“A mazá de sidra está en auxe e pode ser un bo complemento á renda de moita xente”

Entrevista a Francisco Otero Otero, enxeñeiro agrónomo e técnico da Consellería do Medio Rural. É tamén presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia (AFRUGAL) e figura clave no impulso do cultivo da mazá de sidra

“A mazá de sidra está en auxe e pode ser un bo complemento á renda de moita xente”

Francisco Otero na finca de ensaio de froiteiras do CFEA de Guísamo

Francisco Otero Otero é un dos artífices da recuperación do cultivo da mazá de sidra en Galicia, un cultivo tradicional do país, e que na última década está en auxe.

Enxeñeiro agrónomo de profesión, dende o ano 1987 é técnico da Consellería do Medio Rural, especializándose na promoción da fruticultura. Así, foi o impulsor dos ensaios con variedades asturianas que se realizaron entre os anos 1996 e 2002, cuxos resultados serviron de base para as plantacións que se están a realizar dende entón en Galicia. E dende hai catro anos coordina o mesmo estudo pero con variedades de mazá autóctonas galegas, para ter datos científicos de rendementos que sirvan de base a facer plantacións nos próximos anos con variedades propias, que permitan sacar ao mercado sidras diferenciadas. Outro dos seus proxectos en mente é realizar un estudo sobre variedades autóctonas de mazá de mesa e de pera, “pois estámolas traendo de fóra, e perfectamente podíamos producir aquí esa froita, con variedades xa emblemáticas de Galicia como a pera Dona Urraca”.

Francisco Otero tamén é presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia (AFRUGAL) e amósase esperanzado coa xente nova que se está a incorporar ao sector, dispostos a emprender cun criterio empresarial e con asesoramento técnico-económico.

¿Está a vivir a fruticultura, e en concreto a mazá de sidra, un momento de auxe en Galicia?
Penso que estamos nun momento de crecemento moi significativo: incremento no número de hectáreas, na creación de novas asociacións e cooperativas, en maquinaria innovadora para recolección, etc.

“A plantación comeza un ano antes de levala a cabo”

Como presidente de Afrugal e como técnico da Consellería de Medio Rural, ¿Cales son os erros máis comúns que detectas nas plantacións de mazá que se realizan en Galicia?
Os erros mais repetidos son de tipo técnico. Plantar é doado, pero despois temos que ter unha folla de ruta que nos permita ir levando ben a plantación: podas, abonado, tratamentos fitosanitarios, etc.

Eu sempre digo que a plantación comeza un ano antes de levala a cabo. Nese ano anterior é bo ter claro o patrón, as variedades, marcos de plantación e preparación do solo por medio das analíticas.

Sole falarse do bo potencial que ten Galicia para a produción de mazá, tanto de sidra, como de mesa. ¿Que fallou para que este cultivo non acabase de despegar, malia os intentos de cooperativas que se fixeron nas últimas décadas?
Tanto as cooperativas como as asociacións son moi novas en Galicia. Hoxe en día as case 200 hectáreas de maza de sidra en plantación regular coas que contamos son froito do traballo das asociacións, que asesoran e informan aos novos fruticultores.

Podemos dicir que o pulo na mazá de sidra comeza neste século XXI. E para iso foi básico ter datos das variedades asturianas ensaiadas en Galicia, entre os anos 1996 e 2002, para poder aconsellar aos fruticultores.

O asentamento en Galicia da industria transformadora, é tamén garantía de seguridade de compra para os futuros fruticultores.

Polo tanto, penso que as plantacións de mazá de sidra están incrementándose notablemente. E ese aumento da plantación debe facerse cun asesoramento total en canto a novas técnicas, tendo como exemplo os que van diante. Debemos pensar que a plantación máis vella de socios de AFRUGAL non chega aos 10 anos.

Volvendo á mazá de sidra, ¿Cales serían as súas recomendacións á hora de elixir o terreo e o abonado a realizar?
O terreo non o podemos elixir, pois as máis das veces é o que temos. En xeral, debería ter unha certa pendente, orientado ao sur, sureste ou suroeste, e cunha boa profundidade. Isto último é importante, pois como mínimo debe ter 80 cm de fondo para asegurar un bo desenvolvemento da árbore ao longo do tempo. Debemos asegurar tamén que non teña capas de arxila ou freáticas no seu perfil. O abonado a realizar será sempre en función da análise do solo.

“O patrón que se elixa é unha peza clave, máis que as variedades”

A selección do portaenxerto é outro paso clave, ¿Cales son as súas recomendacións neste sentido? ¿Para mazá de sidra cales se aconsellan neste momento?
Penso que o patrón é unha peza clave, máis que as variedades. En sidra aconsellamos a serie Malling Merton (MM), e dentro dela o MM – 106 se o terreo é fértil e profundo, e o MM – 111 se ten peores características.

