“Se chega a couza guatemalteca á Limia sería unha desfeita para esta comarca”

Entrevista a Amador Díaz Penín, presidente da recentemente creada Asociación de Produtores de Pataca da Limia, que agrupa a arredor do 80% dos agricultores profesionais e da produción de pataca da comarca. Cara novembro prevén celebrar a primeira feira sectorial para promocionar este produto

“Se chega a couza guatemalteca á Limia sería unha desfeita para esta comarca”

Amador Díaz Penín, presidente da recentemente creada Asociación de Produtores de Pataca da Limia

A organización dos produtores de pataca da Limia é unha vella arela dende hai décadas, para poder ter máis poder de negociación ante almacenistas, distribución e industria transformadora. Un primeiro paso deste obxectivo conseguiuse coa Asociación de Produtores de Pataca da Limia, creada o pasado mes de novembro e que xa está a traballar en varios proxectos, como a organización para este outono dunha festa de exaltación deste produto ou a mellora do estado das pistas agrícolas e dos canais de desague.

O seu presidente é Amador Díaz Penín, un agricultor que cultiva unhas 12 hectáreas de tubérculo e que está a apostar pola comercialización directa da pataca ao consumidor.

¿Por que decidistes crear a Asociación de Produtores de Pataca da Limia?
Un grupo de agricultores da comarca víamos a necesidade de unirnos para defender o noso sector e os nosos intereses. Dende o fracaso da Cooperativa Limiana o feito de volver asociarse era algo tabú na comarca. Afortunadamente mudou un pouco esa xeración e ante as problemáticas que temos no sector viamos a necesidade de agruparnos. Este proxecto foise xestando no verán pasado e no mes de novembro fíxose realidade.

A día de hoxe somos 95 socios, todos agricultores profesionais da comarca da Limia e todos vivimos en exclusiva do cultivo da pataca. Representamos arredor do 80% produtores da comarca e tamén sobre o 80% da produción, co que somos amplamente representativos do sector. Na Limia seméntase unhas 3.500 hectáreas de pataca, unhas 2.000 ha de cereal de inverno, e varios centos de trigo de primavera.

“O cambio xeracional e a maior profesionalización fixeron que os produtores nos animáramos a asociarnos”

A situación na comarca nas últimas décadas mudou sensiblemente, dunha agricultura máis familiar, con moitos agricultores, a hoxe en día en que quedamos moitos menos produtores, pero con moita máis superficie por agricultor e máis profesionalizados. Así, na nosa asociación o agricultor que menos produce chega aos 300.000 quilos de pataca, pero hai varios que están xa nos 1,5 millóns de quilos. Este cambio axudou a que se apostara polo asociacionismo a través da Asociación de Produtores de Pataca da Limia.

¿Que obxectivos vos marcades?
Están aparecendo problemas que preocupan ao sector, como a couza guatemalteca da pataca ou o epitrix, que están cerca da comarca. Nacemos co obxectivo de ter unha interlocución directa coa administración como grupo e creo que desta forma imos ter máis forza porque representamos á maioría dos produtores. Como problemas inmediatos hai pistas de concentración parcelaria que levan 30 anos sen tocar, canles que non se poden limpar por motivos medioambientais, cando a misión das cunetas é sacar auga, e que logo nos provocan problemas de asolagamentos con graves perdas económicas.

Neste sentido, agora estamos cun proxecto de compra dunha máquina para acondicionamento de pistas, que parece que imos conseguir de inmediato. É unha axuda comprometida por parte da Deputación de Ourense e que nos vai permitir comprar unha máquina para acondicionar as pistas e limpar as cunetas. A máquina vai ser da asociación e cos concellos e cos socios irase acondicionando as pistas.

Tamén queremos traballar para resolver cuestións administrativas que non están equiparadas entre países da Unión Europea e España.

¿O modelo de sindicatos agrarios non responden ás vosas necesidades?
Eu non estou afiliado neste momento a ningún sindicato. Existe tamén outra asociación na Limia pero o sector dos produtores de pataca non nos sentiamos representamos e de aí naceu esta nova asociación.

O pasado mes de novembro representantes da asociación mantivestes en Santiago unha reunión coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo. ¿Como valoras os resultados da xuntanza?
Transmitímoslle varias inquedanzas. A raíz da xuntanza a Consellería de Medio Rural organizou unha charla informativa sobre os seguros da pataca. Hai que ter en conta que na Limia menos do 20% da produción está asegurada, algo no que inflúe que non están adecuadas as porcentaxes de quilos por hectárea que cobren as pólizas co rendemento na comarca. Nese sentido, na reunión houbo vontade de teren en conta as nosas achegas en para adaptalos á realidade. Tamén trasladamos a necesidade de realizar unha festa de exaltación da pataca da Limia e a Consellería manifestounos o seu apoio.

En xeral, detectamos unha necesidade de que agricultores e administración nos sentemos porque a veces sacan axudas ou normativas que non teñen moito sentido para o sector e pensamos que cun diálogo directo se poden cambiar.

