Couza guatemalteca: O SLG demanda que a Xunta informe cando se levantará a prohibición de plantar pataca

Publicidade
Couza guatemalteca: O SLG demanda que a Xunta informe cando se levantará a prohibición de plantar pataca

O vicerresponsábel do Sector de Horta, Froita e Flor do Sindicato Labrego Galego, Henrique Outes

O vicerresponsábel do Sector de Horta, Froita e Flor do Sindicato Labrego Galego, Henrique Outes, vén de rexistrar un escrito dirixido ao conselleiro de Medio Rural no que se denuncia o que consideran “escurantismo da Consellaría á hora de tratar a crise da couza guatemalteca”.

“As familias que cultivan pataca nas zonas afectadas só están accedendo á información sobre a xestión desta praga a través dos medios de comunicación que, en ocasións, publican datos contraditorios que non fan máis que xerar unha maior confusión, realizando un labor informativo necesario pero que debería corresponder, en primeiro termo, á propia Xunta de Galicia”, aseguran dende o SLG.

SLG: “Fontes da Consellería de Medio Rural aseguran que a prohibición de plantar pataca nas zonas afectadas vai para longo”

Así, dende a organización agraria explican que “se ben por unha parte o sector produtor das zonas en corentena está recibindo con optimismo as novas de que os controis da couza guatemalteca están a funcionar de cara a erradicar a praga, inferindo que, polo tanto, axiña poderán volver cultivar patacas con normalidade, sen embargo fontes da propia Consellaría de Medio Rural consultadas polo Sindicato Labrego afirman que é moi improbable que se erradique a praga e que o criterio para levantar as prohibicións é o de deixar pasar dous anos sen cultivar dende a captura do último exemplar de Tecia solanivora, polo que tendo en conta que en 2018 seguíronse atrapando exemplares de couza guatemalteca en tódalas zonas afectadas, a prohibición de plantar vai para longo”.

“Pero o sector produtor -denuncian- non ten ningunha declaración nin dato oficial de Medio Rural ao respecto, polo que non o sabe (….) e a desinformación no sector está a ser total”.

Ante esta situación, dende o Sindicato Labrego demandan da Consellaría de Medio Rural a convocatoria urxente de xuntanzas de carácter informativo en tódalas comarcas afectadas pola corentena da Tecia solanivora e a publicación de informes nos que se faciliten todos os datos existentes en cuestións como as medidas adoptadas, os avances na loita por erradicar a couza guatemalteca, a estimación dos prazos nos que se manterá a praga en cada comarca, etc.

Ademais, volven reclamar a necesidade de que na comisión de seguimento desta crise “haxa representación do sector produtor, principal damnificado dos danos e prohibicións e principal interesado en coñecer os progresos, datos e decisións na loita contra esta praga”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información