“Coa venda directa quero recuperar o prestixio da pataca da Limia”

Patacas Ama é unha iniciativa de Amador Díaz Penín, agricultor de Xinzo de Limia, para vender directamente ao consumidor as súas patacas a través de internet. O ano pasado vendeu máis de 12.000 kilos, fundamentalmente a clientes de fóra de Galicia, e este ano prevé duplicar as vendas

“Coa venda directa quero recuperar o prestixio da pataca da Limia”

Amador Díez Penín cunha das caixas das súas patacas que vende por internet

Revalorizar a pataca da Limia apostando pola calidade e pola orixe, e suprimir intermediarios a través da venda directa. Con esta idea botou a andar hai tres anos Patacas Ama, unha iniciativa de venda directa de patacas a través de internet, directamente do agricultor ao consumidor.

“Estaba canso de ver o maltrato a esta comarca, vendendo pataca como da Limia que en realidade non o é e cuns prezos ao agricultor que hai anos en que non cobren os custos de produción. Por iso decidín dar o paso e vender directamente as miñas patacas ao consumidor final”, explica Amador Díaz Penín, un agricultor de Piñeira (Xinzo de Limia) que decidiu poñer en marcha esta iniciativa de venda directa.

“Empecei coa web hai tres anos -explica-, cando estábamos vendendo as patacas por debaixo dos custos de produci8ón, e para poñer esta iniciativa en marcha fixeime na venda online de laranxas, un negocio que tamén partiu dos agricultores para revalorizar o seu produto e lograr uns prezos xustos para o produtor e para o cliente”.

Amador Díaz Penín cultiva 12 hectáreas de tubérculo, nas que nun ano normal colleita uns 400.000 kilos. O 90% é de variedade Agria, que vende case na súa totalidade directamente á industria para frito, e o 10% restante é da variedade Kennebec, a tradicional pataca branca para os cachelos, que é máis demandada para a venda directa a través da súa páxina web.

“A mellor publicidade é o boca a boca dos clientes”

A valoración destes tres anos non pode ser máis positiva: “A xente respondeu de forma marabillosa, e non só manteño os clientes senón que os sigo aumentando”. A campaña pasada vendeu máis de 12.000 kilogramos, e o seu obxectivo é duplicar as vendas en cada campaña.

“A mellor publicidade é o boca a boca dos clientes. Se chega unha caixa a Barcelona, aos dous ou tres días ven un novo pedido preto dese enderezo”, asegura con orgullo.

Ao vender exclusivamente as patacas que el produce, os tubérculos están dispoñibles para o cliente de outubro a maio, aínda que a medio prazo márcase como obxectivo construír unha cámara de frío para alongar o período de venda.

Unha caixa de 20 kilos por 19 euros en calquera punto de España

E cal é o tipo de cliente de Patacas Ama? “O 90% dos clientes son galegos que están fóra, cunha idade media 58 anos. Intento ter unha comunicación directa con eles e que che agradezan a calidade da pataca que lle mandas é unha satisfacción tremenda”, recoñece Amador.

E non menos importante, ¿Cal é o prezo e o formato no que están dispoñibles as patacas? Este agricultor vende os seus tubérculos en caixas de 10 e de 20 kilos e dúas variedades: Agria e Kennebc. A caixa de 10 kilos sae a 12 euros, IVE e gastos de envío incluídos, e a de 20 kilos sae a 18 euros na Agria e a 19 euros na Kennebec, unha variedade que concentra o 90% das vendas. “A caixa de dez kilos pídena a primeira vez, para probar, pero logo o 98% pídeme xa caixa de 20 kilos, e a veces varias”, explica.

As patacas envíaas por servizo de transporte e en 24 horas ou menos están na casa do cliente.

A venda directa levou a que volvese recoller as patacas a man e a non utilizar herbicidas

A venda directa das súas patacas levou a Amador Díaz Penín a facer cambios no cultivo para mellorar a calidade do seu produto. “Volvín plantar a variedade Kennebec e recólloa a man, porque é moi sensible aos golpes que lle dá a máquina colleitadora. Ten un custo engadido, pero supón maior calidade. Tamén unha vez sementadas facemos labores de acaballonamento e aramos dúas ou tres veces para non utilizar herbicidas. E seguiremos introducindo cambios co fin de que as patacas sexan da mellor calidade”, asegura.

Ademais, da venda directa de caixas, Amador Díaz Penín tamén envía regularmente sacos de patacas a unha taberna galega de Cartagena, así como a particulares que demandan cantidades importantes para todo o ano. Este pasado mes de outubro tamén empezou a realizar envíos das súas patacas envasadas en bolsas de 3 kilogramos para unha tenda galega de Madrid. “É unha experiencia nova e de momento os clientes están respondendo ben e pode chegar a ser un mercado importante”, asegura.

De cara ao futuro, Amador Díaz Penín está convencido de que “en 5 anos crearei un posto de traballo para unha persoa facendo caixas de patacas”. “A maior dificultade é chegar ao cliente, pero tamén digo que as miñas patacas, cando alguén pide unha caixa e as proba queda enganchado, porque aos 15 ou 20 días repite”, conclúe.

image_print

3 ideas sobre ““Coa venda directa quero recuperar o prestixio da pataca da Limia”

  1. Jordi González atanes

    Hola!!!! Como Puedo hacerte un pedido? Solo son sacos de 20kg o hay menos? Y su precio? Tengo família x alfrdedor de xinzo Da límia y nunca e provado mejor patata k la de tu zona😊😊😊

    Contestar
    • campogalego

      Hola Jordi:

      Los pedidos los puedes hacer en cajas de 10 o de 20 kilos. Como figura en la información, el precio para la variedad Kennebec, la tradicional patata blanca para cachelos es de 12 euros por 10 kilos y 19 por 20 kilos, gastos de envía e IVA incluídos. Puedes realizar tu pedidos a través de la web: http://patatasama.com y en 24 horas o menos las tendrás en tu casa. Gracias por tu interés.

      Un saludo

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información