comunidades as neves salvaterra

Preocupación nas comunidades de montes polo retraso na corta da madeira queimada nos lumes de outubro

A Asociación Forestal de Galicia, que mantivo unha reunión con montes veciñais das Neves e Salvaterra, advirte tamén da necesidade dun plan de restauración para recuperar as masas forestais

Pasados máis de catro meses dos incendios forestais que calcinaron amplas superficies do sur de Pontevedra, unha parte importante da madeira queimada continúa sen retirar. O problema é especialmente significativo nos montes veciñais conveniados coa Xunta, nos que a Administración está a convocar con retraso as poxas para a corta dos lotes afectados, segundo sinala a Asociación Forestal de Galicia en nota de prensa.

O descontento das comunidades de montes cos retrasos na corta e saca de madeira queimada foi un dos principais temas abordados nunha reunión que mantivo esta semana a Asociación Forestal de Galicia con montes veciñais dos concellos de As Neves e Salvaterra. O encontro, que se desenvolveu nas Neves, forma parte da ronda de reunións que está a iniciar a Asociación Forestal con comunidades de montes e propietarios forestais da provincia co obxectivo de recoller as súas inquedanzas.

A madeira sen retirar está a perder valor no monte e representa ademais unha diana clara para o insecto vector da praga do nematodo

En As Neves e Salvaterra, a preocupación pola madeira queimada que continúa no monte é dobre. Por un lado, os retrasos nas cortas están depreciando a madeira de valor comercial, o que repercute nun aumento das perdas para os propietarios. Por outro lado, As Neves e Salvaterra están incluidas na zona demarcada pola praga do nematodo do piñeiro, o que obriga a ter retirado do monte a 1 de abril de cada ano todas as árbores decaídas ou sintomáticas, susceptibles de ser propicias para albergar ó insecto vector da praga, o ‘Monochamus galloprovincialis’, que se estima que inicia nesas datas o seu periodo de voo.

Nematodo do piñeiro
A cuestión, por tanto, é que toda a madeira queimada na zona demarcada tería que estar retirada do monte a 1 de abril, de cara a previr posibles novos focos da praga.

Tras os lumes de outubro, as comunidades de montes veciñais e os propietarios forestais axilizaron no posible a corta da madeira afectada con valor comercial nas superficies que xestionan eles directamente. O principal problema radica nos montes conveniados coa Administración, onde a Xunta está a sacar con retraso as subastas dos lotes afectados. Ese retraso repercute ademais en que, dada a saturación de madeira que hai no mercado, parte deses lotes que agora se subastan están a quedar desertos.

Madeira sen valor comercial
Outra das preocupacións das comunidades de montes está na retirada da madeira queimada sen valor comercial, na maioría dos casos plantacións de poucos anos. A Xunta convocou no outono axudas para a retirada da madeira queimada sen valor comercial, pero polo de agora non aprobou as solicitudes presentadas, polo que esa madeira continúa no monte.

As axudas para a retirada de madeira sen valor comercial están aínda pendentes de aprobación

A Administración comprometérase tamén coa Asociación Forestal de Galicia a asumir a trituración da madeira sen valor comercial que as comunidades de montes non puidesen retirar polos seus propios medios, pero tamén esta é unha cuestión aínda pendente de concreción, segundo expón a organización.

Na zona demarcada polo nematodo e na zona tampón con Portugal (unha franxa de 20 km a partir da fronteira), a Xunta mantén acordos coa firma Tragsa para que acometa cada ano a retirada das árbores decaídas ou sintomáticas. A Asociación Forestal de Galicia entende que é preciso que a Xunta consensue coas comunidades de montes e co sector forestal cal vai ser a actuación de Tragsa nos montes afectados polos lumes, a fin de que a súa actuación contribúa a reducir os actuais problemas e a evitar conflictos.

Plan de restauración das zonas afectadas polos lumes

A Asociación Forestal de Galicia incide, por último, en que é preciso que a Xunta poña en marcha un plan de restauración das zonas afectadas polos lumes, a fin de recuperar as masas forestais, sobre todo as plantacións novas con poucas posibilidades de rexeneración natural. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, comprometérase en decembro coa Asociación Forestal de Galicia a buscar fondos para acometer este plan de restauración, se ben polo de agora non houbo novas ao respecto.