“As explotacións de Control Leiteiro deberían ter un trato diferente da Administración”

Entrevista a José Moreira, Director Técnico de AFRICOR-CORUÑA. Defende que “Galicia debería manter un centro autonómico do Libro Xenealóxico e Control Leiteiro”.

“As explotacións de Control Leiteiro deberían ter un trato diferente da Administración”

José Moreira, director técnico de AFRICOR Coruña

José Moreira é Director Técnico de AFRICOR-CORUÑA, unha asociación na que acumula máis de vinte anos de experiencia laboral. Dende esta perspectiva defende que Galicia siga mantendo un Centro Autonómico de Control Leiteiro e de Libro Xenealóxico. Asemade, avoga por un trato diferenciado por parte da Administración para as explotacións de Control Leiteiro, dada a súa contribución a todo o sector, e salienta que “as xovencas que se crían en Galicia nestas explotacións, son iguais ou mellores que as que se importan”.

Que funcións desempeña AFRICOR-CORUÑA?
É unha das catro Asociacións Provinciais de Frisón, existentes en Galicia. A nosa función é a recollida de datos de Control Leiteiro en campo. Representamos o 39% dos efectivos inscritos en Galicia no Libro Xenealóxico da Raza Frisona, en total 120.000 animais pertencentes a 1.079 ganderías.

En Control Leiteiro notamos un incremento do número de vacas por explotación e unha redución considerable do número de explotacións. AFRICOR-CORUÑA chegou a ter no ano 2002 un total de 1.412 explotacións asociadas, que sumaban aproximadamente 60.000 vacas reprodutoras en Control Leiteiro, e neste momento, con menos de 1.100 ganderías o número de vacas supera as 77.000.

Somos a provincia galega que conta coas explotacións de maior dimensión en Control Leiteiro.

Que demandas lle facedes á administración en canto ao sistema de Control Leiteiro?
O Control Leiteiro naceu buscando unha mellora xenética do gando Frisón en Galicia. Temos que ter en conta que nos anos 80 tiñamos un potencial produtor grande e sen explotar, con moitas ganderías pero pequenas; e ademais non se fixera mellora xenética. Nos anos 90 creouse o Plan Integral de Mellora Xenética co obxectivo de ampliar e agrupar o Control Leiteiro, que naqueles intres era un programa cunha presencia testemuñal na nosa comunidade. A creación das asociacións provinciais de Control Leiteiro permitiu o rápido incremento de ganderías a este programa ata acadar niveis acordes coa importancia da gandería leiteira galega.

“Somos a provincia galega que conta coas explotacións de maior dimensión en Control Leiteiro”

Este rápido crecemento do Control Leiteiro fomentouse a través do PIMX con axudas á recría, reparto de doses seminais, impulso do centro de touros de Xenética Fontao e a creación dunha unidade de transferencia embrionaria, financiadas pola administración galega. Estas medidas, unidas á colaboración dos gandeiros galegos, foron o sustento de todos os logros acadados en mellora xenética polo gando frisón en Galicia.

Nos últimos anos houbo un forte recorte nas axudas por parte da Administración para o Control Leiteiro. Así, as subvencións procedentes de fondos propios da nosa comunidade minguaron e o importe por lactación válida finalizada, financiados polo MAGRAMA, descenderon notoriamente, motivo polo cal os gandeiros inscritos no Libro Xenealóxico da Raza Frisona e en Control Leiteiro sufriron un incremento do 100% dos custes deste servicio.

“As explotacións que están en Control Leiteiro deberían ter un trato diferenciado por parte da Administración”

Polo tanto, demandamos que as explotacións que están en Control Leiteiro deberían ser diferenciadas dalgún xeito respecto das outras que non participan; sexa a través dos incentivos para novas incorporacións, rebaixa nas cotas das Asociacións de Defensa Sanitaria, financiamento de mellora de instalacións, etc.

Os datos de Control Leiteiro son fundamentais para programas de mellora xenética, calidade do leite …etc. Podería afirmarse que os gandeiros de Control Leiteiro teñen a sensación de que a mellora xenética beneficia a toda a cabana gandeira frisona e son eles os que financian unha parte importante dos custes.

