Recomendacións para o control do nematodo da pataca

Servando Álvarez Pousa, director técnico do Centro Agrogandeiro da Limia, dependente da Deputación de Ourense, ofrece unha serie de recomendacións para a prevención e control da praga do nematodo da pataca

Recomendacións para o control do nematodo da pataca

Nematodo da pataca

Cando antes falabamos no artigo anterior do abonado da pataca suxeríase a necesidade da realización previa a sementeira dunha analítica de solo para axustar os aportes de nutrientes. A práctica da análises de solo convértese , por tanto, en fundamental na loita contra a praga do nematodo do ciste da pataca, Globodera rostochiensis e/ou Globodera pallida.

Os nematodos formadores de cistes son pequenos vermes, maiores dun 1mm, que contan coa peculiaridade e de aí o seu nome, de que as femias unha vez fecundadas convértense en pequenos cistes adheridos ás raíces da planta da pataca (os cistes si que son visibles a simple vista) para logo pasar e estenderse polo solo. No seu estado como cistes, a praga é capaz de resistir no solo por un longo período (anos) ata que volvamos plantar pataca, momento este que o ciste rómpese e libera os nematodos xuvenís que atacan ás raíces (cada ciste pode conter da orde dos 250 xuvenís).

PATACA__NEMATODO_INORDE_6

Os danos no cultivo tradúcense en zonas máis ou menos circulares nas que as plantas se amosan débiles, con pouco porte e adoitan secar antes; traducíndose todo isto nunha diminución da produción que, dependendo da infestación e da forza do ataque, pode chegar ata superar o 70 %.

Esta praga ten unha importante capacidade de diseminación a través dos propios tubérculos (cando a pataca dunha parcela infestada se emprega como semente no seguinte ano), da maquinaria empregada (apeiros de labranza, rodas de tractor…), a través do gando (rabaños de ovellas….) ou mesmo do propio agricultor (terra nos zapatos, rodas de coche….). Proba da expansión da praga é que a primeira vez que se detectou en Galicia foi no 1973 nunha parcela situada en Vila de Rei, A Limia, e 44 anos despois está totalmente estendido pola comarca.

PATACA__NEMATODO_INORDE_8 A loita contra o nematodo do ciste da pataca é complicada, xa que pese a que no mercado hai dous produtos nematicidas autorizados para o seu emprego (Mocap e Vydate) a acción dos mesmos limítase a asegurar unha produción rendible pero non a erradicación completa da praga.

Así pois, a loita contra esta doenza debe pasar por empregar todas as ferramentas ó noso dispor para evitar por un lado a súa expansión e por outro lado para evitar danos lesivos na produción das parcelas afectadas.

A xeito de resumo ( as estratexias de loita contra o nematodos darían para a publicación de varios artigos) a loita contra esta praga pasaría por:

– Emprego de semente certificada.
– Introdución de variedades resistentes no ciclo de rotación.
– Tratamento químico.
-Eliminación de rebrotes en cultivos non de pataca.
– Emprego de plantas trampa (certas brassica, solanun sisymbriifolium,….)
– Aumentar o ciclo de rotación.

Para rematar indicar que os nematodos do ciste da pataca están considerados praga de corentena segundo o especificado no “Real Decreto 920/2010, de 16 de julio, por el que se establece el programa nacional de control de los nematodos del quiste de la patata”, estando sometido a control polas autoridades de sanidade vexetal da Consellería de Medio Rural.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información