Campaña de ensilado de herba 2018: menos cantidade e de menor calidade

A maioría das explotacións de Galicia non puideron realizar un abonado axeitado das pradeiras polo que o ensilado, á marxe de retrasarse, prevese de pouca cantidade e de menor calidade. Tamén contan que se anulen boa parte dos segundos cortes

Campaña de ensilado de herba 2018: menos cantidade e de menor calidade

Colleitadora da cooperativa Os Irmandiños cortando herba para ensilar.

As chuvias foron ben recibidas polos gandeiros logo dun verán de seca que castigou ó campo e ás súas reservas de auga, porén as continuas precipitacións, sen case treguas dende que comezou o ano, están a afectar directamente á campaña de ensilado de herba. Boa parte das ganderías de Galicia non puideron realizar un abonado axeitado das pradeiras que traerá consecuencias directas nos primeiros cortes: menor calidade e menos cantidade de herba.

Á marxe de que as choivas senten as bases para un segundo corte de boas calidades, moitas das explotacións con rotación de cultivos optaron por anulalos. Céntranse en preparar as terras para a sementeira do millo, que tamén prevén que se retrase nalgúns casos posto que as terras están enchoupadas.

Con respecto á campaña do ano pasado -que tamén foi excepcional permitindo ter xa realizado nestas datas o primeiro corte en boa parte de Galicia- calculan que o ensilado poida retrasarse case un mes, e en torno a quince días con referencia a un ano habitual. Todo iso se as previsións de bo tempo para esta semana se cumpren.

Na sementeira do millo, a tendencia tamén será a optar por ciclos máis curtos, chegando a ciclos de 180 nas zonas do interior, aínda que implican producións menores. Pero polo de agora mantéñense cautos e á espera de ver como se presenta o tempo.

Recomendacións para o abonado das pradeiras

Boa parte dos gandeiros non conseguiron realizar o abonado das súas fincas, unha tarefa que na meirande parte de Galicia adoita levarse a cabo arredor do mes de marzo. Naquelas pradeiras onde a herba estea xa próxima ó corte, os técnicos recomendan non abonar posto que implicaría retrasar máis a súa recolleita.

Namentres que, nas pradeiras que aínda teñen unha herba pequena, as recomendación pasan por un aporte de fertilizantes cunha unidade de nitróxeno alta pero cun reforzo de fósforo e potasio, para axudar a recuperar. Precísase un abono que actúe con rapidez. Recomendan agardar a que se poida acceder ben ás fincas para evitar deixar rodeiras.

As chuvias tamén provocaron unha importante acumulación de xurros nas explotacións polo que dende os servizos técnicos piden prudencia no manexo dos alivios temporais e facelo con extrema precaución e respecto ó medio ambiente.

A situación nalgunhas das principais comarcas gandeiras

Na Mariña
Na Mariña lucense as tarefas de ensilado van con certo retraso e calculan que boa parte dos segundos cortes queden anulados como apunta Santiago Sousa, director de Área Cultivos e Mecanización da cooperativa Os Irmandiños.

En canto á sementeira do millo, asegura que “nas zonas nas que se ían facer dous cortes se só se fai un aínda estariamos en tempo para a sementeira habitual, pero tamén hai que ver se se poden traballar as terras, posto que polo de agora están moi molladas”.
Estima que poida producirse un atraso de entre 10 ou 15 días e agarda poder seguir cos ciclos habituais de millo de entre 350 e 250. Optarán por estudiar cambios se a finais de abril continúan sen poder traballar as terras.

Lugo Centro
Dende o servizo técnico da cooperativa Agris apuntan que “moita xente aínda non abonou para o ensilado de herba e se non se abona tampouco se recolle. A calidade baixa e tamén a cantidade”. Aseguran que algúns gandeiros xa non poderán abonar, posto que a herba está demasiado grande.

Tanto con respecto ó ano pasado como a outros anos, a sementeira de millo vaise retrasar. A previsión é que comece a partir do 20 de maio, sempre que o tempo mellore, cando habitualmente se iniciaba co comezo dese mes. “Aínda hai que abonar, cortar e preparar a terra, todo iso vai levar máis dun mes, como mínimo”, calculan.

Dende a cooperativa son conscientes, ademais, de que existe unha importante carencia de alimento nas explotacións. “O ano pasado había máis excedentes, este ano hai explotacións axustadas de comida”, explican.

Lugo Sur
No sur de Lugo, dende o servizo técnico de Icos recoñecen que as chuvias foron moi necesarias para que o campo se recuperase e poden propiciar boas colleitas a longo prazo. Porén, agora afrontan que boa parte dos gandeiros non puidesen abonar o que provocará menos calidade e cantidade.

Tamén vaticinan que será unha colleita con maior dificultade na conservación. “De non mellorar o tempo daranse todos os efectos dunha mala labor: non se poderán facer presecados, levará terra, haberá que empregar moitos conservantes… o que tamén influirá na calidade”. Pese a isto, inciden en que as chuvias tamén propiciaron que poida darse unha segunda colleita de calidade.

Porén, para os gandeiros que fan un ciclo combinado de herba e millo, que son boa parte dos da zona, a situación é máis complicada. O feito de atrasar a sementeira, propicia que se valoren ciclos máis curtos para evitar que a fase decisiva da floración e creación da espiga coincida con épocas de moita calor.

A Coruña
Na Cooperativa Agraria Provincial da Coruña (CAP) o equipo técnico calcula que a campaña de recollida de herba este ano “leva uns 20 días de atraso con respecto a un ano normal”. Polo de agora estiman que “as explotacións que facían dous cortes de herba terán que quedar só con un e aquelas que contan con fincas só para o millo tamén están sufrindo atrasos porque non se pode sementar”.

Concretan que naquelas explotacións nas que só se vaia facer un corte de herba antes de sementar o millo “non está a haber retraso”.

Comarca de Xallas e Barcala
Na comarca de Xallas e Barcala, o xerente de Ganxabar, Adrián Cundíns, apunta que “polo de agora so fixemos un primeiro corte no 50% da superficie que tiñamos previsto e non puidemos facer nada máis”. Xa dan por perdido un corte de herba e calidade na forraxe. “Hai un só corte con moito volume e pouca calidade de herba. O abonado foi case perdido. A herba medrou pero xa tiñamos que estar facendo o segundo corte porque o abonado xa ten 80 días”, explica.

Tamén estima que perderán produción de millo ó retrasar o ciclo. Contaban sementalo xa nestas semanas así que non descartan ter que recortar tamén a duración do ciclo.

O Deza
Na comarca do Deza a campaña de ensilado está tamén moi retrasada. “A maioría das explotacións non foron capaces aínda de abonar, porque os terreos están moi encharcados “, explican dende o servizo técnico da Cooperativa Cobideza. Valoran que poidan producirse máis dun 50% de perdas ó non poder abonar ou facer cortes de limpeza.

Calculan que a sementeira se atrase case un mes e que poidan variar os ciclos. Na mentres que en zonas de Vila de Cruces e Silleda acostuman a sementar xa a finais de abril ciclos largos de 400, este ano non cren que poidan facelo ata o remate de maio e incluso variando o tipo de millo. O mesmo acontece en zonas máis frías coma Lalín e Rodeiro, onde acostuma a realizarse máis tarde. Calculan que se opte por ciclos máis curtos sobre todo de 300 e 260 e incluso se escollan os de 180.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información