Colleita histórica de mazá de sidra en Galicia

Estímase que a colleita en Galicia superará os 8 millóns de quilos, máis do dobre que o pasado ano. Os prezos mantéñense entre os 24 e os 30 céntimos. Os expertos insisten na necesidade de realizar aclareos para lograr producións regulares.

Colleita histórica de mazá de sidra en Galicia

Recollendo mazá de sidra na Estrada

A colleita de mazá de sidra 2017 en Galicia será recordada como unha das maiores dos últimos anos, cunhas previsións duns 8 millóns de quilos, arredor dun 70% máis que a recollida o pasado ano. Boa parte dela destinarase á sidrería de Custom Drinks en Chantada, elaboradora da Sidra Maeloc, pero tamén se exportará a Asturias e ao País Vasco, así como a un crecente número de pequenas sidrerías galegas.

Así o destacan dende as dúas principais asociacións de produtores de Mazá de Sidra de Galicia: a cooperativa Ullama, na Estrada, e Afrugal, que agrupa a produtores do norte de Galicia, principalmente.

Miguel Soto (Ullama): Na Estrada vai ser unha colleita histórica, con máis de 1 millón de quilos

Miguel Soto, técnico da cooperativa Ullama asegura que “a pesar da seca, que impediu que o froito tivera un calibre maior, a colleita, que se alongará ata o mes de novembro, está a ser moi boa, de forma que prevemos recoller máis de 1 millón de quilos, un 70% máis que o pasado ano”.

A cooperativa, que agrupa a uns 40 produtores e a unhas 100 hectáreas, está centrada na produción de mazá ecolóxica que lla venden a Custom Drinks, cunha garantía de recollida e tamén de prezo, que se sitúa en 30 céntimos o quilo.

A sidrería chantadina está a actuar como motor das novas plantacións de mazá de sidra en Galicia, debido á crecente demanda nos mercados exteriores da súa Sidra Maeloc. E é que se o pasado ano, esta empresa pertencente a Estrella Galicia, procesou uns 1,8 millóns de quilos de mazá galega, as previsións para esta campaña apuntan a que se superarán os 3 millóns de quilos.

Outras sidrerías galegas como Val de Traba, Peroja ou Ribela tamén están a apostar con forza por unha sidra galega de calidade, un produto con arraigada tradición histórica en Galicia.

“Temos que potenciar a sidra galega e deixar de exportar mazá para fóra”

Neste sentido, Miguel Soto subliña a importancia “de sacar valor engadido á mazá galega, deixando de exportala a baixos prezos para Asturias, e potenciando a sidra galega de calidade, porque isto tamén redundará positivamente no produtor”.

Así, o técnico de Ullama móstrase especialmente crítico co que considera “banalización da sidra que se fixo dende Asturias, cun produto moi barato, moitas veces elaborado con mazá de fóra de España, e que non redunda nos agricultores”. “En Galicia temos moi boa materia prima e temos que apostar pola sidra galega de calidade e pola exportación”, conclúe.

Francisco Otero (Afrugal): “É clave facer aclareos nas maceiras para lograr colleitas regulares”

Pola súa parte, Francisco Otero, presidente de  Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal) recoñece que “este está a ser un ano récord en produción, cunhas previsións de máis de 8 millóns de quilos en Galicia”.

“Axudou moito que foi un ano impar, no que abunda máis a iniciación floral, que se rexistraron as horas de frío necesarias -máis de 800- unido a que a primavera foi moi boa para a polinización, co que a colleita de froita en Galicia está a ser moi boa”, explica.

En canto aos prezos para os socios desta asociación, que reúnen unhas 25 hectáreas, roldan entre os 22 e 24 céntimos o quilo en convencional e os 29/30 céntimos en ecolóxico. Neste caso, o 60% da mazá véndenlla a Custom Drinks e o 40% restante véndese a Asturias.

Afrugal ten previsto converterse en cooperativa

Sen embargo, Francisco Otero incide en que “para ter plantacións profesionais de mazá de sidra, cunhas producións regulares que eviten as fortes oscilacións que temos dependendo se o ano é par ou impar, resulTa imprescindible facer aclareo da froita nos anos que levan moita, coma este”. “E para iso existen métodos tanto para produción en ecolóxico como de tipo hormonal para as plantacións en convencional”, engade.

Neste sentido, o presidente de Afrugal adianta que nuns ensaios de aclareo que realizaron este ano, “tivemos bos resultados, especialmente na variedade De La Riega”, unha das máis implantadas.

Por último, Francisco Otero avanza que “en Afrugal estamos dando pasos para converternos en cooperativa”, e poder vender en conxunto, mellorando os prezos para os asociados.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información