Cal é o destino dos cartos pagados á Interprofesional Láctea?

A Inlac desenvolveu en Santiago unha xornada de achegamento ó sector gandeiro e industrial para explicar o seu traballo. O 70% dos seus fondos adícase a campañas de promoción do consumo de leite

Cal é o destino dos cartos pagados á Interprofesional Láctea?

O director xeral de Gandería, José Balseiros; o vicepresidente da Inlac, Xosé Manuel Tellado, e a presidenta, Charo Arredondo.

As granxas están a pagarlle á Interprofesional Láctea (Inlac) 0,15 euros por cada 1.000 litros de leite producido. A mesma cantidade abonan as industrias por cada 1.000 litros adquiridos. O destino de todos eses cartos, que no periodo 2019-2022 rondarán os 11,7 millóns de euros, é con frecuencia descoñecido polos gandeiros. Para achegar o seu traballo ó sector, a Interprofesional vén de desenvolver unha xornada en Santiago na que participou o equipo directivo da entidade, no que se integran representantes das industrias lácteas, cooperativas e organizacións agrarias.

Campañas de promoción
“O 70% do presuposto da Inlac destínase a campañas de promoción e comunicación”, explicou na xornada a directora xerente da Interprofesional, Nuria Arribas. É coñecido que o consumo de produtos lácteos en España atravesa un descenso progresivo, que ronda o 6% na última década, cun descenso máis acusado en leite líquido (10%) e menor en derivados coma os queixos.

O consumo de produtos lácteos en España reduciuse arredor dun 6% na última década

En busca de frear esa situación, a Interprofesional está desenvolvendo campañas televisivas e en medios de comunicación para ligar o consumo de leite a unha boa nutrición e a hábitos de vida saudables. Conta para iso coa colaboración dun comité científico, que avala recomendacións nutricionais como as da campaña ‘3 al día’, na que se promove o consumo dun mínimo de tres racións de lácteos diarios, situando ó leite na base da pirámide alimenticia.

A campaña ‘3 al día’, que incluíu un forte investimento na difusión de spots nas cadeas de televisión de A3 Media e Mediaset, está a ter continuidade este ano e o próximo coa campaña ‘Súmate a la generación láctea’, que busca ligar o consumo de leite a un estilo de vida saudable, baseado nunha axeitada nutrición e na práctica deportiva. No marco desta campaña, que conta cun ‘roadshow’ que está percorrendo toda España, facendo parada en espazos como campus universitarios, tamén se está patrocinando a liga infantil de baloncesto da ACB.

Entre os gandeiros asistentes á xornada de Santiago, trasladóuselle á Inlac a preocupación polas campañas de desprestixio que está a sufrir o sector gandeiro por parte de determinados colectivos, coma animalistas ou defensores de dietas veganas. Desde a Interprofesional insistiuse en que as campañas de comunicación que está desenvolvendo, avaladas por un comité científico, son o mellor xeito de contrarrestar o que considera ‘fake news’ (noticias falsas) sobre o sector, que se intensifican de cando en cando por redes sociais.

Existe preocupación entre os gandeiros polas noticias falsas que se difunden sobre o leite e sobre a gandería

A Interprofesional tamén ten previsto desenvolver en breve unha campaña de dignificación dos gandeiros, que incluirá a difusión de vídeos na televisión para explicar o traballo que fan os profesionais do campo, con frecuencia descoñecido pola sociedade.

Outra das iniciativas de promoción que está desenvolvendo a Interprofesional é a campaña ‘Es Queso’, que trata de divulgar as distintas variedades de queixo que hai en España entre o consumidor español, pois o consumo de queixos foráneos continúa a ser a principal vía de entrada de produtos lácteos importados.

Índices de indexación e transparencia
O segundo pilar do traballo da Interprofesional céntrase en mellorar a transparencia da cadea de valor do leite. Un 15% dos fondos da Inlac adícase á funcións de vertebración do sector, un capítulo no que entran cuestións como os índices de indexación do leite que ofrece a Interprofesional para referenciar os contratos lácteos.

Asistentes á xornada de Santiago.

Asistentes á xornada de Santiago.

A Inlac, que tamén desenvolveu recentemente un estudo sobre o reparto de valor na cadea láctea, mantén ademais actividades permanentes coma o comité de enlace coas cadeas de distribución, coas que traballa para mellorar a creación de valor para industrias e granxas. Precisamente o equipo directivo da Inlac, que estivo onte en Santiago, vén de ter unha reunión esta mesma semana coa distribución, á que está tratando de convencer da necesidade de reducir as vendas a baixos prezos de leite e doutros produtos lácteos.

Investigación e xestión
O 15% dos fondos restantes da Interprofesional repártense entre Investigación + Desenvolvemento + innovación (I+D+i), que se leva o 7% do presuposto, e a xestión da orde ministerial de extensión de norma (8%).

Debate
A xornada desenvolta pola Inlac en Santiago contou na súa primeira parte coa presenza do director de Gandería da Xunta, José Balseiros, quen sorprendeu polas críticas que lanzou contra a Interprofesional. Balseiros sinalou que Galicia “non se sente representada na Inlac” e cuestionou o seu traballo, unhas críticas ás que respondeu a presidenta da Interprofesional, a gandeira cántabra Charo Arredondo (Coag). “Estamos defendendo a capa e espada ó sector, está claro que nos gustaría facer máis e se non se fai é porque non podemos” -subliñou-. “Encantaríame que o 100% dos gandeiros coñecese o noso traballo e tamén quero deixar claro que ningunha das persoas que estamos aquí cobramos un duro”, concluíu.

Sorprenderon nas xornadas as críticas que a Xunta lanzou contra a Interprofesional Láctea

Entre os asistentes á xornada, estivo tamén o vicepresidente da Inteprofesional, o lucense Xosé Manuel López Tellado (cooperativa Aira); o secretario da Inlac, Luis Calabozo, da Federación de Industrias Lácteas; e representantes das organizacións agrarias, como Javier Iglesias, por parte de Unións Agrarias-Upa, que cubriu a ausencia de última hora do lalinense Román Santalla (Unións Agrarias-Upa), vicepresidente segundo da Inlac.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información