Badiola Holstein: A gandaría de vacún de leite máis premiada de España

Visitamos Badiola Holstein, a gandaría de raza Holstein máis premiada de España e unha institución no avance xenético da raza. Con 40 anos de existencia foi nomeada por 'Holstein International' entre as 100 mellores gandarías de raza frisoa do mundo

Badiola Holstein: A gandaría de vacún de leite máis premiada de España

Paulino e José Antonio Badiola

A sala de trofeos da Gandaría Badiola Holstein, en Gozón (Asturias), ofrece un percorrido único por 40 anos de progreso xenético da raza Frisoa en España. 23 veces Mellor Criador Nacional Español, 24 veces Mellor Rabaño Nacional Español, 11 veces Vaca Gran Campioa Nacional (7 veces nos últimos 9 anos), máis de 200 vacas cualificadas excelentes nos últimos 38 anos, 4 Tripletes de Vaca Nova Campioa Campioa, Vaca intermedia Campioa e Vaca adulta Campioa ou máis de 15 anos con 11.700 litros de leite de media por vaca e lactación.

A listaxe de éxitos desta gandaría asturiana é apabullante e mereceu que a revista ‘Holstein International’ a nomease este ano entre as 100 mellores gandarías de raza frisoa do mundo, sendo a única española da listaxe.

¿E cal é o segredo desta gandaría familiar para situarse na elite mundial da raza Holstein?: “O noso traballo de gandeiros apaixónanos e o noso lema é lograr vacas de tipo, con boa morfoloxía e que dean moito leite”, resume Paulino Badiola, sucesor neste momento do seu pai, José Ramón Badiola, que a pesar de estar xubilado non pode pasar un día sen visitar as súas “ternerinas”.

Logran unha media de 12.300 litros en dous muxidos cun 4% de graxa e un 3,37% de proteína

Os números acompañan: A media de produción desta gandaría é de 12.300 litros en dous muxidos, cun 4% de graxa e un 3,37% de proteína, e menos de 150.000 células somáticas. Venden o leite a Central Lechera Asturiana, da que son socios, e o ano pasado produciron 3,8 millóns de litros, unha cifra na que prevén estabilizarse debido á falta de base territorial.

Contan neste momento cun rabaño de 575 animais, das que 250 son vacas en muxido. A porcentaxe de reposición é alta, entre o 25 e o 30%, pois desde os seus inicios una das patas do negocio desta gandaría é a venda de recría, que supón ao redor dun 25% dos ingresos. “Desde que fundei esta gandaría no ano 1977 o meu obxectivo era darlle valor engadido, e non só centrala na venda de leite. Agora vendemos sobre todo vacas primeirizas e tamén de segundo parto e xovencas, en total unhas 50 ao ano, pois o mercado de venda de embrións está moi masificado”, recoñece José Ramón Badiola.

 “Buscamos a vaca ideal: con bos ubres e boas patas e estrutura para ser a mellor produtora de leite”

Gandeiros de toda España e doutros países son os seus clientes e buscan nas vacas de Badiola Holstein animais que conxugan a beleza, o bo tipo, coa rendibilidade de altas producións de leite. “Nunca buscamos só ICO porque é o máis fácil de conseguir. O que buscamos é a vaca ideal: con bos ubres e boas patas e estrutura para ser a mellor produtora de leite e durante moitos anos”, subliña Paulino Badiola.

Así, en Gandaría Badiola Holstein seguen realizando os acoplametnos con papel e lapis, elixindo os touros que se adecúan aos obxectivos xenéticos e económicos desta explotación, non ao revés. “Apaixónanos facer nós os acoplamentos destas vacas das que coñecemos todo o pedigrí. A cuestión é que touro pode entrar no noso programa xenético, na nosa propia fórmula na que temos os nosos propios parámetros”, explica Paulino.

Neste sentido, advirte de que “aínda que é certo que a xenómica acelera o progreso xenético, debe acompañarse de familias de vacas profundas”, como das 5 vacas importadas de Canadá e de Estados Unidos a partir das que foron recriando e construíndo o seu rabaño, e no que desde hai 20 anos non entra ningún animal comprado.

