Amio ve probable que a recría frisona máis nova deixe de venderse na feira

Dous factores explican ese escenario, a perda de mercado da recría galega pola idade temperá dos animais e a dificultade dos cebadoiros para sacarlle rendibilidade ó cebo frisón

Amio ve probable que a recría frisona máis nova deixe de venderse na feira

Gando de recría no mercado de Amio.

A tendencia de mercado dos machos frisóns de recría, cunha nova baixada de 5 euros esta semana nas mesas de prezos de Amio, leva a pensar que é probable que nun curto prazo os animais máis novos de frisón deixen de cotizar e de venderse na feira compostelá. Ese escenario que se albisca como posible para os próximos meses débese a dous factores principais: a perda de mercado da recría galega pola idade temperá dos animais, un problema do que xa se vén advertindo en Amio desde hai meses, e as dificultades dos cebadoiros para sacarlle rendibilidade ós becerros frisóns.

O vogal da Mesa de Prezos de Amio Juan Carlos Soto, tratante e directivo da Asociación Galega de Empresarios de Gando, explica a situación. “Un becerro frisón cebado que poida chegar ós 200 quilos véndese a uns 2,90 euros no mercado. Iso supón uns 580 de ingreso e se se descontan os custos de produción, a marxe que lle queda ó cebadoiro é mínima. É unha situación que non semella que vaia mellorar, sobre todo tendo en conta o recente acordo do Mercosur”, valora Soto.

“Na maioría dos mercados de Europa non cotizan os animais de menos de 55 quilos de peso” (Juan Carlos Soto)

Estas circunstancias levan a unha preferencia clara dos cebadoiros por animais cruzados, mellor valorados no mercado cárnico, ou por gando de recría frisón adaptado as súas necesidades, que chegue ás instalacións de cebo con maior idade e que poida acadar maiores pesos finais.

Son dous requerimentos complicados para o mercado galego de recría. En Galicia, por un lado téndese ó envío ó mercado de animais con pouca idade, e por outro lado, trátase de animais procedentes en moitas ocasións de vacas cunha xenética de alta produción en leite, pero con crías mal adaptadas para a produción cárnica.

“Noutras partes de España e de Europa, suministran un gando de recría cun mínimo de 25-30 días, que é o camiño que deberiamos seguir aquí. Se miramos os prezos dos mercados do resto de Europa, vemos que na maioría a cotización mínima é para animais de 55 quilos” -explica Juan Carlos Soto-.

“O gandeiro ten que facer as súas contas. Unha solución pode ser a de avanzar cara seme sexado e máis recría de cruces”

“O gandeiro evidentemente ten que facer as súas contas. Eu entendo perfectamente que se lle pagan 90 -100 euros por un animal no que investiu alimentación e tempo durante varias semanas, o beneficio é moi escaso. Unha solución pode ser a de avanzar cara seme sexado e recriar con cruces o resto dos animais” -opina Juan Carlos-. “Claro que se se recría con cruces, a granxa tamén ten que asumir un certo retraso nos partos. Son factores que ten que valorar o gandeiro”.

De cara ó futuro, unha cuestión que o tratante considera que merece un estudo a fondo é a dos cruces de carne que se deben promover nas explotacións lácteas. “Cadaquen ten as súas preferencias. Un dos cruces que adianta o parto en relación a outras razas empregadas é o azul belga, pero temos o problema de que non entra en Ternera Gallega, polo que págase menos no mercado. Quizais habería que valorar se é posible que os cruces de azul belga entren en Ternera Gallega”, suxire.

Máis información
Táboa completa dos prezos de Amio (13-XI-2019).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información