Esta serie (MM) é aconsellable pola resistencia a pragas como o pulgón laníxero (E. Lanigerum) e polo menor vigor, respecto aos patróns francos.

En canto ás variedades, estades a realizar dende a Consellería de Medio Rural, e en colaboración con Sidra Maeloc, uns campos de ensaio con variedades autóctonas en distintas localizacións de Galicia ¿Que resultados nos podes avanzar?
Estamos a coordinar dende a Consellería de Medio Rural os campos de variedades autóctonas en Chantada (Lugo), Bergondo, Ortigueira (A Coruña) e A Estrada, en Pontevedra.

É cedo para adiantar resultados, porque estamos no cuarto ano. A pesar de que estamos en ano par (2018), de caída de produción, as perspectivas de produción semellan boas. Aínda que isto o saberemos dentro dun mes.

Mentres non teñamos eses resultados definitivos dos campos de ensaios con variedades galegas, as que estamos a recomendar, responden a un ensaio feito pola Consellería do Medio Rural (1996 – 2002) sobre variedades asturianas. En dito ensaio destacaron as variedades: De la Riega, Regona, Raxao como principais, e tamén Prieta, Durona de Tresalí, Perico e Solarina. As producións ás que se debe de chegar anda polos 20.000 a 25.000 kg/Ha. En todo caso, é clave controlar a vecería.

E en canto á mazá de mesa, temos un patrimonio xenético autóctono moi grande. ¿Estámolo a aproveitar?
A mazá de mesa quizás sexa a gran esquecida e considero que debemos tela en conta, recuperando esas variedades coñecidas ben pola xente do campo.

Ademais, é unha demanda que nos fan moitos fruticultores, sabedores que fai 60 anos proporcionou ingresos complementarios na explotación rural.

¿Que variedades considera que se adaptan mellor á produción en Galicia para unha plantación comercial?
É difícil nomear que variedades se adaptan mellor, sen facer un ensaio. Pero temos moito avanzado en canto a adaptabilidade, tanto ao clima como ás enfermidades. Outra vertente que vexo moi factible é traballar con variedades resistentes a moteado (Venturia inequalis)

Precisamente, o moteado é un dos principais retos da produción de mazá. ¿Que estratexias se teñen mostrado máis eficaces, tanto en convencional como en ecolóxico para o control do verme da mazá?
En primeiro lugar, controlar moi ben con monitoreo o ciclo do mesmo, nas distintas zonas froiteiras de Galicia. En ecolóxico a confusión sexual por medio de difusores de hormonas, preséntase como unha boa solución, e o mesmo pode usarse en convencional.

Debemos prestar atención aos picos de la 1ª e 2ª xeración do seu ciclo, por se é preciso usar un insecticida – larvicida. No caso de agricultura ecolóxica sería carpovirusina, e en convencional calquera insecticida sistémico autorizado.

A vecería é outro dos grandes problemas para a produción de mazá de sidra. O pasado ano  AFRUGAL dedicou unhas xornadas específicas a esta cuestión. ¿Cales son as conclusións ás que chegastes?
As froiteiras aneiras constitúen un gran problema na fruticultura a nivel mundial, e neste sentido a Consellería de Medio Rural adicou o pasado ano unha xornada de transferencia tecnolóxica ó aclareo.

Debemos regular a produción das froiteiras, para conseguir máis tamaño de froita e (sobre todo en mesa) tamén para ter froita todos os anos.

As conclusións foron que o aclareo en ecolóxico é soamente posible en floración, cando a flor central do corimbo esta callada. Trátase de queimar os estigmas das outras flores que rodean a central. E en convencional temos máis ferramentas: tiosulfato amónico en floración e A.N.A. e Benciladenina a 30 – 40 días despois da plena floración.

“A mazá de sidra pode ser un bo complemento á renda de moitos gandeiros e agricultores”

Para unha persoa que pense dedicarse profesionalmente á produción de mazá de sidra ou de mesa, ¿De que superficie ou produción mínima estariamos a falar para que sexa viable?
Temos que pensar que a mazá de sidra pode ser un bo complemento á renda de moitos labregos. Se só nos adicaramos á mazá de mesa falariamos de 2 – 3 Has. En mazá de sidra estariamos en 4 – 5 HAS. Podemos rebaixar esa superficie se estamos en agricultura ecolóxica, ao ser o prezo da mazá algo maior.

En caso de meter ovellas para pacer a herba, ¿Que precaucións debemos ter?
Para meter ovellas temos que pensar en facer outro sistema de poda de formación con copa alta. O sistema de eixo central que estamos a recomendar non é posible con ovellas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información