Aviso fitosanitario en cítricos e horta

Areeiro lembra a eficacia das podas tardías en especies leñosas. Os técnicos advirten de que non se deben aplicar funxicidas de cobre con temperaturas frías como as destes días

Publicidade
Aviso fitosanitario en cítricos e horta

Limóns afectados por 'Phitophthora hibernalis'.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar o primeiro aviso fitopatolóxico do ano, no que lembra a eficacia das podas tardías (ata a primavera) nas especies leñosas. A técnico Rosa Pérez destaca que xa estarán feitas en moitas especies leñosas (viña, froiteiras e ornamentais), pero sinala que é posible realizalas ata mesmo a entrada da primavera.

Areeiro destaca que unha poda tardía, cando o zume empeza a moverse no interior da planta, favorece a cicatrización natural das feridas e fai menos probable que as xeadas poidan afectar aos gromos cando nazan.

Por outra banda, subliña que hai máis posibilidades de aplicar inmediatamente despois da operación, e sen que haxa risco de toxicidade, os funxicidas cúpricos recomendables para previr o desenvolvemento de certos fungos causantes das alteracións da madeira, pois moitos deles penetran maioritariamente a través dos cortes. En cambio, na actual situación de temperaturas frías, os técnicos inciden en que non se deben aplicar funxicidas con cobre.

Outro dos consellos de Areeiro é retirar da finca a madeira de poda e nunca deixar ou triturar e incorporar ao terreo restos que se saiba proveñan de plantas enfermas. Ademais, insiste en que as plantas mortas non só deben cortarse, senón que hai que retirar igualmente o conxunto de toco máis raíces para reducir o risco de ataque de fungos das raíces como ‘Armillaria’ e outros.

Cítricos
En concreto, con respecto aos cítricos, a Estación Fitopatolóxica sinala que tralas chuvias -sobre todo se houbo retencións de auga na contorna das raíces- poden aparecer síntomas como caída de follas, asociados a ‘Phytophthora cinnamomi’ ou outras especies do xénero, que son bastante frecuentes nos cítricos. Ante a aparición dos primeiros indicios é recomendable tratar con funxicidas a base de fosetil ou óxido cuproso. No caso de intervir, débese respectar estritamente o prazo de seguridade do produto empregado.

Tamén é frecuente nestes momentos ver froitos coa podremia típica de ‘Phytophthora hibernalis’. Ao marxe da aplicación de funxicidas, é moi recomendable retirar da árbore, e tamén do solo, a froita moi afectada, pois se non se fai o risco de infección é elevado e poden instalarse tamén outros patóxenos oportunistas. En calquera caso, e a pesar de estar autorizados, hai que lembrar que os funxicidas de cobre non se poden empregar con temperaturas frías como as destes días.

Por outra banda, as temperaturas anormalmente altas de finais de xaneiro nas horas centrais do día favoreceron a aparición de gromos nalgunhas árbores e sobre estes xa se poden ver adultos e colonias de ninfas da ‘psila africana’. O frío está a frear o avance da praga, mais é conveniente retirar os gromos afectados que sexa posible.

Plantas de horta, buxo e piñeiro

Dende Areeiro apuntan tamén que nestes momentos é frecuente ver danos por caracois ou babosas nas plantas de horta. Lémbrase que hai substancias rexistradas para o seu control que poden axudar a reducir os danos, ademais de medidas culturais que limitan os ataques (o control das malas herbas ou a eliminación dos restos de cultivos anteriores).

En canto ao buxo, no laboratorio da Estación Fitopatolóxica xa se detectou un inicio da actividade de eirugas invernantes da ‘Cydalima perspectalis’ nunha serie de gromos. Por este motivo, e aínda que segundo as previsións meteorolóxicas van continuar os fríos no exterior, aconséllase vixiar os gromos das plantas por se aparecen os primeiros danos.

Finalmente, no relativo á procesionaria do piñeiro, aínda que as primeiras procesións de enterramento xa fai tempo que se teñen detectado -aínda na semana pasada cando as temperaturas non eran tan baixas-, é posible observalas nalgunhas zonas, polo que unha vez máis insístese en que non se deben manipular baixo ningún concepto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información