Javier Agrelo: un exemplo de fruticultura a tempo parcial

Javier Agrelo é un mozo da Estrada (Pontevedra) que decidiu apostar pola fruticultura como unha actividade a tempo parcial para obter ingresos complementarios do agro. En concreto, plantou 1,7 hectáreas de mazá de sidra e 1 hectárea de kiwi e ten previsto introducirse no arando

Publicidade
Javier Agrelo: un exemplo de fruticultura a tempo parcial

Javier Agrelo no pumar que alugou

A agricultura ou a gandería a tempo parcial é unha interesante fonte de ingresos complementarios para moita xente no rural galego. Javier Agrelo, un mozo de 28 anos da Estrada (Pontevedra), é un exemplo: compatibiliza a súa actividade principal de axente das brigadas de extinción de incendios coa fruticultura a tempo parcial.

En concreto, no seu caso ten plantadas arredor de 1,7 hectáreas de maceiras de sidra en diversas parcelas así como unha plantación de preto de 1 hectárea de kiwi. E de cara ao futuro ten previsto tamén introducirse no cultivo do arando.

“Dende sempre me gustou a agricultura e véxoa como un complemento que me pode xerar algo de diñeiro”, asegura este técnico superior en Xestión Forestal e Medio Natural.

A primeira plantación de maceiras para sidra ecolóxica realizouna no ano 2012 e as seguintes foron no ano 2013 dentro do proxecto Cernes e contando co asesoramento técnico de Ullama, unha cooperativa de mazá de sidra ecolóxica da Estrada que tamén lle garante a comercialización, neste caso a Custom Drinks. “Ullama encárgase da venda e do asesoramento de plantación e cultivo, e para min supón unha tranquilidade moi importante de poder traballar con varios anos vista”, recoñece.

En total son unas 800 as maceiras que ten plantadas, principalmente das variedades tradicionais asturianas para a elaboración de sidra: Raxau, Regona, Durona e Tresali. As marras nas plantacións foinas cubrindo con variedades galegas como a Rabiosa de Callobre, a Sangue de Touro ou a Ollomouro. “As variedades Raxau e Regona son, de momento, as que mellores prenden, xunto coa Rabiosa de Callobre”, asegura Javier. Como patróns utilizou os 111 e 106, este último tamén coa Rabiosa de Callobre.

 “Estar nunha cooperativa que me asegura a venda da mazá foi moi importante”

O marco de plantación que utilizou foi de 3 metros entre maceiras e 6 entre liñas. A planta está toda formada en eixe central, que consiste en deixar un eixe central e arquear as polas laterais para que entre a máxima luz na árbore.

Parte dos terreos que utilizou estaban antes a monte, o que segundo Javier “non supuxo un inconveniente, pois este tipo de maceiras adáptanse ben a este tipo de solos”. Antes da plantación realizou un abonado natural con esterco e un encalado.

Aínda que non foi o seu caso, recomenda instalar nas novas plantacións un sistema de rego para que a planta resista a seca estival durante os dous primeiros anos, ata que as súas raíces profundicen no solo. “No meu caso fun regando con cisterna e realicei acolchado cos restos de herba da finca arredor do pé das maceiras, o que as axuda moito a resistir a seca”.

En canto aos traballos principais, estes consisten en dous desbrozados da herba anuais, dependendo do ano; e tamén dous tratamentos con caldo bordelés ou con oxicloruro de cobre -o cobre é unha dos poucos tratamentos químicos permitidos en agricultura ecolóxica- despois da caída da folla, a comezos de inverno, e outro a comezos da primavera para previr ataques de fungos a planta. Xunto a estas labores, están tamén a poda, durante os meses de inverno e a recolección da mazá no mes de outubro. Se todo vai ben, no 2017, catro ano despois da plantación, será o primeiro ano no que recolla mazá destas novas pomareiras. Os principais problemas que atopou ata agora foron os ataques do corzo, que come os gromos das maceiras en primavera chegando a facelas secar.

Ademais destes novos pomares, Javier Agrelo tamén alugou a un veciño unha plantación xa en produción duns 3.000 metros cadrados e da que este ano prevé colleitar arredor de 5.000 kilos de mazá de sidra.

Plantación de kiwi e unha próxima de arandos

Por outra parte, este mozo fruticultor tamén realizou no ano 2011 unha plantación de arredor dunha hectárea de kiwi en ecolóxico. Sen embargo, os ataques da bacteria PSA, unha praga exótica de corentena que afecta especialmente ás novas plantacións de kiwi, provocoulle importantes marras e un atraso da entrada en produción. Con todo, este ano agarda recoller uns 2.000 quilos que os comercializará a través de Kiwi Atlántico.

Javier Agrelo tamén ten realizado ensaios con froitos silvestres como a framboesa ou o arando. Deste último conta cunhas 300 plantas das variedades Duke, Elliot, Ozar Blue e Brigitta, sendo esta última a que mellor resultados lle deu. O seu proxecto é realizar unha plantación, pero antes quere asegurar o canal de venda e a dispoñibilidade de terreo. “O momento do arando é agora porque no futuro o máis probable é que baixen os prezos”, asegura.

“Non é fácil conseguir alugueres das fincas a 20 anos”

Precisamente, o acceso á terra con garantías para o inquilino é un dos obstáculos que Javier Agrelo ve na súa zona para realizar plantacións frutícolas. “Se vas mercar a terra é moi difícil que o prezo sexa de mercado e razoable e en alugueiro o problema é que para estas plantacións precisas alugueres a polo menos 20 anos, e non é fácil porque o propietario pensa que podes adquirir algún tipo de dereito sobre a propiedade. Eu probei con dúas e non o conseguín”, asegura.

Malia estas dificultades, este mozo fruticultor segue vendo a actividade agrícola a tempo parcial como unha interesante fonte de ingresos complementaria, máxime cando ten asegurada a venda duns produtos, como a mazá de sidra ou o kiwi galegos, nos que hai máis demanda que oferta.

Unha das plantacións de maceiras

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información