Hortas de Galicia, medrar a modo para obter o mellor sabor

Mondoñedo é un concello con tradición hortícola no que están a xurdir nos últimos anos novas iniciativas neste campo. Mónica e Jorge montaron o seu primeiro invernadoiro hai tres anos. Hoxe teñen xa 12, distribúen eles mesmos a súa mercadoría e pensan en novos proxectos, para os que queren incrementar volume de produción e de mercado.

Hortas de Galicia, medrar a modo para obter o mellor sabor

Mónica en el invernadero. En esta época la lechuga es unos de sus principales cultivos.

“Nós non aceleramos o crecemento das distintas plantacións para que todo o que apañamos teña sabor”. É a filosofía coa que naceu hai tres anos Hortas de Galicia, un proxecto que Jorge puxo en marcha no seu pobo, Mondoñedo, xunto coa súa parella, Mónica. “Eu son de Madrid, urbanita, e disto non sabía nada, pero gústame e estou contenta”, aclara Mónica.

En varias fincas alugadas cultivan até 25 referencias distintas. No inverno leituga, coliflor, brócoli ou repolo e no verán tres variedades de tomates e dúas de pementos, ademais de cabaciño, berenxena, cogombro ou cabaza. Buscan ese sabor propio e intenso de cada produto que só se logra se as cousas van medrando paseniño, ao seu ritmo.

Como a súa propia empresa. “Non temos ningún préstamo, segundo temos así investimos”, conta Mónica, que explica que “até agora todo o que sacamos ímolo reinvestindo para ir medrando pouco a pouco”. Están a montar dous novos invernadoiros para sementar cara a esta primavera, na que contarán xa cunha ducia, que suman uns 6.000 metros cadrados a cuberto. A maiores, labran fóra unhas 3 hectáreas.

Cada invernadoiro cústalles entre 5.500 e 6.000 euros, ao que hai que engadir o tractor e os apeiros que teñen para traballar a terra e unha furgoneta e un furgón isotermo que usan para o reparto. “En conxunto é un investimento bastante importante, así que queremos gañar en volume de produción e de mercado para rendibilizar mellor todo iso e poder dar un salto que nos permita afrontar novos proxectos e investimentos”, contan.

 “O produto vai moi fresco e iso obríganos a empezar moi cedo a recoller”

Están alugar unha nave para almacén, mercar unha báscula de chan para facer pesadas en palés e instalar unha cámara frigorífica coa que poder planificar doutro xeito a recollida do produto. “Imos sobre pedido no mesmo día, así que apañamos pola mañá e facemos o reparto nós mesmos pola tarde. O produto vai moi fresco e iso obríganos a empezar moi cedo a recoller, sobre as seis e media da mañá, pero somos só tres, nós os dous e Raquel, unha empregada, e se temos moito pedido acabamos moi tarde de cortar e iso atrásanos o reparto, porque hai días no verán que non acabamos de apañar a mercadoría até as tres ou ás catro da tarde. Así que queremos mercar unha cámara de segunda man, porque nova custa uns 40.000 euros, non para almacenar mercadoría nela, senón para poder traballar con máis previsión e aproveitar as horas da tardiña para apañar produtos como tomate para o día seguinte”, explica Mónica.

Os seus principais clientes son pequenos supermercados de Lugo, A Coruña e Ourense, ademais de tendas de barrio, froitarías e algún distribuidor. Mónica é a que se encarga da parte máis comercial e tamén do reparto. “Hai moita competencia e hai que loitar moito todos os días”, di, pero descarta a venda a grandes superficies polas condicións que impoñen aos produtores.

O tomate, un dos produtos estrela

Neste momento teñen leituga en distintas fases de crecemento en oito dos invernadoiros e nos outros dous acelga, coliflor, brócoli e repolo. A leituga, da que poñen unhas 6.000 plantas por invernadoiro das variedades lisa e rizada, tarda en inverno uns 3 meses en chegar ao tamaño de venda, polo que ao ir plantando escalonadamente a medida que van levantando as plantacións de tomate e pemento do verán, logran sacar nalgúns casos, nos primeiros invernadoiros que botan, dous ciclos de leituga.

Pero sen dúbida un dos produtos estrela de Hortas de Galicia é o tomate. “Dásenos moi ben e ten moito sabor”, din orgullosos. Botan tres variedades (anairis, raf e rama) e logran producións de 2.000 quilos á semana nos meses de verán nos até agora oito invernadoiros que adicaban a tomate (poñen unhas 800 plantas en cada invernadoiro). Noutros dous puxeron o ano pasado pemento, das variedades italiano e lamuyo.

“Este ano teremos dous invernadoiros máis e imos adiantar un mes a plantación do tomate, de finais de marzo a finais de febreiro, porque o microclima de Mondoñedo permíteo, para así ter froito xa a comezos de xuño, tamén un mes antes”, avanza Mónica. Pero sen acelerar o crecemento da planta porque queren incrementar volume e produción pero sen perder sabor. “Buscamos ter unha marca recoñecida en base a iso, que se identifique o noso produto porque ten sabor”, di. Ese mesmo sabor que Mónica botaba en falta cando vivía en Madrid.

