A industria da plantón á primeira reunión do sector lácteo galego

Á primeira reunión convocada pola Consellería do Medio Rural asistiron representantes das tres principais organizacións agrarias de Galicia, da distribución, e o empresario Jesús Lence, a título individual, pero ausentouse a Asociación de Empresas Lácteas de Galicia.

A industria da plantón á primeira reunión do sector lácteo galego

Reunión en San Caetano

A que prometía ser a primeira reunión de todos os axentes da cadea do leite en Galicia (representantes dos gandeiros, da distribución e da industria láctea), convocada pola Consellería do Medio Rural para buscar unha saída aos baixos prezos que padecen arredor do 10% das explotacións leiteiras, ficou truncada polo plantón de última hora dos representantes da industria láctea.

Ademais dos representantes das tres principais organizacións agrarias de Galicia (Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e ASAJA-Galicia), á reunión de onte a mediodía na sede da Consellería en Santiago tamén asistiron representantes da distribución (GADISA, EROSKI, DÍA e Carrefour), así como, a título individual, o empresario Jesús Lence, propietario de Leche Río, unha empresa que acumula a maioría das cancelacións da recollida de leite nas explotacións de Galicia nas últimas semanas.

A conselleira Rosa Quintana lamentou a ausencia da maior parte de industria ,que atribuíu “ao medo que ten a industria a sentarse nunha mesa coas distintas partes trala sanción de máis de 80 millóns de euros do Tribunal da fai uns meses tras interpretar que estaban a pactar prezos”.

2.571 gandeiros galegos cobran o leite por debaixo dos 26 céntimos/litro

Polo demais, un dos poucos datos concretos que saíu da reunión foi a cifra concreta de explotacións lácteas de Galicia que están a cobrar baixos prezos. En concreto, segundo os datos facilitados pola Consellería do Medio Rural e do Mar, son 2.571 gandeiros galegos, cun 9,9% do total da produción láctea de Galicia, os que están a vender o leite por debaixo dos 26 céntimos e deles 541, venderon por debaixo dos 20 cts/litro. Estes últimos representan o 1,37% do leite producido en Galicia.

Outro dos datos que se confirmou na reunión é a presión da distribución á industria para baixar os prezos, con compras de leite envasado de até 37 céntimos o litro.

Valoración dos sindicatos

Dende as organizacións agrarias, o secretario xeral de ASAJA-Galicia, Francisco Bello, agradeceu “a posición de diálogo da distribución” fronte a “un plantón das industrias que non se entende” e que cualificou de “unha falta de respecto aos produtores e á administración”.

Pola súa parte, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García cualificou de “sen precedentes o plantón da industria” que identificou cun “pulso á administración” para botar abaixo o paquete lácteo. Malia a ausencia de resultados tanxibles, Roberto García recoñeceu que “a reunión foi positiva no sentido de que pon ás claras a necesidade de dar un paso máis na interlocución política”.

Por último, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego, lamentou que desta reunión convocada pola Consellería do Medio Rural e do Mar “saímos sen ningunha solución”. Neste sentido, incidiu na necesidade da manifestación do día 17 en Santiago do sector lácteo “para esixir solucións inmediatas”, como a recuperación de prezos ruinosos, a garantía de recollida do leite en todas as granxas e un marco con mediación da administración nos contratos lácteos para evitar imposicións aos gandeiros por parte da industria.

As organizacións agrarias manteñen a manifestación convocada pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego para o 17 de xullo en Santiago de Compostela.

Leche Río reitera que non recollerá leite por debaixo do 3,5 % de materia graxa

Pola súa parte, o empresario Jesús Lence, que evitou facer declaracións aos medios, reiterou na reunión, segundo as organizacións agrarias, que non recollerá leite por debaixo do 3,5% de materia graxa

Para Roberto García, esta argumentación de calidade para non recoller o leite “non se mantén por ningún lado”, xa que nos contratos lácteos establécense penalizacións por baixa materia graxa ou proteína, pero non a cancelación do contrato.

A Xunta salienta que o novo PDR 2014-2020 contempla máis de 500 millóns de euros en axudas ás que se poderá acoller o sector lácteo

Por último, a conselleira do Medio Rural e do Mar destacou que o novo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020 proposto por Galicia a Bruxelas contempla para este período máis de 500 millóns de euros en axudas ás que se poderá acoller o sector lácteo.

Rosa Quintana especificou que o novo PDR manterá especial sensibilidade en atender as necesidades daquelas explotacións que se atopan en zonas con limitacións naturais ou con limitación de produción para as que se incrementará ata os 116 millóns de euros a cantidade dedicada fronte os 52 millóns de euros que destinaba o PDR en vigor (2007-2013) para ese mesmo concepto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información