Récord de exportacións da industria forestal no 2018, ralentización no 2019

A cadea galega da madeira vén de presentar o informe de actividade da pasada campaña, que pechou cun incremento da facturación, do emprego e das vendas ó exterior

Publicidade
Récord de exportacións da industria forestal no 2018, ralentización no 2019

Presentación do informe sobre o sector da madeira, hoxe en Pontevedra.

A industria forestal galega mantén a liña de crecemento das últimas campañas, cun novo récord de exportacións por valor de 911 millóns de euros no 2018, un 4,6% máis que no anterior exercicio. Tamén melloraron as cifras de facturación do sector, que rondan os 2.300 millóns de euros (+2%) e de emprego, con máis de 21.000 empregos directos na cadea da madeira (+4,8%), situándose ambas cifras en niveis similares ós anteriores á crise iniciada no 2008.

O principal capítulo de facturación da cadea é o de taboleiros e pasta de papel, con 1.043 millóns de euros, seguido de rematantes (462 millóns) segunda transformación da madeira (405 millóns) e aserrado e primeira transformación (384 millóns).

Os datos déronse a coñecer hoxe en Pontevedra nun acto organizado pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) en colaboración coa Escola de Enxeñería Forestal (Uvigo). A presentación do informe 2018 da cadea da madeira correu a cargo do director da Escola, Juan Picos, que tamén foi o coordinador do traballo.

Picos destacou a evolución positiva dos distintos sectores da industria forestal, salvo a excepción da segunda transformación, que reduciu a súa facturación un 17% “polo retroceso de segmentos como o contract”. O contract, centrado na elaboración de mobiliario para cadeas de establecementos ou hoteis, experimentara un crecemento do 26% no periodo 2015-2017, pero o volume de facturación internacional acadado non se puido manter no 2018, se ben para o 2019 espérase unha estabilización dos seus números.

Os crecementos de facturación da industria forestal no 2018 producíronse principalmente no sector do aserrado (+8%) e nas industrias do taboleiro e pasta do papel (+9%). Tamén os rematantes forestais, que se encargan da corta e saca da madeira no monte, melloraron as súas cifras en arredor dun 2%.

Exportacións

Evolución da exportación dos distintos sectores nas últimas dúas décadas.

Evolución da exportación dos distintos sectores nas últimas dúas décadas.

As exportacións da industria forestal, que se duplicaron desde o ano 2000, teñen como principais destinos os países europeos (79%), cun total de 47 países en Europa destinatarios de exportacións galegas. Por valor total, os principais destinos foron Portugal (194 millóns de euros), Francia (94,5) e Alemania (80 millóns de euros).

No segmento de madeira en rollo, sen transformar, destaca Portugal, con 103 millóns de euros. O país veciño tamén é lider en importancións de taboleiros e madeira aserrada (73,3 millóns), en tanto Alemania figura á cabeza en compras de pasta de papel (68 millóns de euros), seguido de Polonia (42 millóns).

En canto ó Reino Unido, que se espera que peche o Brexit proximamente, as vendas galegas da industria forestal totalizaron 48,4 millóns de euros, dos que 38 foron manufacturas de madeira (taboleiros e madeira aserrada) e 6,7 millóns en mobiliario.

Perspectivas do 2019
Os datos que se coñecen xa do 2019 apuntan a unha ralentización do sector, con leves descensos en facturación e vendas ó exterior. Lastran os números factores como a caída do prezo internacional da pasta de papel, unida á incertidume dos mercados internacionais por cuestións como o Brexit ou as batallas arancelarias entre distintos países.

Anuncio de axudas para construír en madeira no rural

O acto de presentación do informe sobre a industria forestal contou coa participación do conselleiro de Economía, Francisco Conde, e do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, que anunciaron para o 2020 unha liña de axudas destinada a persoas mozas que queiran construír vivendas en madeira no rural.

“Canto máis produce o sector forestal, máis colabora na loita contra o cambio climático” (Juan Picos)

A construción con estruturas de madeira, tanto de vivendas unifamiliares no rural, como de edificios de varias plantas en ámbito urbán, é unha tendencia en crecemento en toda Europa. O bo comportamento arquitectónico da madeira contralaminada, xunto co seu carácter de material verde e sostible, explican esa expansión de uso, que tamén está chegando a Galicia.

A Xunta xa acometeu un centro de saúde en madeira na Laracha e proxecta outros dous no Porriño e en Moaña.

Buque insignia contra o cambio climático
Ao respecto do emprego da madeira na construción, Juan Picos destaca que ese uso representa o “buque insignia” do sector forestal contra o cambio climático. “Canto máis produce o sector forestal, máis colabora na loita contra o cambio climático, pois permite reducir os gastos en combustibles fósiles doutros sectores”, salienta.

Así, os estudios conclúen que unha casa elaborada en madeira ten como mínimo unha pegada de carbono un 40% inferior a unha vivenda elaborada en formigón e ladrillos.

Fibras téxtiles
O crecemento do uso das fibras téxtiles elaboradas a partir da madeira, que se espera que medre a un ritmo do 3,9% anual, é tamén unha boa noticia a nivel de cambio climático, pois permitirá unha redución do uso de fibras sintéticas derivadas do petróleo.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información