Recría e forraxes

Cada tenreira é un novo proxecto no que un bo manexo resulta clave para a recría. Durante o primeiro día procuran que a xata tome os 8 litros recomendados de costro nas mellores condicións. Os animais tamén son vacinados fronte a rotavirus, coronavirus e Ecolii. Reciben o costro durante 3 días e, pasado ese período, fornécenlles leite a temperatura adecuada mediante taximilk.

O destete é moi progresivo, sobre os 2,5 meses, pero reducir ao máximo o estrés. Aos 2 meses empézanlles a dar penso granulado e cando comen 1,5 ou 2 kg diarios comeza un destete progresivo e pasan a un lote o máis homoxéneo posible, cun máximo de 8 tenreiras.

Con 4 meses as becerras pasan a outra instalación próxima onde está a recría e as xovencas. Durante esta fase comen ppensocon alta proteína, ,sobre un 20%, e herba seca adalibitum recollida na propia gandaría. “O feno hai que botalo 2 ou 3 veces ao día, pero permite que as tenreiras desenvolvan máis volume de panza”, destaca Paulino.

Até os 12 meses reciben esta ración e a parir desa idade son alimentadas con silo de raigrás, palla e sobras da comida da ración de vacas adultas. “É por unha cuestión de aforro económico. Os crecementos son moi bos, aínda que é certo que ás veces as xovencas poden saír un pouco engraxadas, pero a condición corporal na que chegan ao parto é boa”, recoñece .

¿E para as vacas de concurso, as raíñas desta gandaría? “Temos sempre 10 vacas apartadas para ir a concursos, pero os animais van entrando e saíndo segundo os resultados. A ración que reciben é concentrado 3 veces ao día e despois feno, avea, veza…etc, só forraxe”, precisa Paulino Badiola.

Para as vacas en produción a ración está composta por 25 quilogramos de silo de millo, 8 quilos de silo raigrás, 4 quilos de alfalfa e sobre 12 kg de concentrado, con fariña de soia como materia principal, e ás veces algo de palla. Todo o penso cómpranllo a ASA, a cooperativa de alimentación animal de Central Lechera Asturiana, por unha cuestión de trazabilidade dos alimentos e porque tamén llo repercute positivamente no prezo do leite.

Todo o raigrás é cultivado nas 85 hectáreas de base territorial -o 70% en propiedade- coa que contan en Gandaría Badiola Holstein. Fóra de 10 hectáreas de pradarías permanentes, o resto do terreo de cultivo rótano con millo forraxeiro, un ciclo 400 do que obteñen unha media de 40 toneladas por hectárea.

A base territorial é claramente insuficiente para alimentar de forraxe a todo o rabaño polo que compran algo máis de 1000 toneladas de silo de millo. “Estamos nunha zona, no concello de Gozón, na que é difícil ampliar a base territorial, porque hai competencia con outros usos do solo, como as segundas residencias ou a gandaría de carne, e os propietarios non venden ou os prezos dos alugueres -até 400 euros por hectárea- son altos, polo que de momento non imos medrar”, recoñece Paulino Badiola.

Envían a metade do xurro á planta de biogás de Navia

Precisamente, a necesidade de respectar a normativa ambiental en canto á carga gandeira, levounos a enviar a metade dos seus xurros á planta de biogás de Navia. “Central Lechera Asturiana é accionista desa planta e animounos a participar. De momento, estamos a enviar a metade dos nosos xurros, pero obrigounos a que na metade das camas teñamos que cambiar a area por palla e carbonato cálcico, unha mestura máis cara. Isto permítenos que o tres fosas de xurros que temos sexan suficientes e cumpramos a normativa”, explica.

 Paulino Badiola: “Para nós as vacas son dedicación e paixón”

¿Satisfeito de ser gandeiro? Paulino Badiola non o dubida: “Cada vez que nace unha tenreira é un proxecto novo, con expectativas para ter un animal mellor. Para nós as vacas son dedicación e paixón. Coñezo os nomes das miñas 550 vacas e os seus antepasados varias xeracións atrás”.

Como obxectivos de futuro, máis que aumentar produción, o obxectivo de Badiola Holstein é seguir incrementando o nivel das vacas e mellorando en eficiencia en todos os procesos. E como principais retos este gandeiro destaca a perentoria necesidade de man de obra para traballar nas granxas de vacún de leite e de mellorar a base territorial das granxas.