Que tipo de vaca de leite se busca neste momento?
Nos derradeiros 20 anos a mellora nas granxas de Control Leiteiro enfocouse prioritariamente ao incremento de produción; pasándose de medias de 6.000 litros por vaca a cerca de 10.000. Paralelamente, tamén se avanzou nos caracteres morfolóxicos. As vacas galegas compiten dignamente en concursos nacionais e incluso internacionais.

A vaca frisona do futuro terá que seguir mellorando os caracteres de lonxevidade, resistencia a enfermidades, mellor eficiencia alimentaria; características todas encamiñadas á obtención dunha maior rendibilidade. Estes caracteres terán cada vez máis peso nos índices GICO, deseñados por CONAFE para a mellora desta raza de vacas. De feito, este mes está previsto un cambio do índice de selección español orientado nese sentido.

En Galicia temos unha das cabanas de gando Frisón do máis alto nivel. ¿Como poden aproveitar as explotacións este recurso para a venda de xovencas e embrións?
En primeiro lugar, recomendaría que as explotacións de Control Leiteiro intentasen abastecer de recría ás ganderías do seu entorno máis achegado. Nisto temos que facer unha labor de concienciación. Dende as AFRICORES estamos intentando transmitir que as xovencas criadas en Galicia acadan uns niveis de produción e de tipo similares, ou mesmo superiores, ás que proceden da importación.

 “As xovencas criadas en Galicia acadan uns niveis de produción e de tipo similares, ou mesmo superiores, ás que proceden da importación”

Neste momento as ganderías galegas empezan a ter excedentes de recría. Mesmo hai explotacións que, como non conseguen vender a prezos rendibles as xovencas, acaban cubrindo as vacas con menor potencial xenético con cruce industrial para carne.

A transferencia embrionaria  é un sistema de mellora xenética rápido, pero relativamente caro, motivo polo cal non é de habitual uso nas granxas. Non obstante, pouco a pouco están incorporándose ó mercado de compravenda de embrións explotacións que contan con animais de alto potencial xenético. A día de hoxe, a transferencia embrionaria é máis ben unha técnica ocasional para usar en animais con probas xenómicas destacadas.

xovenca gran campioa

Xovenca galega premiada nun concurso

A falta de espazo para recría segue sendo un limítante nas explotacións leiteiras…
Si, non todas as explotacións poden facer recría en condicións óptimas. O ideal sería que deixasen esa labor en mans de gandeiros con mellores instalacións e máis base territorial para que, como complemento á produción de leite, se dediquen á recría de xovencas.

É difícil mentalizar aos gandeiros neste sentido. Así, atopamos explotacións que lles sería tan rendible, ou máis, mercar xovencas que recrialas. De optar por esta opción, terían animais con maior potencial xenético que, ao seren recriados en mellores condicións de manexo, contribuirían a un maior rendemento produtivo.

Fontes do sector apuntan a próximos cambios no control dos Libros Xenealóxicos autonómicos. ¿Como está a situación?
A curto prazo, eu opino que as AFRICORES manterán a súa estrutura porque son as que están en contacto directo co gandeiro e fan o traballo de campo, consistente na mostraxe e recollida dos datos para Control Leiteiro e Libro Xenealóxico. Esa labor de campo é necesario, polo tanto a nosa función está claramente definida.

En canto ao Libro Xenealóxico, creo que nunha comunidade como Galicia, que concentra máis do 40% da cabana de gando frisón de España, racionalizando os custes, debería existir un centro autonómico do Libro Xenealóxico e Control Leiteiro. Se outras comunidades con moito menos volume de vacas pensan en manter esa estrutura, non entendería que Galicia prescindira da sede do Libro Xenealóxico da Raza Frisona.

“Galicia debería manter un centro autonómico do Libro Xenealóxico e Control Leiteiro”

Por iso, espero que a maior unificación e harmonización do Control Leiteiro a nivel nacional non supoña cambios drásticos, polo menos a curto prazo. Dende AFRICOR-CORUÑA traballaremos para que o Libro Xenealóxico da Raza Frisona e o Control Leiteiro sirvan para mellorar o rendemento dun sector Leiteiro que se atopa na UVI debido aos baixos prezos actuais do leite.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información