moita menos calidade ao estar xa mesturado co leite que comeza a segregar o ubre da vaca, polo que se cando chegamos á cuadra nos atopamos unha vaca parida, o primeiro que temos que facer é muxir esa vaca e darlle ese costro á xata”, recomendou, sobre todo se o nacemento se produciu pola noite e non foi detectado até a mañá seguinte, cando xa transcorreron moitas horas.

Rogelio Grille non é partidario de deixar á becerra coa nai despois de parir confiando que mame soa o costro. “Penso que é mellor dalo con biberón, se somos capaces, ou con sonda para garantir a inxesta por parte do animal que acaba de nacer de 4 litros de costro nas primeiras horas”, recomendou. A regra sería asegurar que a xata tome as seguintes cantidades de costro: 10% do seu peso vivo nas primeiras 6 horas despois do parto (4 litros para unha becerra media duns 40 quilos ao nacer) e outro 5% (2 litros) 12 horas máis tarde.

Muxir e arrefriar

Para este veterinario experto en recría, é preciso ademais someter ao costro a un proceso que garanta a súa conservación e o mantemento das súas propiedades. O que hai que facer é muxir a vaca canto antes (aconséllase obter o costro nas primeiras 4 horas desde o parto) nas mellores condicións hixiénicas posibles (limpar o ubre como se fose para ir para o tanque do leite e usar un equipo de muxido en bo estado) e logo arrefriar inmediatamente o costro obtido, “porque se o deixamos a temperatura ambiente en moi pouco tempo estará en malas condicións porque a multiplicación de xermes será moi grande”, razoou.

 “O costro perde calidade porque tardamos en muxir a vaca, porque non o tratamos axeitadamente ou porque tardamos en darllo á cría”

Por iso recomendou botar o costro obtido inmediatamente despois de telo muxido nunha botella e arrefrialo nun balde de auga con xeo para baixarlle rapidamente a temperatura antes de gardalo na neveira, onde se conserva durante algúns días, ou no conxelador, onde dura meses. “Sempre hai que ter reservas”, dixo, para ser usado en casos nos que a nai non produce o suficiente ou nos que a súa escasa calidade non aconsella darllo á súa cría. Nese caso recorreremos ao costro que temos como reserva. No caso de estar conxelado, quentarémolo ao baño maría.

“O costro perde calidade porque tardamos en muxir a vaca, porque non o tratamos axeitadamente ou porque tardamos en darllo á cría”, asegurou. Hai que ter en conta que a máxima absorción de inmunoglobulinas por parte da becerra prodúcese nas primeiras 6 horas despois do parto, antes de que se peche o intestino. “Temos que facer que as inmunoglobulinas cheguen ao intestino do animal, que está virxe, antes que os xermes patóxenos, por iso é fundamental dar o costro canto antes”, explicou.

En relación á calidade do costro, Rogelio Grille fixou tres parámetros principais:

– un contido en inmunoglobulinas de tipo G superior a 50 gramos por litro
– presenza de menos de 100.000 xermes por miligramo de costro
– que estea libre de patóxenos

“Temos que traballar con costro de vacas sás e libres de infeccións crónicas, porque do contrario o que facemos é pasarlle esas infeccións á becerra a través do costro”, dixo antes de volver insistir en que “os parámetros de calidade do costro veñen condicionados polo manexo das vacas secas”.

De feito, a súa principal conclusión foi que “se nós lle axudamos á vaca seca e á becerra no momento de nacer asegurámonos unha boa transferencia inmunolóxica teremos moito camiño andado; deste xeito marcaremos as diferenzas”, concluíu.

O Centro de Recría da Deputación de Lugo comezará a funcionar “nos próximos días”

O centro de recría impulsado pola Deputación de Lugo nas instalacións da granxa Gayoso Castro, no concello de Castro de Rei, comezará a funcionar “en poucos días”, segundo avanzou nas xornadas Rogelio Grille, que será o seu responsable como director de Recría Castro, a empresa que resultou adxudicataria deste centro público.

Rogelio Grille destacou que se trata dun “proxecto empresarial rigoroso” que pretende “devolver aos gandeiros que usen o centro unha becerra sá e ben criada que se achegue aos 630 quilos de peso con 8 meses de preñada e que volva parir antes dos dous anos de vida á explotación na que naceu.

“Son as metas que nos marcamos de comezo e penso que son obxectivos posibles a curto prazo e que agardamos poder mesmo mellorar no futuro”, asegurou.

O centro terá capacidade para recriar 3.000 xovencas e terán preferencia aquelas procedentes de explotacións da provincia de Lugo. “Queremos crear animais de alta calidade e capacidade produtiva ao menor custo posible, criados en condicións óptimas. Xa temos as instalacións e estamos neste momento procurando as ferramentas de produción necesarias, entre ellas a man de obra que precisamos”, explicou.

No proceso de posta en marcha das instalacións, fixaranse obxectivos a acadar para cada etapa de crecemento en función das distintas idades das becerras e estableceranse protocolos de traballo “para que o traballo se converta en rutina”, avanzou Rogelio Grille, que destacou que “o produto empeza na explotación onde nace a xata, porque momentos como o secado, o preparto ou o parto condicionan todo o proceso que despois nós sexamos capaces de implementar e que poidamos cumprir os obxectivos marcados para ese animal concreto”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información