Cales son as comunidades nas que as vacas producen máis leite e duran máis?

Cales son as comunidades nas que as vacas producen máis leite e duran máis?

A Confederación de Asociacións de Frisoa Española (CONAFE) acaba de publicar os Resultados do Control de Rendemento Leiteiro do período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2017.

Os resultados revelan cal é a evolución da cabana española de vacún de leite, tanto en calidades, produción media por vaca e lonxevidade das mesmas, así como a situación en cada Comunidade Autónoma.

O retrato robot en 2017 dunha vaca de leite española en Control Leiteiro sería un animal que pare aos 26 meses, que chega a unha idade media de 4,6 anos e que produce ao ano, nunha lactación normalizada a 305 días, un total de 10.152 quilos de leite, cun 3,65% de materia graxa e un 3,21% de proteína.

Se se comparan os datos cos de fai dez anos a mellora foi notable en produción, un 12% máis, aínda que non tanto en calidades. Así, en 2007 a produción media era de 9.037 quilos por vaca, aínda que as calidades eran similares en graxa (3,66%) e algo inferiores en proteína (3,15%).

Pero se entramos a analizar os datos por Comunidades Autónomas existen notables diferenzas. Galicia, a Comunidade co 40,4% da cabana nacional en control leiteiro -138.926 vacas dun total 344.041 animais en toda España- sitúase na media española: 26 meses de idade na primeira lactación e 56 de lactación vitalicia e unha produción media de 10.097 quilos de leite por vaca, pero iso si, con calidades superiores á media nacional, sobre todo en materia graxa (3,82%) e, algo menos, en proteína (3,23%).

Aragón é a Comunidade na que as vacas producen máis leite e Baleares na que menos

A comunidade con maior produción media de leite por vaca en 2017 foi Aragón, con 12.122 quilos por animal, cunhas calidades de 3,49% de graxa e 3,31% de proteína. A idade ao primeiro parto foi tamén a máis baixa, 24 meses, pero tamén a lonxevidade dos animais: 51 meses de media.

En postos de cabeza en canto a produción tamén destacan a Comunidade Valenciana e Castela e León, que ocupan a segunda e terceira posición con medias de 11.662 e 11.220 quilos de leite por vaca en 2017, respectivamente.

No lado oposto sitúase Baleares, cun modelo máis extensivo e baseado no pastoreo. Así, aínda que é certo que a produción media foi a máis baixa de España (8.492 quilos por vaca, cun 3,30% de graxa e un 3,14% de proteína), e que a idade ao primeiro parto foi a máis alta (27 meses), sen embargo consegue as vacas máis lonxevas: 67 meses de media.

Produción media de leite por Comunidades Autónomas en 2017:

CONAFE_CONTROL_LEITEIRO_2017

José Moreira (Africor Coruña): O obxectivo é aumentar a lonxevidade das vacas

Para José Moreira, director técnico de Africor Coruña, os datos de Conafe “demostran que en Galicia estamos a facer ben as cousas, pois nada menos que o 40,4% das vacas en Control Leiteiro de España son galegas, melloramos en recría ata situarnos na media española en inicio da primeira lactación, do mesmo xeito que en produción media, e en calidades os nosos gandeiros pasaron dunha porcentaxe de 3,78% en 2016 a unha media de 3,82% en 2017, o máis alto de España”.

Como retos, o representante de Africor-Coruña destaca a necesidade de seguir baixando a idade ao primeiro parto. “O óptimo sería chegar a unha media de entre 22 e 24 meses, pois non só suporía reducir o custo de recría (1,60 euros de media por día), senón que está demostrado cientificamente que as xatas producen máis leite na primeira lactación”, destaca.

Ademais, José Moreira destaca tamén a necesidade de aumentar a lonxevidade das vacas para reducir os custos de recría e lograr lactaciones vitalicias máis elevadas, mellorando así a rendibilidade das gandarías.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información