Vintedous concellos de Pontevedra recibirán axudas da Deputación para parques forestais

O organismo provincial destina 800.000 euros para apoiar o deseño de 4 novas áreas e para financiar obras noutras 23 existentes ou en proxecto

Vintedous concellos de Pontevedra recibirán axudas da Deputación para parques forestais

Asador no Lago Castiñeiras, no parque forestal de Vilaboa - Marín.

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno o reparto de 800.000 euros de axudas da terceira convocatoria para desenvolver parques forestais que melloren o monte da provincia. Segundo explica o vicepresidente Mosquera, estas subvencións permitirán desenvolver 27 parques forestais en 22 concellos da provincia, sendo catro das axudas para o deseño de novos proxectos e 23 para a execución de actuacións concretas en parques existentes ou xa planificados.

Esta terceira convocatoria de axudas, indica o vicepresidente, rexistrou un grande número de solicitudes por parte dos concellos, esgotándose a totalidade da partida prevista. Presentáronse 30 peticións, catro que foron aceptadas para a liña de deseño de parques, e 26 expedientes para actuacións concretas, dos que se asistiron 23 ao cumprir os requisitos das bases.

Os apoios diríxense ós Concellos, que previamente á solicitude da axuda, chegaron a acordos con comunidades de montes veciñais da súa localidade para a execución dos proxectos. Deste xeito, recibirán subvencións para a redacción de proxectos de novos parques forestais (Liña 1) os concellos de Caldas de Reis, para o parque de Santa María (3.913,14 euros); o de Redondela, para o parque de Monte Castro de Negros (6.000 euros); Salvaterra de Miño, para o parque de Monte Castelo (4.658,50 euros); e Soutomaior, para o parque homónimo (6.000 euros).

Na Liña 2, para obras, recibirán subvencións na comarca de Pontevedra os concellos de Barro, para o parque de Monte dos Casás (34.228,95 euros); o concello de A Lama para o parque forestal As Ermidas (42.670,28 euros); o concello de Poio para o parque de Combarro-Samieira (35.935,86 euros); e o concello de Ponte Caldelas para o parque homónimo (42.670,28 euros).

Na comarca do Morrazo recibirán axudas os concellos de Bueu para obras no parque de Cabo Udra (31.800 euros), o concello de Cangas para o parque de Varalonga-Vilariño (34.010,20 euros), o concello de Marín para o parque de Lagocheiras (21.915 euros), e o concello de Vilaboa para o parque de Cotorredondo (38.178,67 euros).

No Condado-Paradanta as axudas destínanse ao concello de Arbo para os parques Bouza de Miguel (21.849,02 euros) e Serra de San Fins (35.932,86 euros); para o Concello de Covelo co parque Val de Tielas (42.670,28 euros); para Mondariz destinados aos parques de Muíños do río Xabriña-Regueiro do Brete (33.033 euros), Viveiro da Franqueira (32.186 euros) e Gargamala (32.027,04 euros); As Neves para a parte correspondente ao parque de San Fins (31.441,26 euros); e Ponteareas, para Seixiforna-Viveiro (24.216,65 euros) e Picaraña (44.916,08 euros).

Outros concellos que reciben axudas son Catoira (40.424,46 euros); A Guarda para Facho Chans (26.949,65 euros) e A Sangriña-Bouzas (24.703,84 euros); Nigrán para o parque Río Táboas (42.670,28 euros); o concello de Oia para o parque da Serra da Grova e costa de Oia (33.646,21 euros); e Fornelos de Montes para o parque de Freaza (31.355,49 euros).

As axudas da terceira convocatoria de parques forestais pretendían subvencionar os proxectos destinados a preservar, mellorar e destacar valores naturais (paisaxísticos, ambientais, edafolóxicos e forestais) e culturais dos montes; as formacións arbóreas (carballeiras, soutos, fragas etc.); a preservación de especies con valor ecolóxico; a preservación do patrimonio: xacementos arqueolóxicos (castros, mámoas, petróglifos etc.), monumentos, lugares, conxuntos, tradicións ou técnicas artesanais; a adopción de medidas fronte a incendios: silvicultura preventiva, faixas de protección, devasas vexetais ou a creación de puntos de auga; a diversificación de usos: produción de cogomelos, plantas aromáticas, silvopastoreo, aproveitamento de froitos ou apicultura; así como a creación de zonas de uso e aproveitamento para a cidadanía coma sendas peonís, miradoiros, parques, rutas ou aulas de interpretación, entre outros.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información