Xestión forestal das carballeiras ou abandono?

O carballo é unha das frondosas máis abundantes en Galicia, se ben a súa expansión vai máis ligada ó abandono do territorio que o seu manexo forestal. Jacobo Feijoo, de Asefoga, avoga neste artigo pola xestión das carballeiras como vía de xerar rendas e de consolidar o seu futuro

Publicidade
Xestión forestal das carballeiras ou abandono?

A alternativa ó abandono de carballeiras pode ser unha xestión conxunta con aproveitamentos produtivos.

O carballo do país (Quercus robur, e tamén o Quercus petraea, carballo albar) é unha das árbores frondosas máis abundantes en Galicia e nos últimos anos atravesa unha notable expansión, segundo se deduce dos sucesivos inventarios forestais. O cuarto Inventario Forestal Nacional reflicte que en Galicia, o carballo está presente nada menos que no 26% da superficie arborada galega, con 124.800 hectáreas puras e outras 248.200 hectáreas en mesturas con outras especies, o que dá idea do seu gran potencial forestal, actualmente infrautilizado.

“O carballo expándese pero é denostado polas longas quendas de corta e por feituras non axeitadas para usos madeireiros”

Este aumento do carballo non é debido ás plantacións feitas polo home, senón a súa capacidade de rexeneración natural. A súa adaptación ás condicións do país e o descenso dos efectos dos lumes fan o resto.

A expansión do carballo, por tanto, non se corresponde cunha valoración axeitada dos usos produtivos e medioambientais da árbore. Máis ben, o carballo é unha especie denostada a nivel forestal polas longas quendas de corta e pola proliferación de pés con feituras non axeitadas para usos madeireiros. Esta percepción do propietario pódese cambiar traballando e ofrecendo posibilidades de futuro.

Os carballos de fuste alto escasean en Galicia.

Os carballos de fuste alto escasean en Galicia.

O aproveitamento tradicional para leña deu lugar á conformación actual dos carballos, moitos deles desmochados e sen fuste. Nas carballeiras hai unha ausencia de selección xenética positiva. Por iso, a excepción son hoxe en día os carballos de porte maxestuoso, cun fuste dereito e alto. Pasear por debaixo dunha carballeira de copas de ata 40 metros de alto só pode compararse en sensación estética con estar baixo unha cúpula dunha catedral gótica.

Xestión
Semella por tanto importante a execución de actuacións forestais neste tipo de masa natural para evitar que o que non xestionemos nós quede no abandono ou o que é peor, que sexa xestionado polos lumes. As intervencións selvícolas, ademais, aumentarán os valores económicos e sociais das carballeiras, sen merma dos seus valores ecolóxicos e medioambientais.

Cómpre insistir en que o mellor xeito de garantir a viabilidade das carballeiras pasa por acadar a súa sostibilidade económica, de xeito que sexamos quen de convertir masas que, de por si xa teñen un alto valor ecolóxico e medioambiental, en masas economicamente rendibles para o propietario, acadando así as tres patas da sostibilidade (económica, social e medioambiental).

“O mellor xeito de garantir a viabilidade das carballeiras pasa por acadar a súa sostibilidade económica”

Masas consolidadas de frondosas
A Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012) prevé a creación dun rexistro de masas consolidadas de frondosas, que se consideran aquelas con máis de 15 hectáreas, con pés maiores de 20 anos e que non son froito dunha plantación forestal.

A creación do rexistro é unha oportunidade para incentivar a xestión das carballeiras, ben conxunta, no caso de varios propietarios, ben comunal, nas comunidades de montes, ou particular.

É dicir, o rexistro de carballeiras como masas consolidadas de frondosas non debería representar só deberes para o propietario, senón tamén vir con incentivos para a súa xestión, de xeito que se garanta a conservación, á vez que un rendemento económico, o que contribuiría a que a carballeira non sexa percibida polo propietario como unha carga, senón como un recurso forestal valioso.

“O rexistro de carballeiras como masas consolidadas debería vir con incentivos para a súa xestión, como axudas para tratamentos selvícolas”

Por onde comezar? Pois probablemente por intervir preferentemente nas 124.000 hectáreas de masas puras, onde segundo se vaian declarando como masas consolidadas, a Xunta podería poñer a disposición dos propietarios axudas para tratamentos selvícolas, perfectamente financiables no marco do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Un obxectivo realista podería ser intervir no 5% desta superficie nos próximos 5 anos. Sería un primeiro paso.

