A asemblea de Cobideza aproba negociar unha integración con Mopán

A cooperativa lalinense acorda a continuación do contrato con Reny Picot ata xullo do 2020. Trasládalle á industria asturiana a súa disposición a iniciar unha liña de leite ecolóxico con destino a manteiga e leite en po

A asemblea de Cobideza aproba negociar unha integración con Mopán

A asemblea de Cobideza aprobou a negociación dunha integración con Mopán.

A cooperativa lalinense Cobideza continúa adiante co seu proxecto de integración con Mopán (Monterroso). A asemblea de Cobideza fixo unha votación secreta para valorar tal posibilidade e por ampla maioría, próxima ó 90%, aprobou en votación secreta mandatar ó consello reitor para as negociacións. Iso si, a directiva terá que informar puntualmente os socios de tódolos pasos que se vaian dando. Non se agarda que sexa un proceso inmediato, pois Mopán está aínda en vías de resolver o proceso concursal no que se atopa.

A cooperativa de Monterroso e Cobideza iniciaron esta primavera unha liña de colaboración en distintas frontes, principalmente para compartir os servizos de maquinaria en común. O acordo, ben valorado por Cobideza, remata en outubro. Entre tanto, ambas entidades valorarán as diversas posibilidades para un proceso futuro de integración, segundo explica o presidente de Cobideza, Román Santalla.

Acordo con Reny Picot
Outra das cuestións abordadas na asemblea da cooperativa lalinense foi a continuidade do acordo de venda do leite á industria asturiana Reny Picot, coa que a cooperativa leva colaborando desde hai 7 anos. Ambas partes acordaron prorrogar o contrato un ano máis, por un volume de leite próximo ós 50 millóns de litros, cunha marxe de máis ou menos 10%. O prezo pactado é variable, evolucionando en parte en función dun índice de prezos de produtos lácteos industriais e do prezo do leite en Galicia, de acordo co índice do Fondo Español de Garantía Agraria.

O presidente de Cobideza, Román Santalla, amósase satisfeito da estreita colaboración que manteñen con Reny Picot en cuestións como calidades do leite e trazabilidade das ganderías. De cara ó futuro, Santalla aspira a que Reny Picot lle ofreza saída á crecente produción en ecolóxico á que están evolucionando parte das granxas socias de Cobideza.

A cooperativa lalinense adica a súa produción en ecolóxico a súa propia queixería, Dona Cobina, pero considera que máis adiante terá marxe para entregarlle leite ecolóxico a Reny Picot, se a industria asturiana se decidise a abrir unha liña de produtos lácteos en ecolóxico, tales como manteiga ou leite en po, “produtos dos que hai moi pouco no mercado de ecolóxico”, sinala Santalla.

Por parte de Cobideza, aspírase tamén a que Reny Picot aumente a súa presenza industrial en Galicia. A industria láctea asturiana, que ten a súa planta principal en Navia (Asturias) abriu recentemente un centro de transferencia de soro en Agolada (Pontevedra) e Santalla quere que dea pasos para acometer a transformación do leite en Galicia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información