Cinco claves para evitar sancións nos controis de condicionalidade da PAC

Repasamos algúns dos motivos máis frecuentes en Galicia polos que se aplican penalizacións nas axudas da Política Agraria Común. Abordamos tamén as perspectivas na aplicación de xurros no agro

Cinco claves para evitar sancións nos controis de condicionalidade da PAC

O reparto de xurros en Galicia pode seguir facéndose polo de agora co sistema de prato ou abano.

A normativa de condicionalidade da Política Agraria Común (PAC) obriga ás explotacións beneficiarias das axudas europeas a manter boas prácticas medioambientais e de produción. As esixencias europeas, que se recollen nos anexos do Real Decreto 1078/2014, enfócanse a evitar o deterioro da auga e do solo, así coma a garantir cuestións coma o benestar animal e a trazabilidade dos produtos agrarios, entre outras.

En Galicia e no resto do Estado, desenvólvense cada ano controis específicos das explotacións beneficiarias da PAC en materia de condicionalidade. Cando se detectan incumprimentos de certa gravidade, a Administración aplica unha penalización que adoita oscilar entre o 3 e o 5% das axudas da PAC que cobra a persoa afectada. Se nos anos seguintes, se detectasen reiteracións no incumprimento, a penalización nas axudas podería subir entón ata o 15%, e de percibirse no sucesivo que hai unha intencionalidade nas infraccións, podería chegar a retirarselle á explotación a totalidade das axudas desa campaña.

Abordamos algúns dos principais incumprimentos da condicionalidade da PAC que se veñen detectando en Galicia co xefe do servizo en Lugo do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Fernando López, que esta semana ofreceu unha charla sobre a condicionalidade da PAC, organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Lugo. Tamén repasamos con el a situación da normativa de aplicación de xurros no agro.

1) Almacenamento de estercos

Os estercos non poden estar depositados directamente sobre o terreo, xa que poden provocar infiltracións ó solo. “O ideal é que se almacenen sobre unha base de formigón con recollida de efluentes” -explica Fernando López.- “En ocasións, hai ganderías que almacenan o esterco baixo cuberto e que non teñen recollida de efluentes. É unha posibilidade que podería servir sempre e cando se trate de estercos secos e que non haxa perigo de escorrentías provocadas polas choivas, pois do contrario, estariamos ante unha infracción clara”, analiza.

Os incumprimentos sobre o almacenamento de estercos é un dos motivos máis habituais para a aplicación de penalizacións da PAC en Galicia. “Tamén se detectan algúns problemas co almacenamento de puríns, pero son moito menores”, sinala López.

2) Aplicación de xurros no campo

Que obrigas vai haber no 2019 para a aplicación de xurros no campo? É unha cuestión da que está pendente todo o sector gandeiro. A intención última do Ministerio é obrigar a medio prazo a que a gran maioría das aplicacións se fagan con sistemas de inxección no solo ou tubos colgantes, evitando o reparto dos puríns por medio de sistemas de canón, abano ou prato. O tema xa quedou así regulado, pero polo de agora admítense excepcións, como foi o caso da establecida pola Xunta a comezos do 2018, cando autorizou as aplicacións de abano ou prato, quedando prohibido o canón.

O decreto ministerial que regula a PAC para o 2019 volve permitir que se fagan excepcións autonómicas de xeito xustificado, polo que todo apunta a que a próxima campaña manterase en Galicia como a actual. “Non sabemos con que marxe temporal xogamos, pero a estas alturas ninguén dubida de que no futuro haberá que adaptar os sistemas de distribución de xurro ás novas esixencias” -valora Fernando López.- “Para quen teña que renovar xa os equipos de reparto de xurro, a recomendación é que adquira un equipo que lle permita adaptarse á normativa”, conclúe.

Charla sobre a condicionalidade da PAC organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Lugo.

Charla sobre a condicionalidade da PAC organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Lugo.

3) Efluentes dos silos

Os efluentes que saian dos silos teñen que ser recollidos, xa que se consideran altamente contaminantes. “A maioría dos novos silos de trincheira de formigón xa cumpren normalmente con esa recollida, pero nos silos que se fan sobre un plástico, con frecuencia non se está facendo esa recollida. Si é verdade que nos atopamos poucos silos que se fagan directamente sobre o solo, é un aspecto no que se avanzou, pero continúa habendo problemas cos efluentes”, incide o xefe de servizo do Fogga en Lugo.

Ante esas situacións, López recomenda que as explotacións prioricen investimentos. “A diferencia económica entre facer as cousas mal e ben non é tan grande. É preciso tomar conciencia de que son cuestións que hai que correxir”.

4) Coidado do entorno das explotacións

Unha escena habitual que se detecta nos controis de condicionalidade da PAC é a de explotacións onde os plásticos das bolas de silo están ciscados sen orde polo entorno. “Quedan onde coincide e moitas veces son arrastrados polo vento ou quedan expostos á choiva con restos de silo. É certo que hai unha dificultade na xestión deses plásticos, porque a súa recollida por un xestor especializado igual só se fai unha vez ó ano, pero é necesario telos recollidos nun punto e evitar este panorama”, advirte Fernando López.

5) Parcelas abandonadas ou con malas prácticas

A maiores dos controis específicos de condicionalidade, a Administración desenvolve inspeccións da PAC relativas á admisibilidade das parcelas e a cuestións administrativas. Se en calquera deses controis se detectan incumprimentos da normativa da condicionalidade, cúrsase tamén o correspondente expediente sancionador.

Un dos motivos de incumprimento da condicionalidade nas parcelas é a declaración na PAC de terreos abandonados, que levan varios anos sen segar ou sen ser aproveitados polo gando. “Esa situación non só repercute na admisibilidade da parcela na PAC, senón que se considera tamén un incumprimento da condicionalidade. É un problema que, con máis frecuencia, detectamos en determinadas zonas que se caracterizan ou ben por un menor grao de profesionalidade ou por beneficiarios de maior idade”, explica Fernando López.

Á hora de controlar as parcelas, é posible tamén a detección doutros problemas relativos á condicionalidade, como pode ser a aplicación de fitosanitarios ou de fertilizantes nas marxes de cursos de auga. A normativa obriga a deixar cinco metros de marxe nos que non poderá haber cultivos agrarios nin se poderán aplicar fitosanitarios nin fertilizantes ou xurros.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información