Calma tensa nas granxas ante a primavera

Os aumentos de produción dos últimos meses e a inestabilidade do mercado xeran preocupación no sector gandeiro, se ben espérase a continuidade dos prezos no campo, cunha lixeira tendencia á baixa, e que non haxa problemas de recollida

Calma tensa nas granxas ante a primavera

O sector espera unha primavera sen problemas de recollida.

Galicia encara unha primavera que se espera que sexa tranquila no sector lácteo, pero hai nerviosismo pola inestabilidade do mercado e polos aumentos de produción dos últimos meses, que están obrigando ás industrias a restrinxir novos aumentos de entregas.

A tendencia dos contratos das grandes industrias segue unha liña de estabilidade de prezos para a maior parte da produción. O principal problema radica na parte do leite pagado a prezo B, referenciado ós produtos lácteos industriais, naquelas empresas que manexan prezos A e B, como é o caso de Capsa e Reny Picot, con fórmulas que rondan o 60-80% do leite a prezo A e o 20-40% a prezo B.

“A caída do prezo B do leite leva a unha caída do prezo medio en Galicia e afecta en cadea á maioría do sector” (Óscar Pose, Unións)

“En Capsa, por exemplo, o prezo B pasou duns 37 céntimos a 31 no último mes, o que leva a que o seu prezo medio baixe, e algo similar sucede en Reny Picot” -explica Óscar Pose, de Unións Agrarias-. “Ao baixar o prezo nestas industrias, cae o prezo medio en Galicia e iso repercute en cadea noutras empresas que teñen referenciado o seu contrato á media galega de prezos, como é o caso de Lactalis. Por tanto, aínda que os prezos base dos contratos que se están a renovar se manteñen, o prezo do leite está a caer lixeiramente, como xa se viu no prezo de xaneiro. En calquera caso, non se esperan grandes variacións”, conclúe Pose.

Aumentos de produción
O último informe do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) recolle unha caída do prezo medio do leite en xaneiro de 0,5 céntimos, tanto a nivel galego como estatal. En Galicia, o prezo medio queda en 31,7 céntimos. Outro dato que destaca do informe é o aumento das entregas en máis dun 5% en relación a xaneiro do pasado ano, tanto a nivel galego coma do conxunto de España.

Ese aumento das entregas levou a que as industrias estean xa advertindo de que non poden asumir máis leite, como é o caso público de Celega, o que orixina inquietude entre os produtores. “Hai certo nervisiosismo porque pálpase a sensación de que hai un exceso de produción, aínda que esa sensación non se plasmou en ningún problema concreto”, explica o director xerente da Asociación Galega de Cooperativas, Higinio Mougán.

Manteiga e leite en po
A situación en canto ós produtos lácteos industriais segue a ser positiva na manteiga, a pesar das baixadas de prezo dos últimos meses, pero preocupa o mercado do leite en po. O seu prezo está en mínimos históricos, 137 euros / 100 quilos, un 30% menos que a mediados do 2017, e ten mal pronóstico pola decisión da Comisión Europea de seguir sacando a subasta todo o leite en po almacenado das crises dos últimos anos, máis de 300.000 toneladas.

“Hai unha sensación de exceso de produción que non se plasma na práctica, xa que polo de agora non hai dificultades” (Higinio Mougán, Agaca)

Este ano, a maiores, tampouco hai intervención pública de leite en po a prezo fixo, senón que será a prezo variable, por subastas de compra á baixa, o que representa un novo buraco na feble rede de seguridade que mantiña o sector.

“En toda Europa hai unha sensación de volatilidade dos mercados e de nervisiosismo, algo que tamén sucede en Galicia, pero polo de agora é máis unha cuestión de sensacións que de dificultades na práctica. Entre as cooperativas, a gran maioría teñen contratado todo o leite ou gran parte a varios meses, así que non debería haber problemas” -analiza Higinio Mougán.- “Hai normalidade, pero tamén preocupación por posibles cuestións puntuais, sobre todo en Semana Santa, cando pechan algunhas queixerías”, puntualiza.

Tampouco se esperan problemas coas granxas que operan con primeiros compradores intermediarios, aínda que non se descarta que na primavera poidan xurdir incidencias puntuais.

Máis alá da primavera, a previsión é de estabilidade. “Probablemente o aumento das entregas que está habendo se ralentice ou se chegue a parar nuns meses” -valora Óscar Pose.- “No 2017 esperábase unha recuperación maior dos prezos e houbo máis recría ou máis compras de gando nas explotacións. Esa mellora non chegou, pero agora non é sinxelo reducir no curto prazo as entregas de leite”, conclúe Óscar Pose.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información