Publicado o decreto que regula os reinvestimentos das comunidades de montes

A Xunta vén de publicar a norma que marca as cotas mínimas que deben reinvestir os montes veciñais na xestión da súa superficie forestal

Publicado o decreto que regula os reinvestimentos das comunidades de montes

O 40% do reinvestimento debe ser en actuacións de xestión forestal.

As comunidades de montes, tal e como xa anunciara Medio Rural no 2015, deberán reinvestir alomenos un 40% dos seus ingresos na mellora e protección da súa superficie forestal, segundo recolle un decreto da Xunta que se vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG). Como excepcións, o decreto recolle que no caso de ingresos derivados da saca de madeira por incendios, temporais ou pragas, o reinvestimento no monte debe ser do 100%.

No caso de que as comunidades de montes entendan que non son precisos eses niveis de reinvestimento na súa superficie forestal, deberán xustificalo ante a Administración, que terá que dar o visto bo a unha reducción da porcentaxe.

As actuacións ás que se terán que dirixir as cotas obrigadas de reinvestimento son as seguintes:

– Redacción ou actualización do instrumento de ordenación ou de xestión do monte.

– Execución dos traballos programados no instrumento de xestión ou de ordenación comunicado ou aprobado pola Administración para ese monte. Poderanse executar actuacións non previstas, con carácter extraordinario, que tamén deberán contar co visto bo previo da Xunta.

– Custos en materia de servizos que leve consigo a xestión forestal sustentable e a súa certificación forestal.

– Deslindamentos, incluídos custos de avinzas, e posterior marcaxe do monte veciñal.

Ingresos sobrantes
Os ingresos sobrantes, unha vez aplicada a cota mínima de reinvestimento, poderanse dirixir, en todo ou en parte, á adquisición e consolidación de montes, á posta en valor do monte veciñal desde un punto de vista social, patrimonial, cultural e ambiental; a obras ou servizos comunitarios con criterios de reparto proporcional entre os distintos lugares e ó reparto entre todos os comuneiros e comuneiras a partes iguais.

Prazos
Os reinvestimentos no monte poderanse executar no ano no que se obtivo o ingreso en cuestión ou dentro dun periodo de catro anos, contados a partir da finalización de dito ano. Se non puidese ser executado ese gasto no periodo de catro anos, a comunidade de montes deberá presentarlle á Xunta un plan de investimentos plurianual.

No primeiro semestre de cada ano natural, o monte veciñal comunicaralle á Consellería de Medio Rural os ingresos xerados e os investimentos executados no monte no anterior exercicio.

O decreto da Consellería, publicado esta semana no DOG, entra en vigor no mes de xuño.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información