cabras meira pastos estandar

Obradoiro en Beariz sobre comunidades de montes veciñais

Agaca organiza unha actividade formativa de cinco días sobre gobernanza cooperativa nos montes en mancomún

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) organiza entre o 25 de febreiro e o 1 de marzo un obradoiro sobre gobernanza cooperativa de montes veciñais. Será en Beariz (Ourense) e está orientado a persoas involucradas ou interesadas na xestión destas superficies. O obradoiro pretende amosar vías de impulso da rendibilidade dos montes baixo o réxime de xestión cooperativizada, favorecendo o emprendemento de actividades económicas e a xeración de emprego, especialmente entre a xuventude.

A actividade, de carácter gratuíto, desenvolverase en cinco xornadas temáticas: Iniciativas innovadoras na valorización dos montes veciñais no medio rural, Gobernanza e organización cooperativa das CCMMVV, Fiscalizade, Titularidade e defensa da integridade dos montes veciñais e Instrumentos de ordenación ou xestión forestal.

Agaca organiza esta actividade no marco da Rede Eusumo, que conta con apoios da Xunta e do Ministerio de Asuntos Sociais.

As persoas interesadas en asistir poden inscribirse chamando ao 981 58 47 83 ou na web de Agaca.