Uns 17.000 escolares recibirán este ano información sobre coidado do monte e prevención de lumes forestais

Publicidade
Uns 17.000 escolares recibirán este ano información sobre coidado do monte e prevención de lumes forestais

A Xunta planificou para este ano a realización de 324 charlas e actividades divulgativas a prol do monte galego nas que está previsto que participen uns 17.000 alumnos de centros escolares de toda a comunidade.

As xornadas serán coordinadas por xefes, axentes e técnicos da Consellería do Medio Rural e levaranse a cabo nos dezanove distritos forestais nos cales se estrutura a comunidade. Versarán sobre aspectos relacionados coa conservación da natureza, as características dos montes e a prevención, defensa e extinción de incendios. Este número de accións de sensibilización supón un incremento do 11,5% respecto ao 2017 e a cifra de alumnos implicados medra un 30% en relación co pasado ano.

A maioría das iniciativas programadas para este ano desenvolveranse en centros de ensino de infantil e primaria, pero tamén están previstas accións en institutos de ensino secundario e mesmo algunha coa universidade, dirixida a estudantes de Enxeñaría de Montes.

As charlas planificadas para 2018 súmanse ás máis de 800 actuacións de divulgación realizadas no período 2015-2017, que chegaron a 41.249 escolares. A estas actividades cómpre engadir as desenvolvidas a través de iniciativas educativas específicas, tales como “O monte vivo” ou “Montentérate – O monte, a nosa vida”. Nos tres últimos cursos participaron nestes programas, en conxunto, un total de 2.703 rapaces de 29 centros educativos de toda Galicia.

Obxectivo: Sensibilizar dende a infancia na importancia do monte e no rexeitamento dos incendios forestais

A Consellería de Medio Rural leva a cabo tamén accións divulgativas e plantacións simbólicas de árbores aproveitando a celebración, cada 21 de marzo, do Día Mundial dos Bosques.

Os informes sobre as causas dos incendios forestais en Galicia apuntan cara a unha alta intencionalidade e sinalan que a man do home está detrás da inmensa maior parte dos lumes. “Por iso, a prevención ten que centrarse, ademais das actuacións sobre o
terreo, na sensibilización social e a educación ambiental. Isto ten unha importancia especial na infancia, á hora de asentar nela valores de respecto e coidado do medio natural e, especificamente, de rexeitamento á actividade delituosa incendiaria, obxectivos que se perseguen con esta campaña”, salientan dende Medio Rural.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información