“A Xunta ten que intentar por todos os medios que a couza guatemalteca non chegue á Limia”

¿Tamén lle transmitistes a vosa preocupación pola couza guatemalteca da pataca?
Efectivamente. Hai pouco detectouse tamén en Muxía, e ten a súa importancia pero non é o mesmo que o efecto que tería na Limia. O que pedimos é que as medidas que tome a administración, que é quen ten as competencias, sexan efectivas para evitar que esta praga se expanda e conseguir erradicala. A Xunta ten que intentar por todos os medios que a couza guatemalteca non chegue á Limia porque sería a perdición desta comarca. Botar 2 anos sen poder sementar pataca sería algo moi duro para os agricultores, porque é a noso medio principal de vida.

¿Barallades organizarvos en organización de produtores para lograr mellores prezos e que a propia lexislación promove?
A verdade é que de momento non nos plantexamos. Si que estamos vendo que cada vez o agricultor vende máis directamente ao consumidor final. Pero de momento non temos nada en mente nin en canto á comercialización nin en canto a compras en conxunto.

¿Que lle falta á pataca da Limia para potenciala e evitar as crises periódicas de prezos?
Creo que a pataca da Limia necesita unha publicidade e por parte da Administración debería mostrar un apoio en promocionar o sector como se fai con outros produtos galegos, como o viño, a carne ou os queixos. Hai moito descoñecemento da pataca da Limia, un produto que ten unha calidade peculiar, que a fai distinta a calquera doutra zona, e creo que temos que saber vendelo e promocionalo.

Con ese obxectivo organizaremos unha feira ou salón monográfico sobre a pataca da Limia na segunda ou terceira semana de novembro cando todo o produto estea recollido e almacenado. Intentaremos que sexa unha feira moi profesional e organizaremos charlas de carácter técnico para o sector e que sirvan tamén para a promoción do noso produto.

“Fáltanos promoción da pataca da Limia, como se fixo cos queixos ou cos viños galegos”

Segue sendo minoritaria a pataca da Limia amparada pola IXP Pataca de Galicia ¿É tamén unha materia pendente para potenciar a pataca da comarca?
Creo que todos os agricultores da Limia deberíamos estar presentes na IXP Pataca de Galicia para potenciar a imaxe e a promoción do noso produto. Noutros sectores como o viño fixérono así hai anos e están vendo os resultados. Penso que na IXP estase traballando no bo camiño e se se inclúe a agria vai ser moi positivo e vai medrar moito o produto certificado.

¿Como valoras a campaña que ven de rematar?
Tivemos a sorte de que a calidade foi moi boa, e non houbo ningún problema de podremia ou de conservación nos almacéns. En canto aos prezos, empezaron baixos pero foron repuntando cara o final da campaña. Poderíamos dicir que foi un ano regular.

¿E como está a ser a sementeira?
Estamos agora en plena sementeira, con case un mes de atraso respecto a un ano normal. Agora o tempo está vindo bo, a terra está en tempero e se se manteñen as temperaturas elevadas a pataca vai nacer rápido. Se todo vai ben, dentro duns 10 días a gran maioría das fincas na Limia xa deberían estar sementadas de pataca e de trigo de primavera.

A pataca que está vindo do sur de España está a bo prezo e iso é un signo positivo, pero haberá que agardar. O que si se resentiu algo foi a semente, que agromou xa nos almacéns, e por iso perdeu forza.

Unha das grandes materias pendentes na Limia son os regadíos. Dende hai uns 20 anos distintos gobernos veñen prometendo obras para ampliar e modernizar os regadíos na comarca, que actualmente só cobren a zona da antiga lagoa ¿Que lle demandades á administración?
As catros comunidades de regantes que aínda non dispomos de regadío (Corno do Monte, Alta Limia, San Salvador de Porqueira e Ganade-Lamas) precisamos ser competitivos como no resto do Estado español. Fomos ver regadíos a zonas de Castela A Mancha, onde se lles está a dar un impulso enorme, e un plan de regadíos faríanos moito máis competitivos, cun uso da auga máis eficiente e maior sustentabilidade medioambiental. Sería importante que o río Limia levase auga durante todo o ano e iso sería posible se contáramos cun plan de regadío que modernizase e ampliase o regadío actual. Os agricultores estamos xa tomando a iniciativa e este ano imos empezar xa a realizar regadío por goteo.

“Noutras zonas do Estado estase a investir en regadío pero aquí as administracións non cumpriron os seus compromisos”

Hai unha partida orzamentaria duns 20 millóns de euros dende hai anos para chegar ata 4.000 hectáreas de regadío, pero a falta de vontade política e os desacordos entre distintas administracións teñen isto paralizado, lastrando o desenvolvemento económico da comarca.

O sector estase profesionalizando pero precisamos que a administración cumpra os seus compromisos.

Por último, ¿Como valoras o acordo de gandeiros de Cobideza e produtores da pataca da Limia para producir aquí millo forraxeiro?
Paréceme moi boa idea. É precisa unha diversificación de cultivos na comarca para estar menos expostos aos riscos, por exemplo o da couza guatemalteca. O cultivo de millo forraxeiro podería ser unha alternativa máis no ciclo da pataca, mellorando tamén o estado sanitario do solo con estas rotacións. Encaixaría perfectamente co cultivo da pataca e do cereal e oxalá saia ben o proxecto.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información