187 animais participarán en Xixón no Concurso Nacional da Raza Frisoa

187 animais participarán en Xixón no Concurso Nacional da Raza Frisoa

Xovenca Gran Campioa no certame do ano pasado

O sábado 28 de setembro inaugurarase a edición número 40 do Concurso Nacional da Raza Frisoa organizado por CONAFE (Confederación de Asociacións de Frisoa Española) coa colaboración de Asturiana de Control Leiteiro-Asociación Frisoa (ASCOLAF).

Como vén sendo habitual desde 2002, celebrarase na Feira Monográfica do Campo e as Industrias Agrícolas, Gandeiras, Forestais e Pesqueiras de Asturias AGROPEC, e o certame será xulgado polo alemán Cord Hormann.

Nesta edición participarán 187 animais procedentes de 40 gandarías de sete Comunidades Autónomas. 16 gandarías asturianas representarán ao Principado con 80 animais. Cantabria é a segunda comunidade autónoma con máis participación, con 54 animais e 12 gandarías participantes. Séguenlle Galicia que acode con 27 animais, Cataluña con 16, Navarra con 5, Castela e León con 4 e País Vasco con 1 animal.

As seccións con maior número de animais en pista serán, con 27 animais cada unha, a sección 1, de Tenreiras de 8 a 10 meses, entre as seccións de tenreiras e xovencas que se celebrarán o sábado, e a sección 10 de Vaca nova en lactación até 30 meses, entre as seccións de vacas do domingo.

Ao peche do catálogo están inscritas Badiola Atwood Koketa (Gan. Dipl. Badiola, Asturias), Vaca Gran Campioa Nacional das dúas últimas edicións, así como a Llinde Ariel Jordan (S.A.T. Ceceño, Cantabria), Vaca Gran Campioa Nacional Reserva 2018, que volverán estar entre as favoritas.

O XIX Campionato Nacional de Manexadores, no que se valora a pericia coa que os manexadores presentan os animais na pista, celebrarase o sábado 28 a partir das 17:00 horas, unha vez concluído o certame das becerras e xovencas.

Un ano máis distintas casas comerciais relacionadas co sector lácteo estarán presentes con caseta no pavillón central da Feira de Asturias Luís Adaro.

Cord Hormann, Xuíz do Concurso

O concurso será xulgado polo xuíz internacional Cord Hormann, da Asociación Frisoa de Alemaña. Hormann vive en Warmsen (Baixa Saxonia, Alemaña) e é propietario de Wilcor Holsteins, unha explotación gandeira cunhas 50 vacas leiteiras e tenreiras e máis 70 hectáreas de terras de cultivo. Graduouse na Universidade de Ciencias Aplicadas de Osnabrueck (Alemaña) en 2009 cunha licenciatura en agricultura e fala alemán e inglés, ademais de algo de francés.

Cord Hormann é xuíz da Asociación Frisoa de Alemaña desde 2008 e nos últimos anos xulgou a nivel nacional o German National Holstein Show 2017 e multitude de concursos a nivel rexional e local en Alemaña. Como xuíz internacional xulgou en Suíza, Austria, Irlanda do Norte, Suecia, Dinamarca, Luxemburgo e Rusia.

Ademais do seu traballo como xuíz, tamén participa habitualmente cos seus animais en concursos nacionais e internacionais. Como preparador e manexador estivo presente en edicións de eventos internacionais como World Dairy Expo en Estados Unidos, Royal Winter Fair en Canadá ou Swiss Expo en Suíza.

Programa

Sábado, día 28 de setembro:

Desde as 11:00 horas
Certame das seccións de tenreiras e xovencas
Desde as 17:00 horas
XIX Campionato Nacional de Manexadores

Domingo, día 29 de setembro:
Desde as 10:00 horas
Certame das seccións de vacas

cartaz conafe asturias 19

Historia do Concurso Nacional de CONAFE

En 1991 CONAFE toma o relevo na organización do Nacional da Raza Frisoa, que até esa data viña facendo ANFE desde 1974. Desde o seu inicio e ao longo de 39 edicións, tres animais conseguiron o máximo galardón de Gran Campioa en tres ocasións: Argomota Infanta Inspiration, como Xovenca Gran Campioa en 1989 e 1990 e como Vaca Gran Campioa en 1991; Pachecas James Gretta, Vaca Gran Campioa de Primavera en 2005 e Gran Campioa de outono en 2005 e 2006; e Pacho Goldwyn Telva, Vaca Gran Campioa de CONAFE dos anos 2011, 2013 e 2016.

Asturias e Cantabria son as Comunidades Autónomas ás que máis títulos foron de Vaca Gran Campioa, a primeira en dezaoito ocasións e a segunda, en quince. En canto a gandarías, a asturiana Gandaría Diplomada Badiola é a que máis galardóns cultivou, con once títulos de Vaca Gran Campioa Nacional e tres de Xovenca Gran Campioa Nacional.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información