SAT_IGLESIAS_vacas_pasillo

As entregas de leite soben en Galicia un 1,53% no primeiro trimestre mentres que no resto de España baixan un 1,67%

Galicia consolídase no primeiro trimestre deste ano como o motor da produción láctea de España, segundo se desprenden dos últimos datos de entregas de leite publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega).

Deste xeito, nos tres primeiros meses deste ano as entregas de leite de vaca á industria láctea ascenderon en Galicia a 689.997 toneladas, o que supón un 1,53% máis que no mesmo período do ano 2018, no que se contabilizaron nese período 679.573 toneladas. Especialmente significativo foi o incremento rexistrado en marzo, un 3,1% máis que o mesmo mes do ano pasado.

Esta tendencia positiva contrasta coa do resto de España. Así, de xaneiro a marzo as entregas de leite no resto de Comunidades Autónomas sumaron 1.106.583 toneladas, un 1,67% menos que as 1.125.340 toneladas contabilizadas no mesmo período do ano pasado. No mes de marzo as entregas de leite de vaca no resto de España caeron un 0,46%.