A reunión entre Xunta e gandeiros remata sen acordo

As discrepancias céntranse na indefinición do que é prezo sostible e na falta de sancións en caso de incumprimento. A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo e a asemblea de gandeiros de Lugo valorarán esta tarde a reunión con Feijóo e se continúan coas mobilizacións.

A reunión entre Xunta e gandeiros remata sen acordo

A reunión entre a Xunta e gandeiros remata sen acordo

A segunda reunión entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cos representantes do sector lácteo para valorar o borrador de acordo para resolver a crise de prezos do leite rematou sen acordo.

Tras case tres horas de reunión as posicións mantéñense claras: dunha banda o goberno da Xunta, ASAJA Galicia e a cooperativa FEIRACO que valoran positivamente o acordo e instan aos gandeiros a apoialo, e doutra as organizacións agrarias Unións Agrarias, FRUGA e Sindicato Labrego que esixen que o documento inclúa dous aspectos que consideran básicos: que o acordo defina o que é prezo sostible para o gandeiro e que se estableza por lei sancións para evitar o incumprimento por parte de industria e distribución.

Os representantes da Organización de Produtores de Leche (OPL) non realizaron declaracións á saída da reunión. Roberto López, voceiro dos gandeiros de Lugo, valorou a título persoal o acordo como positivo pero subliñou que a valoración realizarase esta tarde nunha asemblea dos coordinadores por concello ás seis da tarde. Á mesma hora tamén se celebrará en Santiago unha asemblea dos gandeiros para decidir, finalmente, as accións a tomar.

Feijóo valora “positivamente” o acordo e di que non ten nada que non teña o francés

Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou positivamente o borrador de acordo porque “todo o que legalmente se pode poñer nun documento está posto”. “Este documento non ten nada que non comprometa o goberno francés cos seus produtores. Non hai nada que se lle dea aos produtores franceses que se lle negue aos gandeiros galegos”, subliñou.

Ademais, salientou que o documento contén tres demandas realizadas dende o goberno da Xunta: que a distribución se comprometa a non utilizar o leite como produto reclamo, que industria e distribución teñan a obriga de concretar a orixe do leite e que entre en vigor o máis axiña posible . Neste sentido, Núñez Feijóo informou de que “o documento establece que estará en vigor aos dez días de asinalo e que a finais de setembro se ten que concretar un novo contrato tipo para a venda de leite dos gandeiros á industria”.

Por último, o presidente da Xunta asegurou que “durante a reunión falei coa ministra (….) e está convencida de que con este documento poderemos recuperar os prezos de forma rápida”. Feijóo agardará agora a que os representantes dos gandeiros lle trasladen o que se decida nas asembleas desta tarde de Santiago e de Lugo.

José Luis Antuña: O acordo vai permitir estruturar o sector

Pola súa parte, o director xeral de FEIRACO, José Luis Antuña, incidiu en que o problema ´é que “España ten un sector totalmente desestructurado”. Neste sentido, destacou que o documento “é un antes e un despois para darlle estabilidade ao sector”.

Recoñeceu que o acordo “require boa vontade” de todas as partes e en canto á suba inmediata dos prezos do leite que se reclama dende Galicia, asegurou que “verémola de forma inmediata pero porque estamos en outono e hai menos produción”. A este respeito, afirmou que “o importante é que o acordo vai permitir estructurar ao sector e que non se lesione á parte máis débil da cadena” en momentos de exceso de produción e caídas das cotizacións internacionais do leite.

Por último, lembrou que “os produtores teñen que organizarse e as cooperativas dimensionarse, porque isto é cíclico e non podemos seguir sacando os tractores á rúa cando hai problemas”.

Os sindicatos agrarios reclaman sancións por incumprimento e que se concrete o que é prezo sostible para o gandeiro

Pola súa parte, tanto Unións Agrarias, como Sindicato Labrego Galego e a FRUGA insistiron en que o acordo non inclúe dous puntos que consideran básicos: sancións por incumprimento do mesmo e que se defina o que é prezo sostible para o gandeiro.

Así, Roberto García, de UUA, criticou que o acordo basee o seu cumprimento na confianza “e a confianza na industria e na distribución é pequena”. Recoñeceu que o borrador inclúe “avances e moitas cousas positivas” pero advertiu de que “faltan dúas para evitar que aqueles que sempre incumpriron os acordos non volvan facelo, e que son sancións por incumprimento e definir o que é prezo sostible”.

Dende a FRUGA, Xosé Antón Ledo tamén criticou que “o Goberno da Xunta nos pida que os gandeiros fagan un acto de fé”. “Nos trasmitímoslle que a situación non está para actos de fé e non escoitamos dentro que o prezo do leite vaia subir nin que vaia haber estabilidade do prezo nos próximos meses”, asegurou.

Por último, Roberto López, portavoz dos gandeiros de Lugo, asegurou que “·o documento valóroo positivamente pero gustaríanos que houbera máis concreción”. “Temos que ser cautos e valoralo con cabeza fría e decidir se damos un voto de confianza a ese documento”, engadiu.

En canto ás medidas de presión, asegurou que “bloquear industria ou distribución, penso que as formas en Lugo estámolas mantendo desde o primeiro día, e causar desperfectos non creo que sexa beneficioso para nós”.

ASAJA-Galicia di que o acordo recolle as súas principais demandas

Pola súa parte, o Secretario Xeral de ASAJA-Galicia, Francisco Bello, destacou a través dun comunicado que “cremos que o borrador que recolle a maioría das peticións que ven facendo ASAJA nos últimos meses”, e que son contratos estables entre industria e distribución e transparencia ao obrigar a facer públicos os prezos de venda da industria á distribución.

“Os gandeiros, pola súa banda, tamén mostraron o seu ánimo de implicarse para conseguir que o sector lácteo en Galicia poida estabilizarse. Eles comprométense a organizarse en asociacións de productores que integren o maior número posible de gandeiros, para poder así vender mellor os seus
productos e realizar unha xestión máis profesional e transparente”, conclúe o comunicado de ASAJA-Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información