Terras da Mariña, un proxecto para valorizar a faba de Lourenzá

A creación da cooperativa, que comezou a actividade con 20 produtores, abre perspectivas para a profesionalización do cultivo de horta na zona norte de Lugo. A estabilización dos prezos, un dos seus primeiros obxectivos

Terras da Mariña, un proxecto para valorizar a faba de Lourenzá

Bodegón de produtos da cooperativa.

A faba de Lourenzá caracterízase por ser un legume de calidade, de bo tamaño, pel fina, textura mantecosa e que absorbe os sabores dos produtos que a acompañan. Esa calidade do produto, recoñecida desde o 2008 pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá, non se corresponde coa súa situación comercial, xa que boa parte da faba de Lourenzá remata en comercializadoras asturianas.

Coa idea de poñer en valor á súa produción, un grupo de agricultores da Mariña lucense constituíu hai un par de anos a cooperativa Terras da Mariña. O proxecto intégrano 20 produtores de distintos concellos da Mariña, principalmente de Lourenzá e Ribadeo, que se xuntaron na idea de profesionalizar o sector e de lograr un prezo máis xusto para a faba de Lourenzá.

“Antes da cooperativa, o produtor non sabía se ía cubrir gastos ou tan sequera se ía vender” (José Cuadrado, presidente)

Un dos obxectivos da cooperativa pasa por lograr unha estabilización dos prezos do produto, pois a faba de Lourenzá con frecuencia oscila moito dun ano para outro, en función do que marca o mercado asturiano.

“Asturias segue a ser o primeiro mercado da faba que se comercializa na comarca, pois a cooperativa, cunha produción anual de 20-25 toneladas, representa aínda pouco no conxunto da comarca, pero si temos a impresión de que desde que xurdiu a cooperativa o prezo da faba é máis estable, á alza” -destaca o presidente de Terras da Mariña, José Cuadrado.- “Antes o produtor non sabía se ía cubrir gastos ou tan sequera se ía vender”.

Diversificación
Outra das ideas coas que naceu Terras da Mariña foi a profesionalización do sector. “O cultivo da faba era a miúdo na comarca un complemento da renda” -explica José Cuadrado-. “A cooperativa busca unha maior profesionalización, que a xente moza poida ter un respaldo e ver unha alternativa de futuro na faba. De feito, desde que constituímos a cooperativa, xente que está a traballar noutros sectores xa se interesou polas posibilidades do cultivo”, conta Cuadrado.

“Buscamos que a xente moza poida ter un respaldo e vexa unha alternativa de futuro na faba”

A cooperativa intégrana tanto agricultores de toda a vida como xente máis nova no mundo da faba, unha mestura que casa ben, segundo explica o presidente de Terras da Mariña. “Temos por un lado a experiencia e por outro ilusión e novas ideas”, valora.

Terras da Mariña proxecta tamén introducirse noutros cultivos de horta, como os grelos, de cara a posibilitar que os agricultores manteñan traballo e produción todo o ano, non só na campaña do seu cultivo estrela.

Posibles fraudes na venda a granel
O labor da cooperativa é un paso máis para prestixiar no mercado a produción da Mariña lucense. “En moitas froiterías de Galicia, véndese faba a granel cun letreiro que di que é faba de Lourenzá, pero sobre esa faba non hai garantías nin de orixe nin de calidade” -cuestiona o presidente de Terras da Mariña-. “Temos un produto de sona que se está a desprestixiar no mercado”, critica.

“Envasamos cada parcela por separado, pois cada unha delas pode ter características e calidades distintas”

Fronte a ese panorama, Terras da Mariña enfocouse ó coidado do produto e a súa comercialización envasado. “Para nós é moi importante a seguridade alimentaria e a trazabilidade. Temos un control da faba en todo o proceso produtivo e caracterizámonos por procesar a produción de cada finca por separado”, explica Cuadrado.

“Se un socio ten varias fincas, que é o habitual, non se mesturan as producións das súas parcelas, pois cada unha delas pode ter calidades e características distintas. Con iso logramos, que haxa unha cocción máis homoxénea”, sinala.

Ese coidado traballo da cooperativa fai que o produto teña moi boa aceptación na restauración e en tendas gourmet, se ben cústalle entrar máis no gran consumo por unha cuestión de prezo. “O produto da IXP Faba de Lourenzá ten un custo a maiores porque presenta unhas garantías que non cumpre a produción a granel. O consumidor deberíase concienciar sobre iso”, valora o presidente de Terras da Mariña.

Procesado
A cooperativa conta cunhas instalacións propias que lle permiten acometer a selección e envasado do produto. Dispón tamén dunhas cámaras de conxelación, un paso imprescindible, obrigado pola normativa da IXP, para garantir a sanidade da faba e a súa boa conservación.

Tras a recollida das fabas, a cooperativa conxélaas durante un mínimo de catro días. Despois, unha mesa de selección, con participación de varios socios, analiza manualmente todas as fabas e desbota as que presentan defectos. De entre as que pasaron a selección, farase unha escolla por calibres. As fabas de maior tamaño serán as de calidade extra, que se venderán co selo da IXP.

Terras da Mariña produce tamén a faba verdiña, de cor e verde e máis pequena, coñecida como a faba do marisco por acompañar con frecuencia peixes e mariscos.

Conserva de fabas con bacallao.

Conserva de fabas con bacallao.

Proxección
O obxectivo de Terras da Mariña pasa por consolidar mercados primeiro en Galicia e logo no resto de España. Tamén comezou a participar este ano en misións no estranxeiro xunto con outros produtos galegos de calidade.

A cooperativa estivo xa presente en Bruxelas, Berlín, Londres e Suíza, países nos que atoparon nichos de mercado para o seu produto. De cara a próximos anos, pénsase no inicio da exportación. Con esa perspectiva en mente, Terras da Mariña xa obtivo o selo Galicia Calidade, que lle permite unha maior diferenciación no mercado.

Fabas preparadas para o seu consumo

A cooperativa chegou a un acordo cunha industria do sector para a comercialización conxunta dunha liña de pratos preparados, listos para o consumo. Ofrécense cinco opcións: fabas acompañadas de bacallao, de cogomelos, de callos ou de pulpo; e ensalada de fabas.

O produto, que se comercializa cunha dobre marca (La familia de Lola – Terras da Mariña), está a ter boa recepción no mercado. “Ten unha calidade excepcional. Semella feito pola avoa”, conclúe José Cuadrado.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información