Aira transfórmase nunha cooperativa de primeiro grao para xestionar o leite en conxunto

O proceso, de ser ratificado polos socios, fusionará nunha única entidade a Agris, Icos, Cogasar, Coelplan, Leira e á propia Aira. As cooperativas Lemos e Coafor seguirían sendo socias de Aira, pero mantendo a súa personalidade xurídica

Aira transfórmase nunha cooperativa de primeiro grao para xestionar o leite en conxunto

Os presidentes dos consellos reitores de cada cooperativa asinaron o acordo de integración, a expensas da ratificación polas respectivas asembleas.

A cooperativa de segundo grao Aira transformarase nunha cooperativa de primeiro grao na que se fusionarán boa parte das súas cooperativas socias. Os consellos reitores das cooperativas Agris, Icos, Cogasar (Sarria), Coelplan (Becerreá), Leira (Paradela) e Aira xa asinaron o acordo de integración, pendente da ratificación do mesmo polos socios das súas respectivas asembleas, un proceso que terá que estar finalizado a 30 de xuño.

Durante os próximos días, cada cooperativa manterá xuntanzas cos seus socios e empregados, a fin de explicarlles o proxecto e resolver posibles dúbidas. De aprobarse a fusión nas respectivas asembleas xerais, o proxecto conxunto estaría operativo o 1 de xaneiro do 2018.

“Un proxecto de integración é un proxecto de construción de futuro” (Daniel Ferreiro, director xeral de Aira)

A cooperativa Aira botou a andar hai unha década co obxectivo de construír e xestionar en conxunto unha fábrica de pensos en Taboada (Lugo). O éxito da planta mídese polos seus números. Cada ano comercializa 200.000 toneladas de pensos e mesturas para máis de 2.000 explotacións.

Valorización da produción
O obxectivo inicial de Aira ampliouse a finais do 2016, cando o seu consello reitor acordou entrar con máis dun 20% de participación no proxecto de Dairylac, a industria láctea con base en Melide que lidera a cooperativa Icos.

Ese primeiro paso de Aira para implicarse na valorización da produción dos seus socios ten agora a súa continuidade nun proceso de integración que nace co obxectivo fundamental de impulsar a integración comercial e industrial a nivel lácteo. Aira proxecta tamén unificar os servizos que ata agora viña prestando cada cooperativa de xeito individual e traballará para reducir custos.

O estudo que elaborou a cooperativa ao longo do último ano sobre a viabilidade da fusión é elocuente sobre os beneficios económicos da mesma. Entre as cooperativas, pénsase que o proceso de integración contribuirá a fortalecer ás explotacións socias, polo que espérase lograr a aprobación das respectivas asembleas.

“Calquera proxecto de integración é un proxecto de construción de futuro” -valora o director xeral de Aira, Daniel Ferreiro.- “En Europa, son pasos que xa se deron hai anos e nós estamos a seguir esa liña”, valora.

Do proceso de fusión quedan á marxe as cooperativas Lemos e Coafor (Forcarei), que seguirán sendo socias de Aira, pero mantendo a súa personalidade xurídica.

Liñas estratéxicas da fusión

– Valorizar a produción dos socios. Impulso da comercialización en conxunto e transformación da produción dos socios.

– Compromiso coa base social, reforzando a sensación de pertenza e propiedade da entidade.

– Mellorar a sostibilidade social, comercial e financieira a través do traballo en conxunto.

– Impulsar a actividade comercial de Aira: venda de pensos, servizos agrarios, suministros ás explotacións, etc.

Datos
– As entidades que proxectan a súa fusión en Aira suman máis de 2.800 socios e 220 empregados en 15 centros de traballo.

– A produción de leite dos socios supera os 310 millóns de litros anuais, repartidos entre 1.100 explotacións.

– As vendas e servizos conxuntos suman unha cifra de negocio de 93 millóns de euros. O plan de negocio de Aira prevé, para os tres primeiros anos, un aumento na cifra de negocio superior ó 10%. Prevese un investimento anual superior ós 2 millóns de euros.

– A intercooperación segue sendo un eixo fundamental na estratexia do grupo, que continuará a participar en entidades como Delagro, Dairylac, Ucoga, Daira Food, Artesáns Gandeiros e Acolat.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información