A Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) vén de presentar un recurso contencioso administrativo contra a normativa do paquete lácteo pola que se regula a implantación de contratos a un ano entre gandeiros e industrias. As industrias aseguran, non obstante, que manteñen o diálogo aberto cos gandeiros, no marco da Interprofesional Láctea (Inlac), e tamén co Ministerio, pero sinalan que se decidiron a presentar o recurso por unha cuestión de caducidade de prazos. De chegarse a acordos, a Fenil sinala que retirará o contencioso.
Principalmente, as industrias opóñense á sinatura obrigatoria de contratos a un ano e tamén cuestionan que non se poidan modificar os contratos tras a sinatura. Desde o sector gandeiro, sen embargo, sempre se considerou o contrato a un ano como unha vía fundamental para garantir a estabilidade no campo.
Os contratos a 12 meses funcionan cun prezo variable que evoluciona ó longo do ano en función dos índices de mercado que decidan as partes. Ese método de contratación, ó entender do sector produtor, permitiría rematar coas decisións unilaterais das empresas en torno ós prezos. Organizacións agrarias e cooperativas tamén se opoñen a que se poidan introducir cambios en contratos xa asinados, algo que xa sucedía no pasado e que se plasmaba en cambios unilaterais dos contratos decididos polas industrias, segundo denuncias dos gandeiros.
A nova normativa, implementada en marzo, está a ter unha aplicación case nula no relativo ós contratos a un ano. A lexislación establece que o gandeiro pode renunciar na práctica ó contrato dun ano, unha vía que as industrias están aproveitando para soslaiar a sinatura de contratos a 12 meses, malia as numerosas denuncias ó respecto que se lle están trasladando ó Ministerio desde o sector produtor. As industrias, pola súa banda, aseguran un “compromiso inequívoco” cos contratos por escrito, pero dubidan de que os contratos a un ano sexan a vía axeitada.