FRIOL_VACAS_PASTO_2

10 granxas galegas participan nun proxecto europeo para mellorar a eficiencia económica en vacún de leite

Galicia participa no proxecto “Dairy For Future” financiado polo Arco Atlántico. O proxecto foi aprobado na última convocatoria Interreg e nel ademais participan entidades de Portugal, Francia, Reino Unido, Irlanda e País Vasco.

O obxectivo final do proxecto é analizar a utilización de recursos nas explotacións lácteas a través da cuantificación das emisións de CO2 que, xunto cunha análise económica, poderían derivar nunha tipificación de explotacións en función da súa eficiencia.

O proxecto comezará o próximo mes de xaneiro e estenderase ata o ano 2021. Está coordinado polo Institut de l´Élevage de Francia. O Instituto Galego de Calidade Agroalimentaria (INGACAL) é a entidade galega participante.

O proxecto ten dúas vertentes, a máis innovadora desenvolverase no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), onde se levará a cabo un ensaio no que se analizará a eficiencia de cinco sistemas de alimentación de vacas de leite. Ademais, en dez explotacións colaboradoras levaranse a cabo medicións para poder establecer índices de eficiencia cos criterios anteriormente mencionados. Estas explotacións formarán parte dunha rede de cen explotacións colaboradoras.

Gandarías colaboradoras

O dez explotacións galegas participantes son Granxa O Cancelo, Casa Codesal, Sat Margá, Gandaría Ventura, Gandeiría As Cernadas, Gandaría Patalarga, Gandaría Boga, Gandaría Sebastián, SAT Sampérez e Ganaderia Colorado S.C.

O proxecto contou co apoio de, entre outros, Lactalis no Reino Unido, os procesadores Glanbia e Carbery en Irlanda, a cooperativa Sodiaal en Francia, a cooperativa vasca Iparlat e a portuguesa Agros. Por parte galega as entidades colaboradoras foron CAP Coruña, LIGAL, CLUN e AGACA.