“Aos gandeiros en EEUU preocúpanos producir a prezos competitivos para exportar ao resto do mundo”

Entrevista a Gordon A. Jones, consultor autónomo en rendemento leiteiro e socio de Central Sands Dairy LLC, unha granxa de Estados Unidos con 4.000 vacas leiteiras, das que 3.500 están en muxido. Recentemente participou no congreso de Anembe en Santiago para falar de benestar animal.

“Aos gandeiros en EEUU preocúpanos producir a prezos competitivos para exportar ao resto do mundo”

Gordon A. Jones no Congreso de Anembe

Gordon A. Jones é consultor autónomo en rendemento leiteiro, asesorando a explotacións de todo o mundo. A súa especialidade é o deseño de instalacións e o “cow confort” ou comodidade do gando, un importante factor de rendibilidade.

Ademais de consultor, Gordon A. Jones é gandeiro socio de Central Sands Dairy LLC, unha granxa con 4.000 vacas leiteiras, das que 3.500 están en muxido, no estado de Wisconsin. Recentemente participou no congreso de Anembe en Santiago para falar de benestar animal.

Cal é a situación de prezos do leite en Estados Unidos?
O 2014 foi o segundo mellor ano de prezos do leite que eu lembro pero nestes momentos os prezos están a baixar en todo o mundo, e tamén nos Estados Unidos. Con todo, como os custos das materias primas tamén están baixos considero que aínda hai oportunidades de gañar diñeiro para un número importante de granxas. As previsións son que para os meses de setembro, outubro, novembro os prezos volverán subir. Pero agora mesmo os prezos en todo o mundo están baixos.

Está a baixar tamén a produción de leite no seu país debido aos baixos prezos mundiais?
Na primavera sempre sobe a produción polo efecto estacional. O crecemento interanual no último mes que vin foi de entre un 1 e un 2%.

Cales son as calidades medias do leite que producen en Estados Unidos?
No caso da miña gandería, a última vez que as mirei produciamos leite cun 5% de graxa e un 3,8% de proteína, traballando con raza Jersey. Os prezos medios de venda á industria neste momento están en 15 centavos de dólar por libra (uns 0,28 euros por quilo), pero no meu caso a industria prima os niveis de graxa e proteína, polo que estou a cobrar o leite a entre 17 e 18 centavos (uns 0,32 euros por quilo).

Como son as relacións entre os gandeiros e a industria láctea?
Non hai acordos de prezos fixos a medio ou longo prazo, senón que os prezos van variando segundo o mercado. As relacións entre os produtores e as industrias toman como referencia a evolución dos prezos do queixo e da manteiga en Estados Unidos, máis algúns suplementos que o gandeiro logre acordar coa industria. Así hai primas por por calidades de graxa e proteína e por baixos recontos de células somáticas.

“As axudas en EEUU actívanse a partir dun prezo mínimo do leite”

Como funcionan as axudas para as explotacións lácteas no seu país?
Soamente hai axudas públicas para as pequenas ganderías e tamén hai subvencións que se activan a partir dun prezo mínimo do leite. É dicir, se os prezos baixan de ao redor de 10 centavos por libra -uns 20 céntimos por quilo de leite- actívanse as axudas para evitar a quebra das explotacións. Tamén existen algúns subsidios para o cultivo do millo, pero non son moi seguras este tipo de axudas.

Como é o sistema de alimentación do gando na súa granxa?
Cultivamos as nosas propias forraxes, tanto silo de millo como alfalfa. A ración media das vacas -de raza Jersey- en lactación están en ao redor de 9 quilos de silo de millo e 5 quilos de alfalfa. A ración ten arredor dun 72% de forraxe que producimos nós. A isto engadímoslle fariña de millo, que compramos, así como entre medio e un quilo de palla por vaca e os outros ingredientes do concentrado (soia…etc). Cultivamos ao redor de 700 hectáreas de millo forraxeiro e ao redor doutras 600 hectáreas de alfalfa. Desa base territorial veñen os nutrientes da miña gandería e é tamén o destino dos xurros que se producen.

