A importancia de controlar a duración da fase de secado

Resumo do relatorio de Águeda Capón, JM Caínzos, C. Andreu, J.R. Botana e M. Miranda no XXI Congreso Internacional ANEMBE de Medicina Bovina que se celebrou o pasado mes de maio en Santiago de Compostela. A recomendación é que a fase de secado dure entre 40 e 70 días, cun óptimo de 60 días

A importancia de controlar a duración da fase de secado

Vacas de Gandería Sar SL na zona de preparto

A fase de secado (FS) é un período crucial no ciclo produtivo dunha vaca leiteira e o noso obxectivo debe ser secar vacas preñadas no momento oportuno, alcanzando unha FS de lonxitude apropiada, para por unha banda maximizar a produción na seguinte lactación e doutra banda previr os efectos prexudiciais que un mal manexo ocasiona a nivel metabólico e nos programas de saúde da ubre.

A abordaxe tradicional do secado determina un tempo óptimo de secado de aproximadamente 2 meses. Aínda que na última década publicáronse estudos que suxiren a posibilidade de acurtar a fase de secado sen prexuízos á produción, saúde e fertilidade posteriores, outros estudos describen que FS extremadamente reducidas, menores de 30 días, adoitan dar lugar a unha diminución da produción de leite na seguinte lactación.

Efectos negativos dunha fase de secado demasiado longa ou curta

No outro extremo, as fases de secado longas, maiores de 70 días, tamén son contraproducentes para a saúde en vacas en transición, presentando o dobre de posibilidades de desenvolver hipercetonemia na seguinte lactación fronte a vacas con FS entre 40 a 70 días.

As FS superiores a 90 días asociáronse a un incremento da graxa corporal antes do parto, a un incremento na mobilización de graxa e importantes alteracións metabólicas a nivel sistémico e hepático durante a transición de vaca preñada a lactante. Tamén se observou un menor peso ao nacemento de tenreiros daqueles animais nados de vacas con FS de 51 a 60 días comparado con aqueles con períodos máis longos. Do mesmo xeito, a pesar de que se describiu un aumento na produción de leite na seguinte lactación a medida que se alongaban as FS, cando o período de secado excede os 100 días demostrouse un descenso na produción futura (0.6 kg/día).

Aínda que a práctica común de moitas explotacións é secar 60 días antes do parto, a variabilidade individual (secados prematuros por baixa produción, parto prematuro,…) fai que algúns animais non se axusten a esta data. Por este motivo a duración do secado é un dos parámetros que rexistra o programa de avaliación en granxa dos riscos na fase de transición (Risk Assessment Tool, Elanco Animal Health). Durante as valoracións realizadas coa devandita aplicación en 16 ganderías leiteiras da provincia de Lugo, todos os gandeiros contestaron afirmativamente a que “máis do 90% das súas vacas están secas durante 40-70 días”.

O obxectivo do presente traballo é avaliar canto de certa era esta afirmación, para o que se analizaron 925 rexistros de secado destas 16 ganderías, dos cales 677 corresponden a vacas xa paridas, 45 a animais que causaron baixa tras o secado e 203 a animais aínda presentes nos patios de vacas secas.

O 25% das vacas analizadas paren con máis de 80 días de secado

Os resultados indicaron que a duración media da FS dos 677 animais con secados completados foi de 72.52 ± 34.21 días, afectando significativamente o factor granxa á duración do tempo medio de secado. Así, salvo tres explotacións (granxas H, F e D con medias e desviacións estándar de 112.35 ± 49.51, 92.63 ± 37.03 e 88.49 ± 39.26 días, respectivamente), todas as demais (13) movíanse nun rango entre 70 e 54 días.

Tendo en conta que os efectos da duración da FS sobre a saúde e produtividade dos animais débense a compoñentes individuais e non colectivos, e que os índices baseados en momentos
poden verse afectados por asimetrías ou valores moi afastados, parece máis lóxico realizar unha descrición dos días de secado no rabaño en base á distribución en lugar da media. A media e desviación estándar son especialmente apropiadas para describir distribucións que tenden a seguir leis normais, mentres que a mediana e cuartiles que nos permiten describir correctamente as distribucións de datos cuantitativos.

 En ningunha gandería o 90% das vacas estaba seca entre os 40 e os 70 días

Así, considerando o total dos animais que finalizaron o secado (677), vemos que o 25% dos animais pariron con máis de 80 días de secado e que só o 65% dos animais pariron entre 46 e 80 días de secado.

Do mesmo xeito, cando realizamos unha curva de supervivencia, a probabilidade de que unha vaca parise no último ano antes do día 70 de secado é só o 69.7%. A nivel de rabaño, só dúas ganderías (J e L) presentaban o 90% dos seus partos antes do día 80 e ningunha cumpría a premisa que o 90% das vacas estivesen secas entre 40 e 70 días.

Por tanto, para manexar correctamente a fase secar debemos ter en conta que a media de días en secado non é un valor representativo do estado do rabaño, senón que dada a importancia que ten sobre a produción posterior aqueles animais con FS moi altas, debemos considerar a distribución dos días en secado como criterio para o manexo de vacas secas.

Este coñecemento non evitará probablemente situacións debidas a períodos interpartos prolongados ou baixas produtividades, pero permitiranos dispoñer de alertas, para poder previr situacións individuais ou colectivas que ocasione vacas con desequilibrios metabólicos durante a transición de preñada a lactante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información