Os produtores de eucalipto queren apoios para prevención de lumes

Promagal, o colectivo que agrupa ás asociacións de propietarios do norte galego, propón que toda a cadea da madeira, do fragueiro á industria, asuma o pago dun canon. Demanda tamén subvencións da Xunta similares ás do piñeiro

Os produtores de eucalipto queren apoios para prevención de lumes

O mato baixo o eucaliptal aumenta a intensidade dos lumes e dificulta o seu control.

Onde máis eucalipto hai en Galicia, na Mariña lucense e en Ferrolterra e Ortegal, a penas hai lumes, pero se os houbese, o monte, unha masa continua de eucaliptais, convertiríase nun polvorín. Os propietarios forestais do norte galego están a tomar conciencia do perigo, tralas vagas de lumes de Galicia e Portugal, e queren impulsar medidas de prevención.

A preocupación polo risco de incendios plasmouse na última asemblea de Promagal, o colectivo que agrupa a unha vintena de asociacións de produtores de eucalipto do norte galego. Os propietarios forestais emitiron un comunicado tras a asemblea na que reclaman maiores apoios para medidas de prevención. Tamén piden actuacións de ordenación do monte e que se cumpra a regulación de distancias do arborado con vivendas e vías de comunicación.

“Ence ten que dar a cara. O beneficio que saca é moito e ten que corresponsabilizarse na prevención de lumes”

O presidente de Promagal, Ramón Reimunde, subliña a importancia de impulsar medidas de prevención, como rozas, control do mato nas pistas e creación de puntos de auga.

“Na Mariña, temos menor risco de lumes por un clima máis húmido e porque o monte é produtivo, pero non está tan limpo como debera. Economicamente non é posible” -valora Reimunde-. “Eu como silvicultor, sei que non teño todas as parcelas perfectas, pero porque non é posible, e coma min, os demais”.

Promagal avoga por medidas que impulsen rozas periódicas nas plantacións de eucalipto. “O que non pode ser é facer unha plantación e deixala 15 anos, ata a corta, porque convírtese nun perigo. Nos eucaliptais pasa moita luz e créase moito sotobosque de fieitos e frondosas. Nacen bidueiros, salqueiros, castiñeiros e de todo. É preciso un control do mato”, subliña Reimunde.

Canon da cadea da madeira
Os propietarios piden que haxa unha corresponsabilidade nas tarefas de prevención e apuntan á cadea da madeira e á Xunta. “Unha solución práctica consistiría en que toda a cadea, madeirista, transportista e industria, se comprometan ó pago dun canon ós propietarios que teñan o monte coidado. O máis práctico é un pequeno incremento de prezo na madeira cortada, por exemplo dun euro por tonelada. O sector e grandes industrias como Ence teñen que dar a cara porque o beneficio que sacan é moito”, defende Reimunde.

“Cando un monte está mal, con demasiado mato, xa hai madeiristas que reducen o prezo por tonelada porque teñen que facer unha roza previa á corta. O que demandamos é que se faga tamén o contrario. Cando o monte estea coidado, hai que primar ó propietario”, sinalan desde Promagal.

Axudas para rozas
O outro punto sobre o que incide Promagal é a petición de axudas públicas para rozas nos eucaliptais, igual que hai, por exemplo, para piñeirais.”Sempre que traslado esta demanda, na Xunta dinme que o eucalipto subvenciónase a si mesmo (polo seu prezo de mercado), pero non é de todo certo porque un tractor con desbrozadora pode andar polos 70-90 euros por hora e hai zonas que precisan de rozas manuais”, cuestiona Reimunde. “O monte non dá para tanto ou, nalgún caso, o propietario non quere gastar”.

Respeto ás distancias
Promagal fai tamén un chamamento para que os seus asociados respeten as distancias que teñen que existir do arborado a núcleos de poboación e vías de comunicación. “Se se cumpriran esas distancias ou se fixeran cumprir, teriamos máis sitios posibles onde parar o lume”, recoñece o colectivo de asociacións de propietarios.

“Hai puntos onde se engancha o lume, leva 10 ou 15 quilómetros de monte”

Outro punto que os produtores de eucalipto consideran preciso é o impulso da ordenación do monte. “O ideal é que teñamos unha paisaxe mosaico, onde o eucaliptal se entrecruce con pastos, aldeas e masas de frondosas. Agora mesmo, na Mariña temos puntos onde se engancha o lume, pode levar fácil 10 ou 15 quilómetros de monte”, recoñece o presidente de Promagal, Ramón Reimunde.

O colectivo reclama concentracións parcelarias forestais e medidas de ordenación do monte. Nin unha palabra das sociedades de fomento forestal (Sofor), a figura que puxo en marcha a Xunta para tratar de impulsar a xestión conxunta do monte agrupando a propietarios forestais. A propia Administración recoñece implicitamente o seu fracaso, pois nos presupostos do 2018 adícalle ás Sofor un 0,1% do seu orzamento, medio millón de euros.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información