Os gandeiros temos que apostar por ter un alto nivel de benestar e comodidade para o gando, por seguir protocolos e rutinas e por ter excelentes forraxes. A gandería empeza pola calidade da forraxe que conseguimos. Hai que ter en conta que no silo de millo xogámonos a alimentación do resto do ano, polo que é fundamental conseguir unha elevada calidade. Porque canta máis calidade teña a forraxe máis cantidade poderemos incluír na ración, xa que vai ser dixestible e apetecible para a vaca. E tamén menos concentrado e proteínas teremos que comprar.

Por que elixiu a raza Jersey?
O meu rabaño é un 65% Jersey e nunhas 35% cruces de Holstein e Jersey e a nosa tendencia é a ir a só a Jersey. En todo Estados Unidos a Holstein supón entre o 85 e o 90% da cabana leiteira e a Jersey entre o 10 e o 15%. Eliximos esta raza porque é máis eficiente, xa que soamente dedica o 10% do que come para o seu mantemento vital, mentres que a Holstein dedica o 15%. É dicir, a Xersei necesita menos comida para estar viva, polo que é máis eficiente para a produción de leite.

 “Elixín a raza Jersey porque é máis eficiente que a Holstein”

O segundo motivo polo que a eliximos é que o seu leite ten máis proteína e graxa que a Holstein. E en Wisconsin, o estado no que vivo, a industria láctea é eminentemente queixeira, polo que pagan primas por graxa e, sobre todo, por proteína.

Ademais, é unha vaca que presenta moi poucos problemas de reprodución e ao ser unha vaca máis pequena que a Holstein, tamén presenta menos problemas de patas e cascos. Por outra banda, os seus tenreiros presentan un bo nivel de marmolado na carne, polo que se pagan máis. Penso que sería unha vaca estupenda para España.

En Galicia contamos con ao redor de 9.000 ganderías de vacún de leite, cunha media inferior ás 100 vacas por explotación. Como ve o futuro das pequenas e medianas granxas galegas comparado coas explotacións de miles de vacas de Estados Unidos?
No estado de Wisconsin temos 1,2 millóns de vacas e unhas 10.000 ganderías, polo que a media tamén é de 120 vacas. As pequenas explotacións poden ser rendibles e ter un bo nivel de vida se apostan por facer boas forraxes e por unha boa comodidade e benestar animal. E isto é máis fácil logralo nunha pequena ou mediana explotación que nunha granxa de miles de vacas. Pero a tendencia é que as granxas en Galicia e en todo o mundo seguirán crecendo en tamaño.

En Galicia os custos de produción dun litro de leite son de ao redor de 30 céntimos por litro. Como os valora?
Na miña opinión son altos, e é algo que ten que ver coa economía de escala. É dicir, unha gandería en Galicia cunha media de 120 cabezas de gando e 3 ou 4 traballadores, toca a unhas 40 vacas por cada empregado. Na miña granxa cada empregado xestiona 200 vacas, polo que teño unha alta eficiencia laboral, unha alta eficiencia na sala de muxido, reducindo o custo por vaca. A gran vantaxe das grandes ganderías en todo o mundo é que son máis eficientes. No meu caso os custos de produción roldan os 15 centavos por libra -uns 27 céntimos por quilo-.

Por último, ¿Hai preocupación entre os gandeiros de Estados Unidos polo TTIP, o acordo transatlántico de comercio EEUU-Unión Europea?
Creo que a maior parte dos gandeiros non lle prestan moita atención. O que nos preocupa é ser competitivos no mercado mundial dos produtos lácteos para poder aumentar as nosas exportacións. Na Unión Europea nestes momentos está a investirse diñeiro en ganderías de vacún de leite dos países do Leste de Europa, e se Galicia quere ser competitiva co resto da UE tamén ten que investir na súa gandería.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información