Cae a importación de leite líquido, pero continúa aumentando a de queixos

A etiquetaxe en orixe dos produtos lácteos, que entra en vigor mañá, frea parte das compras ó exterior, pero os queixos estranxeiros seguen destacando na oferta das cadeas de distribución

Cae a importación de leite líquido, pero continúa aumentando a de queixos

Liñal de queixos dunha cadea de distribución.

A etiquetaxe en orixe dos produtos lácteos, que entra en vigor mañá martes 22 de xaneiro, permitirá que o consumidor poida identificar se os produtos lácteos que merca foron elaborados ou non con leite producido en España. O obxectivo de trasfondo da medida é o de reducir parte das importacións lácteas, de xeito que as ganderías españolas poidan aumentar a súa produción para cubrir unha maior cota do consumo interno.

O éxito da medida medirase co tempo, pero as tendencias de mercado dos últimos meses apuntan uns primeiros logros e retos. En leite líquido, a maior parte das industrias e cadeas de distribución xa foron adaptándose á norma nos últimos meses. As importacións de leite e nata sen concentrar sitúanse baixo mínimos, en 119.500 toneladas nos dez primeiros meses do 2018, 26.000 menos que no mesmo periodo do 2017 e 43.000 menos que nos dez primeiros meses do 2016.

O reto sitúase en competir cos queixos estranxeiros, que seguen copando boa parte dos liñais das cadeas de distribución. En valor, os queixos representan un 60% do total das importacións lácteas a España. Entre xaneiro e outubro, entraron no país 249.000 toneladas de queixos, 8.000 máis que no mesmo periodo do ano anterior e 16.000 máis que nos dez primeiros meses do 2016.

Competencia cos queixos estranxeiros
As dificultades para competir cos queixos estranxeiros son claras. O valor medio pagado polos queixos importados sitúase en 3,48 euros / quilo, segundo os datos estatais de comercio exterior. Só o prezo do leite para elaborar eses queixos rondaría na actualidade os 2,52 euros, co prezo medio do leite en Europa e tendo en conta unha equivalencia media de 7 quilos de leite por quilo de queixo (Equivalencia empregada polo Fega para queixos curados brandos).

Ao sector lácteo español non lle saen as contas, pois ó custo do leite hai que engadirlle o de transformación e o de transporte a España. Daí as periódicas queixas de empresas queixeiras, cooperativas e organizacións agrarias sobre as importacións de queixos a baixos prezos doutros países de Europa.

Queixo producido en Holanda nunha cadea de supermercados.

Queixo producido en Holanda nunha cadea de supermercados.

Só as catro principais commodities queixeiras (Edam, Gouda, Cheddar e Emmental) importáronse nos primeiros dez meses do ano nun volume similar ó conxunto de exportacións de queixos españois: 77.500 toneladas das compras ó exterior destes catro queixos por unhas exportacións totais españolas de 84.000 toneladas.

Os prezos industriais do Edam, Gouda e Cheddar móvense nas últimas semanas nos 3,05-3,13 euros por quilo, segundo os datos da Comisión Europea, unhas cifras que amosan novamente as dificultades de competir co mercado queixeiro europeo.

O sector, con todo, quere dar a batalla para gañar maior cota de mercado tamén nos queixos. Foi unha das cuestións que se abordou na última reunión da comisión de seguemento do acordo lácteo, no que industrias, cooperativas, organizacións agrarias e distribución intercambiaron puntos de vista.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información