A produción de leite repunta ata os niveis de abril do pasado ano

As explotacións en control leiteiro de Africor Lugo recolleron 74 millóns de litros, unha cifra similar a do mesmo mes do 2014

A produción de leite repunta ata os niveis de abril do pasado ano

Africor advirte de que máis produción implica máis perdas polos actuais prezos.

A supresión do sistema de cotas supuxo un novo repunte da produción láctea na provincia de Lugo. As explotacións que están no programa de control leiteiro, 1.700 na provincia, recolleron case 74 millóns de litros no mes de abril.

O director executivo de Africor Lugo, Ramiro Fouz, explicou que as 77.700 vacas muxidas e sometidas ao programa de control leiteiro nesta provincia acadaron unha produción de 31,5 litros diarios. Con esa cifra de produción por vaca, as granxas lucenses lograron unha media de 2.454.000 litros diarios, o que supón unha cifra de case 74 millóns de litros de leite producidos en todo o mes.

Ramiro Fouz explicou que este novo repunte, asociado á supresión do sistema de cotas, elevou a produción a “niveis similares aos rexistrados en abril do pasado ano”, cando a sobreprodución fixo saltar as alarmas sobre a posibilidade de que os gandeiros galegos fosen sancionados cunha nova supertaxa.

En abril de 2014, a produción aumentara en España un 7,9% en relación ao mesmo mes do ano anterior. Galicia vólvese situar agora nos niveis de 2014, co que, se ben a produción aumenta en relación a marzo de 2015, probablemente se manteña en niveis similares aos de abril de 2014, segundo as cifras que manexa Africor Lugo. Os datos poñen luz sobre as dificultades de recollida formuladas polas industrias nas últimas semanas polo que se consideraba un exceso de oferta.

En canto aos datos facilitados por Africor Lugo, Fouz tamén quixo incidir en que nestes momentos se está “a producir por debaixo dos custos de produción, a perdas, de modo que producir máis leva a perder máis diñeiro” e, polo tanto, a actual situación podería provocar “o peche de moitas explotacións”.

Información elaborada coa aportación de José Luis Ramudo (Lugo).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información