A historia dunha gandaría que naceu a contracorrente

badiola holstein 1

José Ramón Badiola, que ía para traballador da banca, puxo en marcha Badiola Holstein con moitos factores en contra. En primeiro lugar, os seus pais non eran gandeiros, senón comerciantes de Candás, aínda que as súas estancias de neno e de mozo no caserío dos seus avós e tío maternos namorono deste mundo. “O meu avó e o meu tío levábanme ás feiras de gando e sempre dicían que tiña bo ollo para escoller as vacas porque acababan comprando a que eu elexía”, chancea.

Xa de mozo, e cos seus primeiros aforros dun comercio de mobles que montou a medias co seu pai, “e cun crédito que pagaba ao 20% de xuro”, empeñouse en 1974 para comprar o actual caserío e a leira de Badiola Holstein, un soño de neno que se fixo realidade con moito esforzo.

“A finca cando a comprei tiña 14 hectáreas e metín vacas de asturiana dos vales cos seus ternerines culóns e un matrimonio de caseiros, pero aquilo non era rendible”, lembra.

Decantouse entón por cambiar a vacas de leite en 1977. “Encarguei a un famoso tratante que me trouxese vacas holandesas de Santander e de Pola de Siero. Viñan garantidas para producir 40 litros de leite, pero o problema dese gando é que no cuarto ou quinto mes de preñez caía en picado a súa produción de leite”, explica José Ramón.

Un novo fracaso do que lle fixo sobreporse a tenacidade no traballo que lle inculcaron na súa familia. Así, no ano 1978 viaxa a Madrid á primeira escola de xuíces de gando frisón que se acababa de crear en España e alí coñeceu a xente que lle ofreceu outro concepto moi diferente, de que a clave estaba en importar vacas de alta xenética de fóra de España.

“As vacas frisoas que importara de Canadá o Ministerio de Agricultura nos anos 70 cruzáronse con razas de aquí e a xenética perdeuse. Aconselláronme que trouxese vacas de fóra de España, que daban até o dobre de leite e deime conta de que o diferencial de producir 4.500 litros por lactación a case 10.000 era onde estaba a rendibilidade. O investimento era alto pero arrisqueime”, recoñece.

Foi así como con tesón foi movéndose para comprar animais dos mellores rabaños de España, como o de Eduardo Sánchez Retortillo, propietario tamén da revista Hola, e sobre todo, importar as mellores vacas de Estados Unidos e de Canadá.

“Importamos 29 vacas espectaculares de Canadá, con 10 xeracións de MB excelente, e de 3 delas foron as que racearon e das que recriamos para crear o noso rabaño”, lembra José Antonio.

De 3 vacas importadas de Canadá recriaron para formar o rabaño actual

Pero Badiola Holstein non só foi pioneira en España en alta xenética Holstein senón tamén en melloras técnicas. Así, no ano 1984 é a primeira granxa de Asturias con estabulación libre, sala de muxido e sistema de arrobadeira. No 1988 compran o primeiro carro mesturador da comunidade e tamén foron pioneiros en realizar transferencia embrionaria.

O prezo de ser pioneiros e a falta de información levounos tamén a erros que quedaron en anécdotas co paso do tempo, como cando mesturaban a herba verde no carro mesturador, ou cando, en busca dun maior confort dos animais, colocáronlles unha cama ás vacas con táboas de castiñeiro, recubertas con moqueta e planta de espuma. “Por suposto, tivemos unhas mamites tremendas”, lembra José Ramón.

Pero a arela por mellorar e a paixón puideron máis, e así se explica que pasasen dos 600.000 litros de produción en 1986 aos 3.800.000 litros de leite do pasado ano e, como non, lograsen o maior palmarés de premios de España.

“Eu viña dunha filosofía familiar de loita e de traballo e iso foi o que me axudou a superar os contratempos”, conclúe este gandeiro de vocación.

Paulino e José Ramón con algúns dos trofeos: 

badiola holstein premios

PAULINO_BADIOLA_2 PAULINO_BADIOLA_1

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información