O presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), José Antonio Fernández, presentou onte en Monforte de Lemos os datos de evolución de número de operadores, superficie e volume de produto certificado ecolóxico en Galicia durante 2015, sector que segue unha evolución que é crecente, malia as baixas puntuais.
Javier García Lozano, secretario do CRAEGA, explicou que os produtos que máis medran na certificación ecolóxica son leite e derivados, carne e produción avícola, conservas, peixe e pensos para alimentación animal.
En concreto, no primeiro cuadrimestre de 2015, a superficie medrou pasando a ter inscritas 16.236,75 hectáreas en Galicia, o que supón un crecemento da superficie dun 6,59% en catro meses. “Esto é debido, en parte, ás novas axudas para a agricultura ecolóxica, que puxo en marcha a Consellería do Medio Rural no mes de marzo deste ano”, explicou José Antonio Fernández.
SUPERFICIE 30/4/15 | SUPERFICIE 2014 | % VARIACIÓN | |
A CORUÑA | 1.257,36 | 1.112,00 | 13,07% |
LUGO | 6.959,30 | 7.090,92 | -1,86% |
OURENSE | 6.961,94 | 6.016,86 | 15,71% |
PONTEVEDRA | 1.058,15 | 1.013,32 | 4,42% |
TOTAL GALICIA | 16.236,75 | 15.233,10 | 6,59% |
Medra un 4,15% o número de produtores inscritos no CRAEGA
En cantos aos operadores, segundo ven de facer público o CRAEGA, no primeiro cuadrimestre de 2015 o número de operadores medrou un 4,13% respecto do ano 2014, sendo esta porcentaxe dun 4,03% nas industrias, e un 4,15% dos produtores.
Deste xeito, as últimas cifras indican que hai un total de 732 operadores rexistrados en agricultura ecolóxica en Galicia, dos que 577 son produtores e 155 elaboradores.