Nematodo, unha praga que resiste durante anos no terreo á espera da pataca

O director do Centro de Control de Variedades Vegetales Agrícolas de Castilla y León, Fernando Alonso, explica algunhas das claves para controlar e minimizar os danos en colleitas polo Nematodo

Nematodo, unha praga que resiste durante anos no terreo á espera da pataca

Un cultivo de patacas afectado polo Nematodo.

O Nematodo do quiste son pequenos vermes, maiores de 1 mm, que deben o seu nome a que as femias, unha vez fecundadas convértense en pequenos quistes adheridos ás raíces da planta da pataca. Os quistes si son visibles a primeira ollada, e das raíces pasan logo ao chan. O Nematodo do quiste da pataca está presente en moitos países xa que está adaptado a todo tipo de climas. É unha praga cunha gran capacidade de propagación dado que a súa taxa de multiplicación sitúase nunhas 30 veces nun cultivo de pataca. Pero, ademais, esténdese polo chan e a praga é capaz de resistir ata 20 anos sen cultivo. O Nematodo aguanta desta maneira no chan ata que se volva a plantar pataca. Neste momento o quiste rompe e libera os nematodos xuvenís que atacan ás raíces reducindo o rendemento da planta. Os expertos, como o director do Centro de Control de Variedades Vegetales Agrícolas de Castilla y León, Fernando Alonso Arce, apuntan a que o cultivo intensivo da pataca favorece a expansión da praga.

Síntomas

Esta praga provoca danos nas raíces e non hai evidencias da presenza do Nematodo na parte aérea da planta. As raíces collen unha cor marrón escuro e ramificanse. Este mal funcionamento das raíces provoca:
-Un crecemento vexetativo pobre
-Plantas ananas. Un ataque forte pode provocar que as plantas queden realmente raquíticas
-Follas marchitas, síntomas como de falta de auga ou elementos minerais
-Baixada da produción
-Aparecen rodais de tamaño variable e ovalados

Detección

Para detectar esta afección, Alonso destaca varios métodos á vez que revela que, estatisticamente, o nivel de detección está nuns 4 millóns de quistes por hectárea:
– Visita ás leiras para detectar zonas de crecemento reducido
– Exame das raíces das plantas para localizar quistes
– Mostraxes e análises da terra
– Bioensaios para determinar os patotipos

O Nematodo sobrevive como quiste, e pode conter 500 ovos que permanecen protexidos no seu interior

Ciclo de vida

A pataca é un cultivo hospedante para o Nematodo e unha vez que as plantas emerxen, as raíces exudan sustancias específicas que estimulan a apertura do quiste e dos ovos que hai dentro do quiste. Nese momento as larvas saen dos ovos. As larvas desprázanse e penetran na raíz. Mentres os machos sofren a terceira e cuarta fases larvarias, as femias van crecendo e mantéñense agarradas á raíz coas súas cabezas. Cando os machos están maduros saen da raíz e apareanse coas femias, é o momento no que estas se converten en quistes. Unha vez convertidas en quistes o seu corpo énchese de ovos e despréndense da raíz. Un quiste pode chegar a ter de 100 a 500 ovos. Este ciclo dura entre 5 e 7 semanas. Os quistes son brancos ao principio, despois vanse escurecendo ata converterse en marróns.

Quistes-nematodo-pataca-

Quistes de nematodo nas raíces das patacas.

Multiplicación

A taxa de multiplicación depende de varios factores como a susceptibilidade da variedade da pataca, a duración do período que a pataca permanece no campo, as condicións do chan ou a temperatura.

Tamén contribúen á propagación desta praga o chan contaminado, as sementes, a utilización de maquinaria, apeiros e material de envasado contaminados. Mesmo a auga, o aire ou os animais poden servir de dispersantes desta afección.

Nun ano sen cultivos hóspede, a poboación de nematodo pode reducirse entre un 20 e un 35%

En caso de sementar variedades resistentes, a incidencia do Nematodo redúcese un 80% nun cultivo. Aínda que permanecen na terra, nun ano sen cultivo que lles sirva de hóspede, a poboación de nematodo redúcese entre un 20 e un 35%. Tamén os climas cálidos provocan unha redución da poboación.
Con todo, o Nematodo sobrevive como quiste, e pode conter 500 ovos que permanecen protexidos no seu interior. Poden, mesmo, sobrevivir a condicións extremas como inundacións, secas ou xeadas.

Prevención e loita

O experto Fernando Alonso establece unha serie de criterios a seguir a modo de prevención da praga e para combatela:

-É fundamental controlar as sementes empregadas

-Unha rotación ampla de cultivos consegue reducir a incidencia da praga

-O emprego de nematicidas é unha solución tamén a ter en conta

-É necesario limpar ou lavar os apeiros implicados no cultivo da pataca, xa que poden servir como elemento de propagación dos patóxenos

-Evitar entradas de elementos doutras zonas. Establecer períodos de corentena para evitar a propagación

-A plantación de “cultivos trampa” pode contribuír a reducir a incidencia da praga

-É preciso evitar os cultivos permanentes de pataca (plantas que nacen se ser sementadas)

A utilización de variedades de patacas resistentes ou tolerantes reduce a incidencia e perdas polo nematodo

Ademais destes aspectos, Alonso Arce tamén insiste na necesidade de determinar os patotipos presentes, xa que unha vez identificados poden seleccionarse variedades resistentes a eles. Nestas variedades de tubérculos, o nematodo ataca ás raíces pero non chega a formar quistes. Doutra banda, a sementeira de variedades tolerantes tamén contribúe a reducir os danos nos cultivos. Este tipo de tubérculos conseguen que non se produza unha diminución na produción aínda que se multipliquen os nematodos.

bortas-patata-nematodo-

Outro factor a ter en conta segundo Alonso Arce son as bortas, as plantas espontáneas que xorden ao longo dun ano sen cultivo de pataca nese terreo. É moi importante evitalas xa que poden multiplicar por 3 ou máis o número de quistes.

 

 

Tratamentos por fumigación

Outros métodos de control implican a aplicación de tratamentos por fumigación, aínda que no prazo dun ano ningún dos produtos citados se poderan utilizar.

-Fumigación con 1,3 dicloropropeno (ás veces apróbase o seu uso excepcional) ou metam sodio (pode empregarse ata o 30 de outubro de 2018). Neste caso a aplicación debe ser coidadosa, xa que un correcto manexo pode lograr a eliminación de ata o 80% dos quistes. En contrapartida, é un método caro para ser usado como única forma de control, polo que é preciso utilizalo nun sistema integrado de control da praga.

-Nematicidas sistémicos: Oxamilo (Vydate) (pode empregarse ata o 31 de xaneiro de 2019) etoprofos (Mocap) (só poderá utilizarse ata finais deste mes de xullo). Aplícanse como gránulos na plantación e reducen a multiplicación do nematodo Globodera, conseguindo que dunha multiplicación de 20-25 nun cultivo se reduza entre 2 e 5 veces.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información