Abonado ao xeito tradicional, con esterco

HORTA_MONDOÑEDO_esterco e novos invernadoiros

Na busca dese sabor de sempre logrado nas hortas familiares galegas, aínda que nunha produción a maior escala, Jorge e Mónica recuperaron este ano o abonado das terras con esterco, que mercan a un veciño gandeiro, aínda que nesta zona é difícil de conseguir porque hai poucas explotacións que o produzan e moita demanda, ao ser Mondoñedo un concello con tradición hortícola e con novas iniciativas, como a de Jorge e Mónica, xurdidas nos últimos anos.

“A nosa non é unha produción ecolóxica pero tentamos usar os menos produtos químicos posibles, porque isto tamén o como eu e o que non quero para min non o quero tampouco para os meus clientes”, argumenta Mónica, que conta que “este ano tivemos nabizas e repolos aos que non se lles botou absolutamente nada”.

Non usan herbicidas senón que “o control das malas herbas é todo a base de mondar e mondar” e tampouco empregan ningún tipo de sulfatos ou compostos químicos se non é imprescindible. “Ás veces é inevitable usar algo porque senón non terías colleita ou sería rexeitada polo consumidor, por exemplo cando hai pragas de pulgón, porque aquí na Mariña non hai xeadas importantes polo que é un clima idóneo para a produción de horta durante case todo o ano pero, ao mesmo tempo, non tes ese frío que elimina de xeito natural este tipo de insectos”, explica.

 “Buscamos que se identifique o noso produto porque ten sabor”

Loitan a diario tamén contra outra praga, a da imaxe de produto apetecible que traslada publicidade televisiva e os lineais dos grandes supermercados, que priman o aspecto visual sobre a calidade e que acaban influíndo nas preferencias do consumidor. “En alimentación as estratexias de venda das grandes cadeas de distribución buscan uniformidade e non sabor, así que os pequenos produtores coma nós tamén nos vemos obrigados a adaptarnos a esa uniformidade se queremos vender, pero no noso caso queremos facelo sen perder sabor”, recalca Mónica.

Concentrar as parcelas que labran

A maioría das leiras que traballan son alugadas pero de pequeno tamaño. Por iso están tratando de facer unha reorganización na zona de cultivo para concentrar a superficie que labran ao aire libre a carón das dúas fincas onde teñen os invernadoiros. “Hai bastante terra baleira e os alugueiros son asequibles, pero temos parcelas moi pequenas e dispersas que son máis difíciles de traballar e de xestionar de maneira eficiente e perdemos moito tempo saltando dunha para outra”, explican. Ademais unha parte das 3 hectáreas que traballan ao aire libre son moi húmidas, con presenza de fontes de auga, polo que só as poden usar na primavera e no verán porque no inverno enchóupanse.

Jorge e Mónica son “autodidactas”, porque aínda que el é de Mondoñedo, antes non se adicaba a isto e non lle ven tampouco de tradición familiar. “Aprendemos a base de cometer erros e perder diñeiro”, din, porque “en agricultura 2 máis 2 non son 4, son 3 e con sorte”, afirman.

A medida que foron collendo experiencia nestes tres anos que levan de andadura foron introducindo cambios no xeito de traballar e nas técnicas empregadas. Por exemplo, nas producións de verán fan rego por goteo pero en inverno as leitugas réganas por aspersión dentro dos invernadoiros. “Facilítanos o traballo de levantar os sucos, airear a terra e volver plantar”, explican. Nos novos invernadoiros que montaron puxeron tamén rede de malla nas portas no canto de plástico para que haxa máis ventilación e menos temperatura, aínda a costa de perder crecemento nalgúns casos.

Páxina web con receitas e venda online e novos retos

HORTA_MONDOÑEDO_WEBHortas de Galicia conta cunha páxina web na que propoñen moitas receitas que se poden facer cos seus produtos e a través da cal venden as súas producións a un público máis novo e urbano, acostumado a mercar por internet, unha ferramenta coa que poder saltar tamén a limitación dos mercados de proximidade. A venda online é algo que pouco a pouco chegará tamén ao sector dos produtos frescos, un mercado polo que xa están a apostar xigantes como Amazon.

En só tres anos Mónica e Jorge puxeron en marcha un proxecto en base á terra que se está a demostrar viable e agora tentan traballar con máis comodidade e dar un salto que lles permita enfrontar novos retos. “Temos outros proxectos en mente, pero para eles necesitamos medrar primeiro para poder enfrontalos económicamente. A nave que temos apalabrada para almacén era un antigo concesionario de coches e ten unha zona de exposición de vehículos que queremos aproveitar para montar unha tenda onde vender as nosas verduras e tamén outros produtos desta zona aproveitando o tirón que Mondoñedo ten para o turismo”, avanza Mónica.

“Hai que traballar moito e non sempre saen as cousas como queres, así que hai decepcións, pero tamén moitas satisfaccións e moita ilusión. E nós montamos isto para que nos dera para vivir, non para facernos millonarios, e para poder traballar en algo que nos satisfaga persoalmente”, conclúe.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información