A crise do leite reabre o debate do grupo lácteo galego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, anunciou apoios ás cooperativas para o impulso de proxectos industriais, se ben o sector frea as expectativas trasladadas nos medios de comunicación

A crise do leite reabre o debate do grupo lácteo galego

Feiraco e Melisanto negan que haxa novos proxectos sobre a mesa.

Trinta anos de fracaso en fracaso convertiron a creación dun grupo lácteo galego nunha especie de terra prometida que reaparece no debate público en cada crise de prezos do leite. O último en sacar a posibilidade á luz foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que esta semana en Melide, nunha visita á cooperativa Melisanto, anunciou apoios para as cooperativas nos posibles proxectos industriais que poidan acometer. Desde o sector, sen embargo, frean as expectativas que se trasladaron ó respecto nos medios de comunicación e aseguran que polo de agora non hai nada de nada.

Melisanto, xunto coa cooperativa Os Irmandiños e con Feiraco, lidera Acolact, unha sociedade integrada por unha decena de cooperativas galegas que xestiona desde hai case tres anos a planta de Clesa en Caldas de Reis. O proxecto de Acolact, centrado na produción de iogures e postres lácteos, aspira a diversificarse nun futuro con novas liñas de produto. Esa vía de traballo podería incluir a modernización e posta en marcha da torre de leite en po xa existente na planta de Clesa, segundo indicaron onte desde Melisanto, cooperativa que aclara que ese é o único proxecto que hai sobre a mesa. Nada sobre novas instalacións industriais ou sobre a creación dun gran grupo lácteo de base cooperativa.

A modernización da torre de leite en po xa existente en Clesa é o único proxecto concreto que se abordou, segundo Melisanto

Feiraco, outra das cooperativas sobre a que se trasladaron estos días as expectativas de liderado dun posible grupo lácteo galego, tamén nega que haxa nada novo e di descoñecer os temas que se puideran ter falado na visita de Feijoo a Melisanto.

Escenario
A febleza da industria transformadora asentada en Galicia leva a que cooperativas e gandeiros se enfrenten a situacións de escasa estabilidade nas cíclicas crises do sector, como a actual. Prezos á baixa e falta de garantías de recollida do leite poñen contra as cordas ós gandeiros e obrigan ás cooperativas a estudar a súa posible implicación en proxectos de transformación industrial que poidan aportar unha maior estabilidade.

Desde a propia Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) estase a promover un estudo para valorar alternativas, se ben polo de agora o ansiado grupo lácteo galego segue na distancia da terra prometida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información