Tratamentos das masas
Os tratamentos nas carballeiras baséanse sempre en sinxelos principios, tratando de seguir a dinámica da natureza. Así como de xeito natural, dentro das masas frondosas a competición pola luz vai facendo que morran os pés dominados menos vigorosos, a nosa función será anticiparnos a ese feito natural, cortando e extraendo aqueles pés peor conformados, e reservando para o seu medre aqueles de mellores características técnicas pola rectitude do seu tronco.

É de destacar que no caso do carballo, o maior valor da madeira concéntrase no couce e no sobre couce (bastarán trozas de 2.5 metros rectas e limpas para dolas de madeira con destino á industria de barricas, e trozas de 5 m para trabes para a construcción e restauración de vivendas rurais). Non esquezamos que o mellor whiskie do mundo madúrase en barricas e pipos de carballo galego.

“Do carballo pódense obter trozas de 2,5 metros para a industria dos barrís. O mellor whiskie do mundo madúrase en barricas de carballo galego”

Os pés extraidos con peor conformación teñen tamén un aproveitamento directo como leña pola súa alta densidade e alto valor calorífico, así como polo fume aromático, moi empregado para dar sabor a alimentos afumados, o cal hoxe en día se pode facer con seguridade, evitando que os benzopirenos (reputados como canceríxenos) acaden o produto afumado.

Axudaremos ó rexenerado completando ocos mediante plantación, ou abrindo espazos á luz solar se as plántulas están excesivamente sombreadas. Favorecerase ás plantas mellor conformadas e con crecemento máis vigoroso, escollendo sempre estas árbores sobre as veciñas que presenten forma deficiente.

“En árbores novos, trataremos de formar unha única guía na árbore, podando aquelas pólas que formen gaias”

En árbores novos, trataremos de formar unha única guía na árbore, podando aquelas pólas que formen gaias. Naqueles pés ainda novos cunha feitura moi deficiente, faremos unha corta pola base da árbore. Rebrotará vigorosamente da cepa e nos anos seguintes seleccionaremos unha única vara, a que presente a feitura máis dereitiña.

Erros a evitar
O carballo adoita expandirse sobre solos frescos e de gran calidade. Non é unha especie ventureira, coma bidueiros, piñeiros ou eucaliptos, polo que sería un erro tratar de forzar o seu asentamento directamente sobre solos pouco propicios, coma toxeiras, sen unha fase previa de forestación con especies pioneiras (piñeiros, bidueiros). Daí o fracaso de gran número de repoboacións forestais, feitas con moi boa intención pero con escaso rigor técnico.

“É un erro tratar de asentar directamente o carballo sobre solos pouco propicios, coma toxeiras”

O propietario tamén debe ter en conta que a Lei de Montes de Galicia prohíbe a sustitución de masas de frondosas autóctonas, coma o carballo, por plantacións de piñeiros ou eucaliptos. En masas de frondosas cortadas, calquera nova repoboación terá que ser necesariamente de frondosas.

Valores ambientais
As carballeiras, a parte da súa función produtiva, teñen a miúdo unha función medioambiental, de prevención da erosión en ladeiras, de fomento da biodiversidade ou de protección de concas fluviais. Esas funcións son valoradas de xeito positivo nos esquemas de certificación foresta..

A medida que o carballo vaia dominando e creando o seu peculiar ambiente, o ecosistema irá aumentando a súa complexidade, aparecendo unha gran variedade de especies de flora e fauna. Os acompañantes do carballo irán aparecendo, abeleiras, acivros, loureiros, érbedos e infinidade de especies de ervas, fentos, e plantas leñosas.

A comunidade florística asociada ó carballo é a máis evolucionada nas condicións de solo e clima de Galicia, xa que se fai estable no tempo se non hai cambios drásticos de lume, enfermidades ou pragas. É o que se coñece como o “climax” de vexetación.

image_print

Jacobo Feijoo

* Jacobo Feijoo é secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) e responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información